Kukuxumusu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Kukuxumusu (en éuscaro bico de pulga) é unha empresa de Pamplona dedicada a deseñar camisetas e outros artigos con debuxos divertidos. Aínda que comezou centrada nas festas de Sanfermín, agora os seus deseños teñen unha temática universal.

Ten a peculiaridade de que se define como unha "fábrica de debuxos" ("The Drawing Factory/Marrazki Fabrika/La Fabrique de Dessins/La Fàbrica de Dibuixos").

Expansión[editar | editar a fonte]

Kukuxumusu actualmente posúe tendas propias en Pamplona, Bilbao, Barakaldo, Donostia, Vitoria, Baiona, Barcelona, Madrid, Valencia, Zaragoza, Logroño, Córdoba, Tarifa e Sevilla. Ademais, distribúe os seus produtos por toda Europa a través dunha ampla rede de establecementos autorizados.

Orixe[editar | editar a fonte]

Mikel Urmeneta, un dos fundadores de Kukuxumusu.

A idea xurdiu nos Sanfermines de 1989, cando tres amigos pamploneses (Gonzalo Domínguez de Bidaurreta, Koldo Aiestaran e Mikel Urmeneta) decidiron estampar e vender camisetas con debuxos alusivos ao encerro. As camisetas gustaron moito, tamén nas cidades dos arredores, así que crearon Kukuxumusu, pasando a retratar escenas típicas e cotiás de moitos lugares, e en especial da festa pamplonesa.

Como Mikel Urmeneta era o único debuxante e o volume de peticións aumentaba, o equipo foi crecendo e os debuxos de Kukuxumusu empezaron a ser recoñecidos e encargados para carteis de festas, camisetas de promocións universitarias, accións culturais e sociais etc.

En 1996 abriron a súa primeira Tenda Oficial Kukuxumusu, e en 1997 a tenda on-line, para que os seus produtos puidesen ser adquiridos desde calquera lugar do mundo. Por outra banda, os seus produtos véndense en máis de 1.000 puntos de venda en toda Europa.

Á parte da súa forte identificación cos sanfermines, así como con outras festas e tradicións, o éxito de Kukuxumusu pode ser debido a tres motivos:[Cómpre referencia]

  • A simplicidade dos seus debuxos, divertidos e facilmente recoñecibles.
  • O humor das situacións, con escenarios curiosos (como, por exemplo, os touros perseguindo aos mozos no mar, montados en táboas de surf) e con frecuentes cambios de roles (encerros con ovellas no canto de corredores, ou nos que son os mozos os que perseguen ás reses).
  • A actualidade dos soportes, con pezas acorde coas últimas tendencias.

Proxectos[editar | editar a fonte]

A empresa navarra colaborou cos seus deseños en proxectos moi diversos: expedicións de montaña, viaxes de estudo, accións ecoloxistas, culturais, sociais etc. Tamén realizou múltiples traballos por encargo para institucións, empresas, clubs, parques temáticos etc. E, ademais, deseñou camisetas xunto a diferentes personaxes da cultura, a ciencia ou o deporte, como Edmund Hillary, Eduard Punset, Juan Luis Arsuaga ou, en 2007, o propio Dalai Lama.

Un dos seus últimos proxectos é Cromosomos, en colaboración con El Terrat de Produccións. Consiste no deseño de camisetas cuxos beneficios serán destinados a diversas ONGs, unha distinta cada ano. En 2006 foi Arrels Fundació, dedicada ás persoas sen fogar, e en 2007, Gaztelan, que traballa pola incorporación social de persoas en situación ou risco de exclusión. Entre outros debuxantes, participaron Mikel Urmeneta, Andreu Buenafuente, Paco Mir (Tricicle), Silvia Prada ou Pablo Carbonell.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Kukuxumusu ampliou nos últimos tempos o seu catálogo de camisetas. Ás súas recoñecidas pezas con debuxos divertidos en situacións de todo tipo engadiu unha liña de roupa máis actual que, ademais de non perder vista as últimas tendencias, segue buscando arrincar sorrisos.

Ademais, tamén se introduciu no mundo audiovisual coa creación dunha plataforma televisiva en Internet que conta con dúas canles, un específico sobre os Sanfermíns e outro máis centrado en *Kukuxumusu e no seu universo de personaxes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]