Listeriose
A listeriose é unha denominación xenérica dun grupo de enfermidades de orixe alimentaria causadas por distintas especies do xénero Listeria, sendo a L. monocytogenes a máis frecuente e característica.
Índice |
Etioloxía [editar]
As listerias son bacterias gram positivas, flaxeladas, anaerobias facultativas. A L. monocytogenes está presente no aparato dixestivo humano e non se valorou suficientemente a súa patoxenicidade ata finais do século XX. Tamén está presente habitualmente no medio ambiente (home e animais domésticos e silvestres, auga, vexetais e no chan).
Unha particularidade da Listeria que a fai especialmente perigosa é a súa capacidade de crecer a baixas temperaturas (4-6ºC), polo que non é inhibida polos sistemas de conservación habituais nos alimentos: sobrevive e multiplícase sen problemas a temperaturas de refrixeración. Polo contrario, os tratamentos térmicos culinarios ou na elaboración de conservas destrúen a bacteria.
Patoxenia [editar]
A transmisión prodúcese por contaminación fecal dos alimentos ou dos útiles e superficies empregados na manipulación dos alimentos. Crece tamén nas superficies máis agochadas das máquinas utilizadas na industria alimentaria, nas paredes e esquinas das cámaras de conservación e nas tuberías de condución de auga.
Entre os alimentos potencialmente susceptibles de estar contaminados por listerias destacan o leite e os produtos lácteos, os peixes e mariscos, as aves de curral (e ovos e derivados), as hortalizas e as verduras.
O consumo de calquera destes alimentos en cru ou tras un cociñado lixeiro, é dicir, sen un tratamento térmico suficiente (superior a 65ºC) contribúe á difusión da enfermidade. É o caso dos queixos frescos, os patés ou o peixe cru. Outro factor predispoñente é a limpeza inadecuada dos produtos vexetais.
Cadro clínico [editar]
A listeriose ten un período de incubación moi irregular, desde una a varias semanas. A enfermidade maniféstase con febre, dores musculares e, ocasionalmente, náuseas e diarrea. Existe unha forma nerviosa que cursa con cefalea, confusión, alteracións motoras e perda do equilibrio.
No caso das mulleres embarazadas adquire unha especial perigosidade xa que, aínda que elas manifestan normalmente síntomas semellantes ós dunha gripe, a infección do feto pode causar malformacións un parto prematuro ou a morte do neonato.
A mortalidade global por causa da listeriose en adultos estímase entre o 33 e o 62%.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Listeriosis, una infección poco frecuente (Consumer.es, 21.07.2004)
- Listeriosis, síntomas variables y mortalidad elevada (Consumer.es, 8.07.2009)
- European Centre for Disease Prevention and Control: Annual Epidemiological Report 2011. Reporting on 2009 surveillance data and 2010 epidemic intelligence data. Stockholm 2011, 97-100.