Mi Tierra (Ourense)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mi Tierra foi unha revista gráfica de carácter rexionalista que apareceu en Ourense en xullo de 1911.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Subtitulada Revista gallega, foi fundada por Xerardo Álvarez Limeses, que exercía de xerente, e dirixida por Eugenio López Aydillo. Logo de fracasar o proxecto de Galicia Ilustrada (da que só apareceu o número 0), que tamén pretendía recoller a tradición de La Ilustración Gallega y Asturiana, Xerardo Álvarez Limeses fundou Mi Tierra, pero tampouco ten éxito pois desapareceu aos poucos números, non conseguiu pasar dun mes de vida. A súa transcendencia estivo no feito de poñer en contacto a Castelao co grupo de intelectuais ourensáns que anos máis tarde daría orixe ao grupo Nós.

Entre os seus colaboradores estaban Antón del Olmet, Vicente Risco, Castelao, Manuel Murguía, Antonio Rey Soto, Fernández Mato, Noriega Varela, Vicente Risco, Avelino Rodríguez Elías e Antón Vilar Ponte que asinaba co pseudónimo de Antón de Rabodegalo. Como responsable da información gráfica figuraba José Pacheco.