Lyman W. Hoffecker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «L. W. Hoffecker»)
Infotaula de personaLyman W. Hoffecker

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento27 de setembro de 1868 Editar o valor em Wikidata
Tunkhannock, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte14 de xaneiro de 1955 Editar o valor em Wikidata (86 anos)
El Paso, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Coñecido porPresidente da American Numismatic Association.
Actividade
Campo de traballoNumismática.
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeCora Knapp.
Sarah Jane Jennie Watkins.

Lyman William Hoffecker, nado en Tunkhannock, Pensilvania, o 27 de setembro de 1868 e finado en El Paso, Texas o 14 de xaneiro de 1955, foi un numismático e deseñador de moeda estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Lyman W. Hoffecker naceu 1868 en Tunkkannock, unha localidade do condado de Wyoming, en Pensilvania.[1][2] Era o fillo máis vello de Hannah E. Mack (1836-1906) e do fabricante de carruaxes Hiram H. Hoffecker (1839-1912).[3]

O seu primeiro emprego foi na Oficina Postal de Dalton, Pensilvania, e o contacto habitual coas moedas espertou nel o interese polo coleccionismo cara a 1885.[1][2][3]

Negocios de construción[editar | editar a fonte]

Xa casado e cunha filla, en 1900 trasladouse coa súa familia a El Paso, onde se empregou como carpinteiro e nunha empresa dedicada ao negocio por xunto de vidro e materiais de construción, ata que fundou a súa propia empresa neste sector, a L. W. Hoffecker Door & Sash Co.[1][2]

A súa actividade esixíalle constantes viaxes: en novembro de 1918 desprazouse a Bélxica a mercar vidro para logo vendelo nos Estados Unidos e ese mesmo ano viaxou tamén a México como contratista de construción.[3]

Hoffecker retirouse en 1922 dos negocios relacionados coa construción,[1] e a partir dese momento dedicouse a viaxar polo mundo —visitou 72 países— para coleccionar moedas e comerciar con elas.[3]

Carreira numismática[editar | editar a fonte]

Hoffecker (segundo pola esquerda) e outros tres membros da xunta de goberno da ANA, en 1937.[4]

En 1924 afiliouse á American Numismatic Association, de cuxa xunta de goberno formou parte entre 1936 e 1939. O 5 de outubro de 1939 foi elixido presidente da entidade,[5] cargo que exerceu ata o 21 de agosto de 1939.[1][3][6]

En 1929, Hoffecker fixo a súa primeira aproximación ao ámbito das emisións conmemorativas, promovendo un plan para conmemorar o 75 aniversario da coñecida como Compra de Gadsden en 1854, pola que os EEUU lle compraron uns terreos a México. Creou unha comisión —na que só figuraba el— para planificar a emisión, e logrou que o Congreso tramitase e mesmo aprobase un proxecto de lei para a emisión dunha moeda de medio dólar conmemorativa, aínda que se atopou co veto do presidente Herbert Hoover, que consideraba excesiva a cantidade de moedas conmemorativas que se estaban a emitir no país naquel momento.[3]

En 1935, logo de que Hoover deixara a presidencia, Hoffecker fixo un segundo intento para impulsar unha emisión de moedas conmemorativas, esta vez en aproveitando o 400 aniversario do Vello Camiño Español (Old Spanish Trail) creado por Álvar Núñez Cabeza de Vaca; e para se asegurar a súa comercialización creou e fíxose presidente do Comité de Moedas do Museo de El Paso, como entidade que propuña para a súa distribución. Desta volta, desprazouse a Washington durante tres semanas e mantivo conversas con varios lexisladores, e mesmo se lle concedeu unha entrevista de cinco minutos co presidente Franklin D. Roosevelt que, segundo Hoffecker, resultou determinante.[7] Nesta ocasión, o proxecto de lei aprobouse e a lei que aprobaba a moeda de medio dólar Old Spanish Trail foi promulgada coa sinatura do presidente Roosevelt.[8] O propio Hoffecker foi o encargado do deseño da moeda e, tal e como pretendía, ocupouse tamén da súa comercialización.[1][3]

O medio dólar Old Spanish Trail foi concibido, deseñado e distribuído por Lyman W. Hoffecker.[9]

En 1936, encomendóuselle tamén a distribución da moeda de medio dólar conmemorativa do centenario de Elgin, Illinois.[1][3]

Hoffecker e a súa segunda esposa fundaron unha compañía en El Paso dedicada ao comercio numismático, chamada Watkins Coin Co., polo apelido da súa muller, Sarah Watkins.[1][3]

En 1942, a American Numismatic Association honrouno co nomeamento honorífico como membro vitalicio da entidade.[1][3]

En 1954 Hoffecker anunciou na revista The Numismatist que decidira vender en bloque a colección de moedas que fora confeccionando ao longo da súa vida foi vendida.[10] A parte principal da colección ofreceuse nunha poxa pública realizada polo comerciante numismático B. Max Mehl o 30 de novembro de 1954,[11] só unhas semanas antes do seu falecemento.[3] Outras pezas foron vendidas pola compañía Superior Galleries en febreiro de 1987.[1][2][12]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Hoffecker casou en 1895 con Cora Knapp (1868-1915), de Pensilvania, con quen tivo unha filla, nada en 1896. O 4 de xullo de 1915, a súa esposa finou cancro de estómago, e foi soterrada no cemiterio Evergreen, de El Paso. Cara a 1919 casou en segundas nupcias con Sarah Jane Jennie Watkins (1889-1954), de Kentucky.[3]

Lyman W. Hoffecker era masón, membro do Comando El Paso dos Cabaleiros Templarios.[1] Foi membro fundador do templo santuario El Maida.[3]

En outubro de 1954, no mesmo número en que The Numismatist anunciaba a morte da súa segunda esposa uns meses antes, dábase conta tamén do grave estado de saúde de Hoffecker.[13] O 14 de xaneiro de 1955 finou aos 86 anos na súa casa de El Paso,[1] por causa dunha cardiopatía arteriosclerótica. A Loxa Masónica 130 estivo a cargo dos ritos do seu soterramento no cemiterio de Evergreen, en El Paso.[3][14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Smith, P. (2012).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Bowers, Q. D. (1991).
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 Lupia, J. N. (2011).
  4. The Numismatist. Vol. 1. Nº 10. Outubro de 1937. Páxina 936.
  5. "The New President of the ANA: L. W. Hoffecker" . En The Numismatist. Vol. 52. Nº 11. Novembro de 1939. Páxina 940.
  6. "ANA Presidents 1891 to the Present". American Numismatic Association.
  7. Bowers, Q. D. (1991). Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. ISBN 978-0-943161-35-8. Páxinas 301-302.
  8. "Old Spanish Trail Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  9. "Old Spanish Trail Half Dollar". United states Mint.
  10. "Hoffecker Collection to Block". En The Numismatist. Vol. 67. Nº 6. Xuño 1954. Páxina 610.
  11. Sale of the Joseph C. Rovensky Collection [...] the L. W. Hoffecker Collection [...]. B. Max. Mel Numismatist. 30 de novembro de 1954.
  12. The L. W. Hoffecker Collection Sale. Superior Stamp & Coin Co. 8-11 de febreiro de 1987.
  13. "Mrs. L. W. Hoffecker". En The Numismatist. Vol. 67. Nº 10. Outubro de 1954. Páxina 1.091.
  14. "Obituaries: L. W. Hoffecker". En The Numismatist. Vol. 68. Nº 2. Febreiro de 1955. Páxina 142.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]