Juan Fernando López Aguilar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Juan Fernando López Aguilar, nado o 10 de xuño de 1961 en Las Palmas de Gran Canaria, é un político e xurista español do PSOE. Deputado pola provincia das Palmas desde a VII lexislatura. Desde o 18 de abril de 2004 ata o 12 de febreiro de 2007 foi Ministro de Xustiza do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Afeccionado ó debuxo, comezou publicando caricaturas no diario canario La Provincia. Foi autor dunha serie de cómic chamada Gaudeamus, realizada ao alimón con Andrés Sopeña Monsalve, profesor de Dereito da Universidade de Granada, e durante a súa estancia nesta Universidade. Apareceu regularmente no periódico Sur de Málaga. En 1981 editouse unha recompilación destas tiras, baseadas nas andanzas e desventuras dun PNN (Profesor Non Numerario).

Licenciado en Dereito pola Universidade de Granada con Premio Extraordinario. Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Master en Dereito e Diplomacia pola Fletcher School of Law and Diplomacy (Tufts University). Doutor en Dereito pola Universidade de Boloña, con premio extraordinario. Desde 1993 ocupa a Cátedra de Dereito Constitucional da Universidade das Palmas de Gran Canaria. Catedrático Jean Monnet de Dereito e Integración Europea desde 1999.

Ingreso no PSOE[editar | editar a fonte]

Está afiliado ó Partido Socialista desde o ano 1983. En 1990, foi nomeado asesor executivo do Gabinete do Ministro de Xustiza Enrique Múgica e posteriormente desempeñou o cargo de Xefe de Gabinete dos Ministerios de Administracións Públicas (1993) e Educación e Ciencia. En 1999 coordinou a candidatura socialista á presidencia do Goberno de Canarias. No 35 Congreso Federal do PSOE foi elixido Secretario de Liberdades Públicas e Desenvolvemento autonómico. Desde 1996 é deputado da cámara baixa española.

Candidatura á presidencia de Canarias[editar | editar a fonte]

O 28 de outubro de 2006, é oficialmente designado candidato do PSOE á presidencia de Canarias para as eleccións autonómicas de 2007, anunciándose o 7 de febreiro de 2007 a súa substitución, á fronte do Ministerio de Xustiza, polo fiscal Mariano Fernández Bermejo.

O 18 de abril de 2007 viuse obrigado a pedir desculpas publicamente tras saír á luz que un dos documentos electorais presentados polo PSOE en Canarias ("125 medidas do primeiro ano de goberno") fora plaxiado dos que incluíron Cidadáns - Partido da Cidadanía no seu programa nas eleccións ó parlamento catalán o ano anterior Ciutadans denuncia que o programa do PSOE para Canarias é un plaxio do seuDimite o asesor do PSOE de Canarias que plaxiou o programa de Ciutadans.

Resultados[editar | editar a fonte]

A súa candidatura nas eleccións foi a máis votada e a que obtivo o maior número de deputados no Parlamento de Canarias (26 de 60), pero un pacto entre Coalición Canaria (19 deputados) e o Partido Popular (15 deputados), desbancouno da presidencia rexional.


Predecesor:
José María Michavila
Escudo de España.svg
Ministro de Xustiza de España

2004 - 2007
Sucesor:
Mariano Fernández Bermejo