Leyendas de Bécquer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Obras de Bécquer, t. I, 4ª ed., 1885, en DjVu.

As Leyendas son un conxunto de narracións de estilo posromántico, escritas por Gustavo Adolfo Bécquer e publicadas entre 1858 e 1865.[1] Estes relatos, cun carácter íntimo que evoca o pasado histórico, caracterízanse por unha acción verosímil, cunha introdución de elementos fantásticos ou insólitos. Foron publicadas en xornais madrileños da época como El Contemporáneo ou La América.

Bécquer e o Posromanticismo[editar | editar a fonte]

O Posromanticismo sitúase na segunda metade do século XIX, na transición entre o Romanticismo e o Realismo. Caracterízase por ser máis sentimental e intimista que o Romanticismo, co que o histórico e o lendario fican, así, nun segundo plano. Canto ao aspecto formal, créanse novas rimas e formas métricas.

Gustavo Adolfo Bécquer é un autor de lirismo intimista, sinxelo e refinado na forma para que transluza mellor o sentir profundo da súa obra.

A temática das lendas pódese dividir en tres:

  • Crime e castigo
  • Perigos do ideal
  • O poder do sobrenatural

Caracterízanse pola violación dun tabú para satisfacer o desexo propio, o que provoca o desencadeamento da traxedia.

Ao inicio de cada obra obsérvase que o narrador é un personaxe, que nalgunhas ocasións lle conta a historia a outro. Os personaxes están brevemente descritos, aínda que son principalmente homes valentes e namorados e mulleres fermosas e perversas. Caracterízanse polo amor á soidade e por dar prioridade ao espiritual fronte ao material, é dicir, os principios do espírito romántico. O lugar e o tempo son detallados a través dunha minuciosa descrición dos lugares. Para iso, bota man de adxectivos, recursos literarios e influencias do folclore europeo: estatuas que cobran vida, espíritos que regresan do alén e seres fantásticos. A influencia do sentimento nacionalista está, xa que logo, moi presente nas obras románticas.

A estrutura do argumento é común nas Leyendas. Divídese nunha introdución, que describe exhaustivamente a situación previa á traxedia; o corpo central, ou nó, cun narrador omnisciente, e un epílogo -desenlace-, en que se resolve a atmosfera de misterio e terror.

As influencias do Romanticismo, o Costumismo e o Posromanticismo conseguen que estas Leyendas adquiran un ambiente máis escuro. Con isto, Bécquer pretende espertar os medos ocultos de quen as le. O fondo das historias é un trazo claro do Romanticismo: un home que vaga por un mundo case descoñecido loitando por un ideal inalcanzábel, ideal que desaparece cando está no punto máis próximo a el.

As Leyendas[editar | editar a fonte]

  • Maese Pérez, el organista

Maese Pérez era un coñecido organista que tocaba cada día durante a misa. Porén, en Noiteboa, o maese non aparecía para a Misa do Galo. Como tardaba tanto, un inimigo seu quixo ocupar o seu posto. Nese intre apareceu o maese enfermo nunha cadeira de brazos alegando que, xa que sentía que non lle quedaba moito tempo de vida, gustaría de tocar o órgano. A misa transcorreu con normalidade e o órgano soou coma sempre. Porén, foise apagando aos poucos até que ficou en silencio. O home estaba morto sobre el.

Ao ano seguinte, o sucesor de Maese Pérez xurou, ao rematar a misa, que non o ía volver tocar. Pedíuselle á filla do maese que o tocase, malia que ela non quería, dicindo que vira sombras. No momento da consagración, a muller deu un berro dicindo que o seu pai estaba a tocar o órgano. E, en efecto, o órgano estaba soando só.

  • Los ojos verdes

Esta Leyenda, publicada o 15 de decembro de 1861 en El Contemporáneo, está vencellada ás historias sobre os espíritos femininos demoníacos que habitaban no Moncayo. Un nobre, Fernando, que estaba de cacería, abateu un cervo que se coara na Fuente de los Álamos, un lugar da fraga que disque estaba maldito. Fernando acaba por entrar na procura do animal e no reflexo da auga viu uns ollos verdes que lle fixeron perder a razón. Dende entón, ía cazar todos os días, esperando descubrir a dona dos ollos.

Íñigo, o seu servente, intrigado polo comportamento de Fernando, pediulle que lle explicase o que estaba a pasar. Íñigo advertiuno de que se trataba do demo dese lugar. Fernando, facendo caso omiso do seu servente, volveu á fonte e atopou a muller dos ollos verdes, á que lle confesou o seu amor. Esta respondeulle que poderían estar xuntos, mentres se ía mergullando máis na auga. Tratando de seguila, Fernando caeu e afundiuse na fonte.

  • La ajorca de oro

Pedro, un mozo namorado, rouba o brazalete de ouro das mans da Virxe na catedral, xa que a súa moza estaba moi desgustada por non o poder ter. Malia negarse ao principio, Pedro acabou por acceder, e pechou os ollos para non ver o que estaba a facer. Cando os abriu, as figuras do redor estaban a achegárselle, co que se desmaiou polo sobresalto. Cando foi atopado no chan coa xoia nas mans, só soubo dicir que a xoia era da Virxe. Pedro toleara tras cometer un delito por amor.

  • El Cristo de la calavera

Esta Leyenda trasládanos á Reconquista. En Toledo, o rei de Castela manda celebrar un gran festín en honor aos cabaleiros que marchan loitar contra os mouros. Á festa asisten dona Inés de Tordesillas, unha dama moi fermosa, e mais Alonso de Carrillo e Lope Sandoval, dous cabaleiros namorados dela. Estes aproveitan que a ela lle cae unha luva para achegárense, e cada un termina colléndoa por un extremo. O seu enfrontamento resólvese grazas ao rei, quen, vendo a situación, decide ser el quen lle entregue a luva á dama.

Esa mesma noite, Alonso e Lope quedan para batérense. Camiñando por Toledo na procura dun lugar axeitado atopan un pendello cun Cristo e unha caveira iluminados por unha luz. Cando se dispoñían a comezar o duelo, apágase a luz. Volve acenderse cando baixan as espadas, e apágase outra vez cando as levantan. Os cabaleiros decátanse de que o seu duelo é contrario á vontade de Deus, co que se reconcilian. Ao volveren ao palacio, ven un home descolgarse furtivamente do balcón de dona Inés, e a esta despedíndose del inclinada sobre a varanda. A Alonso e a Lope escápaselles unha gargallada desde a sombra, o que fai fuxir ao amante de dona Inés. Ao día seguinte, ao despedir os cabaleiros que marchan á guerra, Inés decátase de que foi descuberta, xa que viu as miradas de burla da xente, especialmente de Alonso e de Lope.

  • La Rosa de pasión

Daniel Leví, xudeu, descobre que a súa filla Sara está namorada dun cristián. Ante isto, a comunidade xudía comeza a conspirar, xa que os cristiáns son inimigos. Daniel, rancoroso e vingativo, reúne no día seguinte a comunidade xudía nunha igrexa abandonada, onde preparan unha cruz. Sara decátase e acode alí, onde, enfadada ao ver o que pretende o seu padre, dille que agora ten un novo pai, pois é cristiá. Ante isto, o pai, aínda máis anoxado, amarra a Sara á cruz e déixaa a mercé da comunidade, pois xa non a considera filla súa. Disque un día un arcebispo atopou unha flor fermosa nunca vista, recollida do muro da igrexa. Cavando na zona, atoparon os ósos dunha muller. A flor, que foi conservada, foi coñecida como a Rosa da Paixón.

  • El monte de las ánimas

En Soria contan unha lenda situada no chamado Monte das Ánimas o día de Todos os Santos. Entre os Templarios e a nobreza de Castela, quen contribuíron a reconquistar a cidade aos árabes, deuse un conflito de intereses. Os Templarios tiñan coutado o monte onde reservaban caza e a nobreza realizou unha batida nese couto. Ante isto, houbo unha batalla entre ambos os bandos naquel monte, que pronto se encheu de cadáveres. Dende entón, seica a noite dos defuntos óese a campá da capela e espertan os espíritos daqueles mortos.

Beatriz e Alonso, curmáns, estaban a conversar. De socate, ela botou en falta unha banda azul que lle ía regalar a el, e decatouse de que a esquecera no Monte das Ánimas. Alonso, tentando mostrar valentía, malia o terror de ir alí nesa data, foi na procura da banda. Aquela noite, Beatriz rezou polo seu primo e pasou unha noite chea de pensamentos horríbeis. Ao amencer, a banda azul estaba ensanguentada na súa cama. Alonso fora devorado polos lobos. Beatriz, asustada, caeu morta cando viu a banda. Un cazador que pasou unha noite nese monte asegurou ver como os espíritos dos Templarios e os nobres sorianos perseguían a unha moza que daba voltas arredor da tumba de Alonso.

  • El beso

Esta Leyenda toledana publicouse o 27 de agosto de 1863, en La América. Ao non atoparen aloxamento, un grupo de soldados franceses durante a guerra da Independencia pasou a noite nun convento medio ruinoso. Ao día seguinte, o capitán contou que apenas durmira por estar cunha muller de mármore. Os compañeiros burláronse del, ao que este responde convidándoos esa noite a iren beber ao convento e vela. Xa alí, o capitán falou das inscricións nas estatuas, e afirmou que se trataban dun marido e a súa dona. Tras isto, cuspiulle á figura masculina, dicíndolle que lle daba de beber, e tentou bicar a muller. Porén, antes de chegar a tocala, caeu ensanguentado e morto, supostamente ferido pola luva de mármore da estatua do home.

  • El Miserere

Para arranxar os seus erros pasados, un músico decidiu crear o himno da dor do Rei Profeta, polo que foi escoitando distintos misereres. Cando cría que xa escoitara todo, contáronlle nunha abadía a historia dun mosteiro. Nel houbo un asalto en que morreron todos os monxes mentres cantaban o Miserere. Disque todos os anos as ruínas do mosteiro se alumeaban na noite dos acontecementos e escoitábase o canto lúgubre dos monxes mortos.

O músico decidiu ir e comprobalo na noite en que disque ocorrería. Atopou o mosteiro iluminado e os monxes cantando o Miserere, a quen se lles uniron os arcanxos. Finalizado o canto, o músico desmaiouse. Ao día seguinte regresou á abadía e pediu aloxamento durante o tempo que lle levase transcribir o Miserere. Cando o tiña case todo transcrito, finalmente foi incapaz de rematalo, o que o fixo tolear e morrer. Na actualidade, os freires aínda conservan o Miserere inacabado.

  • El caudillo de las manos rojas

Pulo era un caudillo namorado de Siannah, a dona do seu irmán Tippot-Dheli, rei de Orisa. Unha noite, Pulo e Siannah foron descubertos e Pulo matou o seu irmán. Así, converteuse en rei e caeu sobre el a maldición dos amantes. Pulo tentou sen éxito liberarse da maldición, polo que lle pediu axuda a un sacerdote. Este díxolle que sería libre cando subise pola beira do Ganxes até chegar ao Tíbet. Alí lavaría as mans manchadas de sangue nun manancial. Durante toda a viaxe iría acompañado de Siannah e non poderían coñecerse.

Case no final do camiño, Siannah desapareceu misteriosamente e Pulo tivo que loitar contra a morte, Schimen. Vichenú, antagonista de Schimen, salvouno, e encargoulle outra tarefa, que unha vez cumprida liberarao e Siannah volverá. Pulo, impaciente, non logrou cumprir dita tarefa e decide suicidarse. Nese momento volve Siannah, quen será a primeira viúva india en botarse ao lume co cadáver do seu home.

  • La cruz del diablo

Publicada no semanario La Crónica de Ambos Mundos o 21 e o 28 de outubro e o 11 de novembro de 1860. Uns excursionistas chegaron á aldea de Bellver, onde atoparon unha estraña cruz de ferro e pedra. Un deles preguntoulle por ela ao guía e este contoulle a historia.

A lenda di que, antano, o señor do Segre, tras loitar nas Cruzadas, sementara o pánico na aldea até a súa morte. Uns anos despois, ocuparon o castelo uns bandidos. Estes tomaron a armadura do señor e fixeron un pacto co demo para teren máis poder. Tras morreren estes bandidos, o demo tomou a armadura e causou o pánico en Bellver. Coa axuda dun ermitán, despoxaron o demo da armadura, e xunto con algúns perpiaños do castelo construíron a Cruz do Demo.

  • Creed en Dios

No señorío de Fortcastell viviu un barón, Teobaldo de Montagut, nado dun soño da súa nai, a condesa de Montagut. Nesta visión, a muller estaba a xestar unha serpe monstruosa. A condesa morreu no parto e o pai do barón finou na guerra anos despois. Teobaldo foi un nobre malvado e arrasou todas as terras do seu señorío. Tiña tal obsesión por cazar unha res que un día, estando exhausto o seu corcel, un paxe ofreceulle outro. Este levou ao barón a lugares fantásticos, mesmo a pasaxes habitadas por anxos e infelices. Esgotado, Teobaldo regresou ao castelo e encontrouno en ruínas. As xentes dixeron que Teobaldo de Montagut morrera a mans do demo.

  • El rayo de luna

Manrique, un nobre de Soria, amaba a soidade e a poesía. Os cabaleiros da corte pensaban que estaba tolo, xa que pasaba moito tempo observando abraiado a natureza e falando só. Unha noite viu no bosque un espectro, que deduciu que era unha bela dama. Botou dous meses buscando a súa amada polas rúas de Soria, mais nunca a atopou. Unha noite volveuna ver no mesmo lugar, mais ficou atónito cando se decatou de que a amada non era máis ca un raio de lúa.

  • El gnomo

Esta Leyenda foi publicada o 12 de xaneiro de 1863 en La América. Unhas mozas viñan de recoller auga da fonte cando se atoparon co tío Gregorio, o máis vello do lugar. Estas pedíronlle que lles contase un conto, e el faloulles dun home que desaparecera ao meterse nalgún dos tobos dos gnomos. Estes vivían preto dos ríos e acumulaban grandes tesouros roubados.

Ningunha das rapazas creu na historia, agás dúas irmás orfas, Marta e Magdalena, que vían o tesouro como un xeito de resolver os seus problemas. Ambas decidiron ir esa noite na procura do tesouro e separáronse para buscalo. As forzas da natureza comezaron a cobrar vida. Marta falou co río, que lle contou que vira o tesouro dentro das montañas. Magdalena falou co vento, que non sabía del e pediulle que marchase de alí. Magdalena puido regresar á aldea, mais de Marta non se volveu saber.

  • La cueva de la mora

Na época da Reconquista, un cabaleiro cristián fora feito preso nunha batalla e pechado no alxube dun castelo en condicións lamentábeis. Cando foi rescatado, decidiu volver ao castelo a pola filla do alcaide deste, de quen namorara. Os mouros botárono dun muro abaixo, e alí xacía moribundo cando a moura o foi salvar. Logrou arrastralo até o patio de armas e agochalo nunha cova. A moura foi ao río buscar auga para el, mais os mouros disparáronlle ao confundila cun cristián. Dende entón, dicíase que as súas almas vagaban por esa cova.

  • La promesa

Margarita choraba, pois Pedro, o seu amante, marchaba a Sevilla loitar polo conde de Gómara. Estaba preocupada por que Pedro non regresase da batalla. O conde falaba na súa tenda co seu escudeiro sobre un suceso sobrenatural de había xa tempo. Nunha batalla, estando a piques de morrer, apareceu unha man misteriosa do nada que lle salvou a vida.

Apareceu un xograr recitando cantigas por unha das tendas e o conde parouse a escoitar. Decatouse de que Margarita fora asasinada polo seu propio irmán, e que no enterro sobresaía da tumba a man da muller, na que se atopaba o anel que o conde colocara. O conde volveu a Gómara para casar co cadáver de Margarita e así a súa man por fin se afundiu.

  • La corza blanca

Foi publicada o 27 de xuño de 1863 no diario La América. Dionis, un cabaleiro retirado, ía de caza coa súa filla Constanza e os seus monteiros. Atopáronse cun pastor que lles contou a historia dunhas corzas que se burlaron del. Garcés, un dos monteiros, namorado de Constanza, decidiu ir cazar para ela a corza branca, a máis bonita. Malia que ela se rira das súas intencións, Garcés pasou a noite no bosque. Alí viu como un grupo de corzas se convertían en mulleres, entre elas, Constanza.

Cando foi onda elas, volvéronse converter en corzas e, convencido de que fora un soño, foi cazar a branca. Cando xa a atrapara, pareceulle escoitar a Constanza preguntándolle que estaba a facer. A corza logrou fuxir mais Garcés acabou por abatela. Finalmente, a corza transformouse en Constanza.

  • La creación

O deus Brahma, canso de estar só e de verse sempre a si mesmo, fecundou a Maia, a creadora que o envolvía. Dela agromaron miles de puntos de luz, os gandharvas. Brahma practicaba a alquimia e os pequenos observaban en segredo ao seu pai. Abraiados polo que este facía, entraron no laboratorio cando Brahma non estaba. Alí mesturaron todos os elementos até crearen o planeta Terra, un mundo deforme, escuro, con polos, montañas e outros accidentes xeográficos. O deus descubriunos e dispúxose a destruír aquilo co Dioivo Universal. Porén, acabou por ceder e deulles a súa creación horrorosa, pois sabía que non duraría moito nas mans duns nenos.

  • ¡Es raro!

Andrés, un mozo orfo de nacemento, buscaba ansioso algún elemento en que verter todo o seu amor. Un día atopou un cadeliño, ao que acolleu e criou coma un fillo, mais seguía a sentirse baleiro. Tempo despois, decidiu ir a unha corrida de touros. Xa na praza, visitou os cabalos dos picadores e acabou por mercar un. O can e o cabalo fixéronse grandes amigos. Andrés sentíase moi feliz, mais aínda se sentía baleiro. Necesitaba o amor dunha muller.

Un día no bosque atopou unha moza coa que falou, e meses despois acordou coa nai dela o casamento. Entón si se sentía completo, mais a felicidade non duraría demasiado. Un día escoitou ruídos estraños na casa. Pensando que eran ladróns, marchou á aldea buscar axuda. Ao volver á casa, atopou o can morto, e a muller e o cabalo desapareceran. Tras horas na busca deles, soubo que o ladrón e a muller fuxiran e deixaran atrás o cabalo, exhausto. Ante todo o sucedido, Andrés morreu de mágoa.

  • El aderezo de las esmeraldas

Bécquer narra unha historia que lle contou un amigo. Unha noite, camiñando sen rumbo, parou diante dunha tenda de xoias, e pensou nun agasallo para algunha das súas amigas. O home decidiu mercar unhas fermosas esmeraldas, mais tiña que conseguir o diñeiro. Escribiu un libro, mais só conseguiu 3 000 reais, polo que decidiu apostalos para conseguir o que lle faltaba. Cando mercou a xoia, acordou cunha doncela da dama que lla colocase sen ela darse de conta. Unha noite, nun baile, viu a dama coa súa xoia, e alegrouse tanto que esa noite soñou con ela.

Días despois atopábase nunha conversa en que se falaba da dama e a xoia. Nun momento, alguén comezou a aldraxala, o que derivou nunha liorta. Isto provocou que o protagonista quedase doente na cama. De súpeto, abríronse as cortinas e apareceu a dama. Nese momento, o amigo de Bécquer coméntalle a este que acaba de inventar toda a historia.

  • La venta de los gatos

O propio Bécquer narra esta Leyenda. Un día, paseando polo barrio sevillano de San Jerónimo, parou nunha fonda chea de ledicia e de xente. Mentres bebía, retratou a cantante dun coro feminino. Cando rematou, un mozo do coro masculino pediulle o retrato que fixera da que era a súa amada. Tras isto, o autor marchou da cidade. Dez anos despois, volveu a Sevilla e achegouse ao barrio de San Jerónimo. Dirixiuse á fonda, mais todo cambiara naquel tempo.

A moza que retratara, Amparo, comprometeuse con aquel mozo e estaban a piques de casar. Un día, achegáronse alí preguntando por Amparo. Ao parecer, ela fora separada pola forza do pai, un home poderoso que a quería recuperar, e marcharon con ela. Amparo acabou morrendo de mágoa, e no seu funeral, o cortexo pasou por diante da fonda. O mozo co que se comprometera saíu, seguiuna até o cemiterio e toleou.

Outras Leyendas
  • El rey Alberto
  • La vuelta del combate
  • Las hojas secas
  • Memorias de un pavo
  • La mujer de piedra (inacabada)
  • Amores prohibidos
  • Tres fechas[2]
  • La arquitectura árabe de Toledo

Rimas y Leyendas[editar | editar a fonte]

Bécquer publicou as Leyendas por entregas, entre 1858 e 1864, en xornais madrileños da época, como El Contemporáneo, no que exerceu como redactor, ou a Crónica de Ambos Mundos e La América. Ese tipo de difusión condicionou a temática e o momento de publicación de cada unha. El Monte de las Ánimas publicouse pouco antes do día de Todos os Santos, Maese Pérez, el organista, no Nadal, e El miserere, en Semana Santa. Amais, a publicación dalgunhas delas en varias entregas, como Rayo de Luna, fixo variar a estrutura para manter a intriga durante o relato.

Trala súa morte, publicáronse de maneira conxunta coas Rimas, que nun principio ían ser financiadas polo ministro Luis González Bravo, de Unión Liberal. A obra editouse en dous volumes co título de Obras, en 1871, para axudar a viúva e os fillos economicamente. En sucesivas edicións iríase ampliando a selección. A partir da quinta, a obra xa constaría de tres volumes.

A obra de Bécquer e as súas repercusións posteriores[editar | editar a fonte]

A literatura romántica foi inspiración para a pintura. Un exemplo é o retrato de Gustavo Adolfo Bécquer realizado polo seu irmán Valeriano, que se atopa no Museo de Belas Artes de Sevilla. Tamén algunhas Leyendas foron plasmadas na pintura, como El Monte de las Ánimas.

No cinema, o director John Gilling realizou en 1975 a película La cruz del diablo. Baséase en tres das Leyendas: El Monte de las Ánimas, La cruz del diablo e El Miserere. Un novelista inglés, quen sofre un pesadelo recorrente, decide viaxar a España visitar a súa irmá, mais descobre que foi asasinada. Desconforme coas explicacións policiais, decide pescudar pola súa conta. Isto lévao a un misterioso lugar do que se contan moitas lendas: La Cruz del Diablo.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bécquer, Gustavo Adolfo. Rimas y Leyendas. Pehuén Editores. 2001.
  • Pendás García, M., J. R. Triadó Tur, X. Triadó Subirana. Historia del arte. Editorial Vicens Vives. 2009.