Vladimir Lossky
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Vladimir Nicolaievich Lossky (1903-1958) Teólogo ruso da Igrexa Ortodoxa. Naceu en Gottingen pero viviu coa súa familia en Petrogrado ata que, tras a revolución soviética, a seu pai tivo que exilarse de Rusia en 1922.
A súa infancia estivo fondamente marcada pola execución do Metropolita de San Petersburgo polos soviéticos, que tivo ocasión de presenciar
Estudou na facultade de Artes na Universidade de Petrogrado e continuou os seus estudos en Praga e na Sorbona en París, especializándose en filosofía medieval. Ingresou na confraría de San Focio coa arela de contribuír a unha ortodoxia universal. Casou en 1938 e tivo catro fillos. Permaneceu en París ata o seu pasamento en 1958.
Ensinou teoloxía dogmática no Instituto de Santo Dionisio en París.
A súa principal tarefa foi o estudo do misticismo do cristianismo oriental. Precisou conceptos como hipostasis, theosis ou theoría, ao seu xuízo mal entendidos pola teoloxía da Igrexa Católica subxugada por un xuridicismo frío e legalista dende o Gran Cisma que rachou a unidade das igrexas.
Estudou aos Pais da Igrexa como Basilio o Grande, Gregorio de Nisa ou Gregorio Nacianceno ou autores bizantinos como Gregorio Palamas. Florovsky viu nel o autor dunha nova grande síntese patrística.
[editar] Pensamento
A orixe do mal está no trabucado uso da liberdade do home. Este optou pola soberbia autosuficiente provocando unha fractura en sí mesmo e unha división cos demais comezando a parasitar o universo.
A salvación en Xesús de Nazareth restaura a verdadeira natureza do home por pura Graza. A obra salvadora de Cristo abre á persoa á participación na divinidade pola accíón do Espírito. Deus fíxose semellante ao home pola Encarnación, o home faise semellante a Deus pola deificación (theosis), tal como xa ensinara Atanasio de Alexandría. A acción do Espírito da vida á necesaria multiplicidade persoal da Igrexa. Se non existira a acción do Espírito isto significaría a aniquilación das persoas humanas nun único cristo, unha deificación impersoal, unha benaventuranza sen benaventurados. Por iso a obra do Espírito da como froito a pluralidade orientada cara a unidade. A importancia non subordinada da acción do Espírito é entendible e preservada na ortodoxia polo rexeitamento da cláusula engadida no credo occidental filoque, que subordina o Espírito ao Fillo, cando ambos proceden do Pai e só do Pai.
Nesta obra redentora participa tamén a vontade da humanidade a través do si de María, a humilde mociña que coa súa plena aceptación sitúase no límite entre o creado e o increado, o que explica a devoción sen límites que o pobo crente lle ofreceu recoñecéndoa como nai da persoa divina do Logos, o Verbo de Deus feito home (theotokos).
Os Pais da Igrexa acometeron unha revolución da linguaxe e dos conceptos para explicar a experiencia cristiá. Utilizaron a expresión hipostasis (que significaba cousa no seu matiz de particularidade) para designar ao Pai, ao Fillo e ao Espírito. E utilizaron a palabra ousia (que significaba cousa no seu matiz común cos demais obxectos) para denominar a súa identidade esencial. Así superaron o concepto de Un no pensamento grego platónico,para expresar a antinomia que encerra o misterio do Amor. O Un, a diferencia do que sostiña o filósofo Plotino é a superación das oposicións non polo esvaimento no impersoal, senón pola plena afirmación da persoa na plenitude do amor. O Amor é a fonte da existencia persoal.
Nos Concilios de Éfeso e Calcedonia veuse a afirmar o carácter supranatural da persoa. Xesús é plenamente home na súa sarx (carne) e na súa psique (memoria, entendemento e vontade), pero a súa persoa atópase noutra orde de realidade. A persoa é o non cosificable, o non conceptualizable. No home a persoa expresa a irreductibilidade do individuo a súa natureza. A persoa é o abismo, que ten a súa fonte no amor, pero que no egoísmo (pecado) invírtese cara ao baleiro e a nada. Ao concepto de persoa no home chégase por unha antropoloxía negativa. En Cristo revélase o Abismo como o Amante e a persoa revélase no amor. A persoa non se explica polo contexto físico ou cósmico senón que é ela a que entrega ao mundo a súa significación. O home é unha persoa a imaxe e semellanza de Deus, e a imaxe tende ao seu modelo. A persoa é o absoluto. Só a unión de dúas liberdades persoais actualizan aquela semellanza.
En canto á Escatoloxía todo o universo creado chegará á perfecta unión con Deus no Amor, e se manifestará de distinta maneira en todas as persoas que adquiriron dentro da Igrexa a graza do Espírito. Pero os límites da Igrexa alén da morte e as posibilidades de salvación para aqueles quen non coñeceron nesta vida a luz son un misterio da misericordia, que non se debe especulativamente restrinxir consonte a medidas meramente humanas. Ábrese así en Lossky o rasgo alegre da escatoloxía ortodoxa que non rexeita completamente a esperanza dunha salvación de todo e de todos (apokatastasis panton).
[editar] Obras
- A Teoloxía Mística da Igrexa Oriental
- O significado dos Iconos.
- Historia da Filosofía Rusa.

