Manwë

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manwë escrito en Tengwar Quenya

Manwë é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra O Silmarillion. É un dos Valar, os seres anxelicais que custodian e gobernan Arda (o mundo no universo de Tolkien). Manwë ocupa o primeiro lugar entre os Aratar, os oito Valar de maior poder. O seu nome quere dicir O Abeizoado

Personaxe[editar | editar a fonte]

Manwë é o irmán menor de Melkor na concepción de Eru, que lle concedeu o maior poder e autoridade sobre Arda, converténdoo no seu representante. A súa esposa é Varda, coa que vive nas súas mansións, no alto de Taniquetil, a montaña máis alta de Arda, en Valinor.

É o Señor do Vento e o Primeiro Rei. Arda é o seu dominio, pero o seu principal amor é o elemento do aire, e por iso chámaselle Súlimo, Señor do alento de Arda[1]; outros dos seus sobrenomes son o Alto Rei de Arda e o Señor do Oeste. As aguias son as súas mensaxeiras e o Maia Eonwë é o seu heraldo.

Cando Melkor creou a disonancia durante a Música dos Ainur, Manwë substituíuno como director da canción[2]. Após a formación de Arda, Manwë exerceu o seu cargo de gobernante de maneira bondadosa e compasiva, indiferente ao seu propio poder. Porén, non comprendía o mal, nin sequera na forma do seu propio irmán. Así, cando Melkor cumpriu a súa condena de tres idades á que fora sometido logo da Guerra dos Poderes[3], liberouno sen sospeitar dos seus plans. Isto permitiu a Melkor sementar a desconfianza no corazón de Fëanor, envelenar as Dúas Árbores de Valinor, asasinar a Finwë, roubar os Silmarils e incitar a revolta dos elfos Noldor. Para alentar aos Eldar, Manwë fixo que Aulë crease os barcos que carrexarían o Sol e a Lúa, sabedor da inminente chegada dos Homes, e enviou a Thorondor e as demais aguias para vixialos.

Após a Guerra da Cólera, da que saíu derrotado Melkor (agora chamado Morgoth), Manwë expulsouno ao baleiro, fóra de Arda. Segundo a profecía de Mandos, na Batalla Final, cando Morgoth e o seu fiel aliado Sauron escapen, Manwë e os dous Señores Escuros enfrontaranse nas Chairas de Valinor, mais nin o Vala nin o Señor Escuro resultarán mortos, e será o Home Túrin Turambar quen acabe con Morgoth.

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

  1. J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0048231398, "Valaquenta", páx. 28
  2. J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0048231398, "Ainulindalë", páx. 21
  3. Véxase o artigo Anos das Árbores