NAO

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Actuación no Aversion Fest 2015
OrixeA Estrada, Galicia Galicia
Período2005 - 2019
Xénero(s)Hard rock
Selo(s) discográfico(s)Mafia Records
MembrosPablo Jasper
X. Ramón Iglesias
Gustavo Brea
Paul Zervero
Antigos membrosXavi Raiba "Xavinho" (voz 2005-08)
Maceira (baixo 2005-07)
Fran (voz)
Ramón (batería)
Na rede
www.somosnao.com
Facebook: somosnao Twitter: somosnao Instagram: nao_galiza MySpace: somosnao Spotify: 3qGKzPXtu62RDTy5qOCxPs Musicbrainz: cfe4898c-bb85-4535-b993-1f046c891fed Discogs: 5598533 Editar o valor em Wikidata

NAO foi un grupo galego de música rock orixinario da Estrada, Pontevedra. Estivo activo de 2005 a 2019, tempo no que editou catro álbums de estudio ademais de tres EPs. As letras das súas cancións caracterízanse polo compromiso político e a crítica social.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi creado en 2005 na Estrada por músicos que se coñecían doutros grupos como Xenreira ou Fusquenlha.[2] Os seus primeiros integrantes eran Pablo Carracedo "Jasper" (guitarra), Xavi Castro "Xavinho" (voz), Gustavo Brea (guitarra), Xosé Maceira "Maki" (baixo) e Ramón (batería).[3] Con esta primeira formación gravaron deron o seu primeiro concerto no Centro Social A Revolta do Berbés, en Vigo, e gravaron dúas maquetas en 2006: Usa a palabra e Somos NAO. En 2007 Maceira deixou o grupo e entrou no seu lugar Paul Zervero.[3] En novembro dese ano editaron o seu primeiro álbum, As palabras espidas, nos Estudios Garate de Andoain, co produtor vasco Kaki Arkarazo. O disco incluía unha canción co poema de Rosalía de Castro "A xustiza pola man" na que, a voz feminina, corría a cargo de Patty Castro, fundadora e coordinadora do proxecto Mulleres Galegas Kañeras (MGK). Pouco despois Xavi deixou o grupo, e Jasper, guitarrista e compositor da maioría de temas, comezou a tamén a cantar.

No 2010, lanzaron o seu segundo álbum, Coas túas mans, que foi autoeditado. A finais de 2012 comezaron un proxecto de mecenado para publicar o seu terceiro traballo, Cancións de amor e liberdade, que tamén foi autoeditado e que viu a luz o 26 de febreiro de 2013.[4] Dende ese disco o batería do grupo pasou a ser Xosé Ramón Iglesias "Amós".[5]

No 2014 publicaron Cartas no caderno, un EP que presentaron en abril. Tratábanse de cinco temas, sendo un deles de produción propia e que deu nome ao disco, e os outros catro versións de temas doutros artistas: "Acción galega" de Xenreira (sobre un poema de Ramón Cabanillas, convertido en himno de Acción Gallega), "Os vampiros" de Zeca Afonso, "Je veux" de Zaz e "Como o vento" de Sétima Legiâo. Tamén ese ano o grupo fíxose co galardón da categoría Metal na segunda edición dos Premios Martín Codax da Música.[6]

No 2015, puxeron música á campaña de Nós - Candidatura Galega para as Eleccións xerais de España de 2015 coa canción “Nós, porque este soño é necesario para un soño” en colaboración con Mini e Navia Rivas.[7] Ese mesmo ano anunciaron a futura disolución do grupo, que se faría efectiva tras a publicación dunha triloxía de discos.[8]

No 2016 entrou Torroncho como baixista no lugar de Anxelo, que substituíra anteriormente a Paul, e lanzaron un dobre EP cos títulos Soñar e Crear.[9] O primeiro foi gravado en Pousada Son, con Iago Pico como produtor, mentres que o segundo se gravou en Andoain. Presentouse na Sala Capitol de Santiago, con Monoulios DOP e Poetarras como abreconcertos.[10]

"Heroes da resistencia"

En xuño de 2018 lanzaron dous sinxelos, "O brazo armado" e "Cultura crítica" (este último contou coa colaboración das Tanxugueiras e de SonDaRúa),[11] e en novembro saíu á luz Ata que o lume se apague, o seu derradeiro disco, co que iniciaron a súa xira de despedida.[12][13] No 2019 foron galardoados por segunda vez co Premio Martín Códax da Música na categoría Metal.[14]

O 7 de decembro de 2019 deron o seu último concerto diante de dous milleiros de persoas no Recinto Feiral de Amio, en Santiago de Compostela, poñendo fin a 14 de anos de traxectoria. SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo e Odolaren Mintzoa actuaron como abreconcertos.[15]

Membros[editar | editar a fonte]

  • Pablo Carracedo "Jasper": Guitarra e voz
  • Gustavo Brea "Gus": Guitarra
  • Antón Fernández "Torroncho": Baixo
  • X. Ramón Iglesias "Amós": Batería
Actuación no Festival A Candeloria 2016 (Lugo)

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio[editar | editar a fonte]

EPs[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O grupo musical Nao de A Estrada rexeita a carta recibida do concelleiro de Cultura". La Voz de Galicia. 14 de xaneiro de 2015. Consultado o 1 de xuño de 2016. 
  2. "Nao - Sobre nós". www.somosnao.com. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2019. Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 "NAO Galiza" (en castelán). Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  4. Docampo, Lois (28 de marzo de 2013). "Un disco con muchos mecenas". Faro de Vigo. Consultado o 7 de xullo de 2015. 
  5. "Adeus e grazas, Nao". Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  6. Docampo, Lois (19 de decembro de 2014). "El grupo estradense Nao recibe el premio Martín Codax en la categoría de Metal". Faro de Vigo. Consultado o 7 de xullo de 2015. 
  7. "Mini e Nao poñen música á campaña de Nós-Candidatura Galega cun vídeo que xa é viral". Sermos Galiza. 14 de decembro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2016. Consultado o 21 de xuño de 2016. 
  8. "“Nao é un grupo creado para a denuncia da realidade e, sobre todo, para darlle forza á xente”". praza.gal. 29 de outubro de 2015. Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  9. "Sés, Nao y Tractor Troy se suman al cartel del festival Armadiña Rock de Combarro". 1 de maio de 2016. Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2016. Consultado o 21 de xuño de 2016. 
  10. "Soñar e Crear cos Nao". Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  11. "Nao, SonDaRúa y Tanxugueiras por una "Cultura Crítica" - Funkmamma". funkmamma.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2018. Consultado o 2018-11-03. 
  12. "Nao se despide con el disco «Ata que o lume se apague»". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de outubro de 2018. Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  13. "«Ata que o lume se apague»". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de novembro de 2018. Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  14. "Premios Martín Códax 2019". Consultado o 27 de decembro de 2019. 
  15. González, Serxio (12 de decembro de 2019). "Nao, sensacións do tempo cumprido". La Voz de Galicia. Consultado o 27 de decembro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]