Moncho Valcarce

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moncho Valcarce
Nacemento5 de setembro de 1935
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento1 de febreiro de 1993
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e presbítero regular
editar datos en Wikidata ]

Ramón Valcarce Vega, coñecido tamén coma o cura das Encrobas, nado na Coruña o 5 de setembro de 1935 e finado na mesma cidade o 1 de febreiro de 1993, foi un crego e político galego.

Vida e carreira eclesiástica[editar | editar a fonte]

Terceiro de oito irmáns (catro nenos e catro nenas), formouse na escola dos Xesuítas de Vigo e no Instituto Masculino de Ensinanza Media da Coruña e matriculouse por libre en Dereito na Universidade de Compostela. Porén máis tarde decidiu estudar teoloxía e o pai tentouno convencer de ir a Roma. El optou por comezar nun nivel máis humilde e en 1963 ingresa no seminario de Santiago de Compostela e recibe as primeiras ordes.

Porén será expulsado por mor duns escritos e o arcebispo Quiroga Palacios suxírelle que continúe na Coruña, por libre, os seus estudos eclesiásticos e convídao a realizar labor pastoral na igrexa de San Xosé e na Colexiata. Na igrexa de San Xosé permanece ás ordes do párroco Xosé Lamas e na Colexiata ás do abade Manuel Espiña. Ó ano seguinte (1964), co cambio de autoridade e baixo a titoría de Manuel Espiña, volve novamente a Compostela e é ordenado sacerdote o 19 de decembro de 1969.

Moncho Valcarce establécese como crego nas parroquias de Sésamo e Sueiro, no concello de Culleredo, en marzo de 1971, no seu primeiro destino como sacerdote. Fala galego, non emprega o vestiario tradicional dos cregos e calza a boina. Tamén se nega a cobrar a paga de sacerdote e as taxas polos servizos relixiosos. Datan dese tempo os seus primeiros enfrontamentos coa autoridade eclesiástica e a súa cada vez maior implicación co movemento antifranquista. O Partido Comunista instala unha imprenta na casa reitoral, que se converte nun punto de encontro de pluralidade para distintos colectivos de distintas ideoloxías.

Detencións e participación política[editar | editar a fonte]

A Ramón Valcarce detéñeno en Betanzos en setembro de 1974 nunha adega propiedade dun antigo garda civil cando asistía a unha xuntanza. Bota tres días no cuartel e lévano ó cárcere da Coruña. Mentres permanece encadeado, os seus fregueses fan folga de misas, e cando o liberan organízanelle unha festa de recepción. A partir de aí decide implicarse nas estruturas políticas, e particularmente nas nacionalistas. Participa na creación de Fouce, a revista das Comisións Labregas e o 21 de marzo de 1977 é xa formalmente militante da AN-PG (Asemblea Nacional- Popular Galega).

Pero Moncho Valcarce fíxose coñecido particularmente pola súa participación no conflito das Encrobas. Nas Encrobas, e grazas a un decreto asinado en 1972 polo xeneral Franco, a empresa Lignitos de Meirama quería acceder ás terras dos campesiños titulares en troques do que estes consideraban baixas indemnizacións. No transcurso das manifestacións e enfrontamentos coa Garda Civil, Moncho Valcarce é detido o 15 de febreiro de 1977.

Faleceu de cancro na Coruña aos 57 anos de idade. No seu libro Revolucionario e místico/Diario íntimo da doenza final (Encrucillada, 1994) reflicte os pensamentos deses últimos anos.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • O concello da Coruña inaugurou en 2018 unha placa na casa da rúa da Franxa en que naceu.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]