Masacre de Santa Cruz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O masacre de Santa Cruz (tamén coñecido como o masacre de Dili) foi un tiroteo ocorrido o 12 de novembro de 1991 no cemiterio de Santa Cruz da cidade de Dili, capital da entón provincia indonesia de Timor Timur, e no cal perderon a vida polo menos 250 manifestantes en prol da independencia de Timor Leste debido á ocupación do país por parte de Indonesia. É parte do xenocidio de Timor Leste.

Transfondo[editar | editar a fonte]

O masacre de Santa Cruz tivo lugar durante unha procesión funeraria á tumba de Sebastião Gomes.

En outubro de 1991 proxectouse, durante unha visita do enviado especial da ONU Pieter Kooijmans, unha visita dunha delegación a Timor Leste integrada por membros do Parlamento portugués e doce xornalistas.[1] O goberno indonesio obxectou a inclusión na delegación de Jill Jolliffe, un xornalista australiano considerado como partidario do Fretilin, movemento independentista timorense, e Portugal posteriormente cancelou a delegación.[2][3] A cancelación da delegación causou unha perda de ánimo entre os activista pola independencia, quen esperaban utilizar a visita para aumentar a atención internacional sobre a súa causa.[4] E así, as tensións entre autoridades indonesias e as mocidades timorenses aumentaron nos días seguintes á decisión de Portugal. O 28 de outubro, as tropas indonesias atoparan un grupo de membros da resistencia na Igrexa de San Antonio de Motael. O resultado foi unha confrontación que resultou na morte de varias persoas, incluíndo o independentista Sebastião Gomes.[5]

Neses momentos había estranxeiros que viñeran a Timor Leste para observar a delegación portuguesa, incluíndo a xornalistas independentes como Amy Goodman e Allan Nairn, e o camarógrafo británico Max Stahl, que asistiron a un acto conmemorativo para Gomes o 12 de novembro, no que varios homes, mulleres e nenos camiñaron desde a Igrexa de Motael até o cemiterio de Santa Cruz. Foi a manifestación máis grande e máis visible contra a ocupación indonesia desde 1975.[6]

O masacre[editar | editar a fonte]

Durante unha breve confrontación entre manifestantes e tropas indonesias, un número de manifestantes e un maior do exército, Geerhan Lantara, foron acoitelados.[7] Stahl dixo que Lantara atacara a un grupo de manifestantes incluíndo a unha moza que levaba a bandeira timorense, e o activista de FRETILIN Constâncio Pinto relatou que testemuñas presenciaran golpes por parte da policía e soldados indonesios.[8][9] Cando a procesión logrou chegar ao cemiterio algúns continuaron as súas protestas ante a parede do cemiterio. Ao redor de 200 soldados indonesios chegaron entón e avanzaron contra os manifestantes coas súas armas desenfundadas.[10] As tropas indonesias abrirían logo fogo contra uns centos de civís desarmados.

O masacre foi presenciado polos dous xornalistas estadounidenses, Amy Goodman e Allan Nairn, e filmado por Max Stahl, quen traballaba para a Yorkshire Television. Cando Stahl filmou o masacre, Goodman e Nairn «tentaron servir como escudo para os timorenses». Os soldados empezaron entón a golpear a Goodman, fracturándolle o cranio.[11]

Polo menos 250 timorenses morreron na matanza.[12] As autoridades indonesias describiron o incidente como unha reacción espontánea á violencia dos manifestantes ou un «malentendido».[13] Os obxectores ás accións dos militares citaron dous factores en contra desta versión: a historia documentada de violencia en masa cometida por tropas indonesias en sitios como Quelicai, Lacluta e Kraras, e unha serie de declaracións de políticos e axentes en Indonesia, xustificando a violencia do exército.[14] Try Sutrisno, comandante en xefe das forzas indonesias, dixo dous días despois do masacre: «O exército non pode ser subestimado. Ao final tivémoslles que disparar. Aos delincuentes como estes axitadores hai que dispararlles, e iso se vai facer».[15]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Unha recreación do masacre en novembro de 1998

En resposta ao masacre, activistas ao redor do mundo organizáronse en solidariedade con Timor Leste. A pesar de que unha rede pequena de individuos e grupos viñera traballando polos dereitos humanos e a autodeterminación do Timor Leste desde que a ocupación empezara, a súa actividade tomou nova forza despois do masacre de 1991.[16] TAPOL, unha organización británica formada en 1973 para promover a democracia en Indonesia, aumentou o seu traballo ao redor de Timor Leste. Nos Estados Unidos fundouse a East Timor Action Network e pronto conseguiu sedes en dez cidades ao redor do país.[17] Outros grupos de solidariedade apareceron en Portugal, Australia, Xapón, Alemaña, Malaisia, Irlanda e Brasil.

As imaxes do masacre foron vistas por todo o mundo, causando vergoña considerable ao goberno indonesio. A cobertura era un exemplo de como o aumento dos medios de comunicación en Indonesia facía cada vez máis difícil para a «Nova Orde» controlar o fluxo de información en Indonesia, e que nos tempos despois da Guerra Fría, o goberno tería que lidar cun crecente escrutinio internacional. As imaxes do masacre foron tamén distribuídas en Indonesia, permitíndolle aos propios cidadáns indonesias ver as accións do goberno sen ningunha censura.[18]

O Congreso dos EUA votou a favor de cortar o financiamento para a formación do persoal militar indonesio, aínda así a venda de armas dos Estados Unidos ás Forzas Armadas de Indonesia continuou.[19] O presidente Bill Clinton cortou todos os lazos militares de EUA co exército indonesio en 1999. En 2005, EUA retomara o adestramento e cooperación militar e para 2012 o presidente Barack Obama aumentara a axuda financeira militar para Indonesia a $1.56 mil millóns.[20]

O masacre moveu ao goberno portugués a aumentar a súa campaña diplomática. Portugal tentou aplicar presión ao promover o asunto entre os outros membros da Unión Europea, mais sen moito éxito. Aínda así, outros países da Unión como o Reino Unido mantiveron relacións económicas próximas con Indonesia, incluíndo vendas de armas.[21]

O aniversario do masacre é conmemorado en Timor Leste como día festivo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Krieger, p. 257.
  2. Alatas, p. 53.
  3. Hyland, Tom: "Jakarta 'sabotage Timor visit'" Arquivado 17 de setembro de 2006 en Wayback Machine., The Age, 28 October 1991. Read at Hamline University Apakabar Site. URL Accessed 26 August 2006.
  4. Pinto, p. 183; Alatas, p. 57.
  5. Singh, pp. 155–156; Pinto, pp. 183–184; Carey, p. 49; Alatas, p. 57
  6. Pinto and Jardine, p. 190.
  7. Krieger, pp. 257–258.
  8. Kubiak, W. David. "20 Years of Terror: Indonesia in Timor – An Angry Education with Max Stahl". Kyoto Journal. 28. Reprinted at The Forum of Democratic Leaders in the Asia-Pacific. Consultado o 14 de febreiro de 2008.
  9. Pinto and Jardine, p. 191.
  10. Carey, p. 50; Pinto and Jardine, p. 191; Anderson, pp. 149–150; Alatas, p. 58; Singh, pp. 157–159.
  11. "Massacre: The Story of East Timor". Democracy Now! (en inglés). Consultado o 2023-11-12. 
  12. "Santa Cruz Massacre". www.etan.org. Consultado o 2023-11-12. 
  13. Brigadier General Warouw in Amnesty (1991), p. 4
  14. Carey, p. 51.
  15. Carey, p. 52.
  16. Jardine, pp. 67–69.
  17. "About ETAN". etan.org. Consultado o 2023-11-12. 
  18. Vickers (2005), pp. 200-201
  19. ETAN: U.S. Policy toward East Timor, East Timor and Indonesia Action Network.
  20. Los Angeles Times. "U.S. to resume aid to Kopassus Indonesia's controversial military forces". LA Times. Los Angeles Times. Consultado o 6 de abril de 2013. 
  21. "CAAT Publications - Arms to Indonesia Factsheet". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2008. Consultado o 12 de novembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]