Kosovo Polje

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Situación de Kosovo Polje.

Kosovo Polje ou Fushë Kosova (serbio latino: Kosovo Polje, serbio cirílico: Косово Поље, albanés: Fushë Kosovë ou Fushe Kosovo), literalmente "Campo de Kosovo" ou "Campo dos merlos", ás veces en alemán: Amselfeld) é unha cidade e municipio no distrito de distrito de Pristina, en Kosovo (Serbia),[1] a 8 km ao suroeste da capital, Pristina.

En 2003 a cidade tiña unha poboación total de 28.600 habitantes. A poboación estimada do municipio é dunhas 50.000 persoas, segundo datos da OSCE.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Kosovo Polje é a cidade máis próxima ao escenario da Batalla de Kosovo de 1389, onde o Imperio otomán venceu a resistencia serbia para a súa anexión, polo que é un lugar moi importante na cultura serbia.

En abril de 1987 converteuse no escenario dun famoso incidente cando Slobodan Milošević —naquel momento presidente da Liga dos Comunistas de Iugoslavia— foi enviado ao concello da cidade para calmar a unha multitude de serbios que protestaban furiosos pola discriminación á que estaban sendo sometidos polos albaneses de Kosovo, que dominaban a administración. Cando os cidadáns serbios se queixaron de que foran mallados pola policía albanesa, Milošević díxolles: "Ninguén debería atreverse a golpearvos... ninguén ten dereito a golpearvos." O incidente de Milošević deulle o apoio da poboación serbia, o que o catapultaría á presidencia de Serbia dous anos máis tarde.

O 28 de xuño de 1989, Milošević presentouse ante aproximadamente un millón de serbios no 600º aniversario no lugar da batalla de Kosovo, nas inmediacións da cidade, onde pronunciou o famoso discurso de Gazimestan, nunha exaltación dos ideais serbios, arengando ás masas en recordo da batalla e apelando á unidade dos serbios para os momentos difíciles que prevía.[3] Segundo a Historical and Investigative Research, a posterior manipulación da mensaxe deste discurso trouxo funestas consecuencias para os posteriores sucesos na rexión.[4]

Antes da guerra de Kosovo de 1999, Kosovo Polje era a localidade de Kosovo onde a poboación serbia representaba maior porcentaxe (24 %). O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) estimou en marzo de 1998 que a súa poboación (estimada en 40.000 habitantes) tiña ao redor dun 24 % de serbios, un 59 % de albaneses e un 17 % doutras comunidades nacionais. Segundo algunhas estimacións, antes do despregue da KFOR, 20.000 serbios residían na zona, dos que só quedaron uns 2.000.[5]

Kosovo Polje viviu unha violencia considerábel antes, durante e despois da guerra. En decembro de 1998, o tenente de alcalde dos serbios de Kosovo Polje foi asasinado por combatentes do Exército de Liberación de Kosovo (UÇK) a pesar de que amosara unha liña moderada nas relacións entre os serbios e os albaneses. Secuestros e asasinatos de serbios e albaneses continuaron até que comenzou la guerra. Gran parte da poboación albanesa da cidade foi expulsada pola forza, supostamente polos serbios locais e paramilitares, e moitos albaneses foron asasinados.

Ao final da guerra, en xuño de 1999, a maioría albanesa que fora expulsada regresou á cidade, mentres que moitos dos serbios a abandonaron. A poboación serbia restante quedou nun enclave nunha rexión dominada por albaneses. Miles de serbios e xitanos doutras partes de Kosovo, que fuxiran dos seus fogares, refuxiáronse en Kosovo Polje, onde se estableceu un campamento de refuxiados.

As tensións étnicas estalaron en varias ocasións nos anos posteriores á guerra e un importante número de serbios foi asasinado por extremistas albaneses.[6] Baixo esta presión continua, a poboación serbia de Kosovo Polje reduciuse progresivamente até que, en xullo de 2002, o diario Blic informou que só 550 serbios permanecían na cidade.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]