José Luis González Eiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luis
Información persoal
Nome José Luis González Eiras
Nacemento 2 de maio de 1974 (49 anos)
Lugar de nacemento Catoira
Altura 1,75 m.
Posición Centrocampista
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1992–1994 Arousa
1994–1998 Racing de Ferrol 87 (10)
1998–2000 Lugo 66 (9)
2000–2001 Leonesa 15 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

José Luis González Eiras, nado en Catoira o 2 de maio de 1974, é un exfutbolista galego. Xogaba na demarcación de centrocampista, máis coñecido como Luisito.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formouse xogando no Arousa SC co que acadou o ascenso a Segunda División B dende a Terceira con tan só 18 anos. Ao ano seguinte o equipo volve perder a categoría, se ben chegou á terceira rolda da Copa do Rei de fútbol 1993/94 tras eliminaren o Juventud Cambados e o Pontevedra CF, metendo Luisito seis goles. Ao rematar a tempada Luis deixa o equipo para fichar polo Racing de Ferrol.

En Ferrol xogou catro tempadas na Segunda División B, no seu primeiro ano tivo un papel secundario nun Racing que se proclamou campión da categoría e que loitou por ascender a Segunda División. Ao ano seguinte o equipo volveu ocupar postos de ascenso, agora xa sendo Eiras un habitual nos onces iniciais.

A comezos da tempada 1998/99 fichou polo CD Lugo, despois de dúas tempadas discretas do equipo ferrolán. O seu bo rendemento en Lugo fai que o Cultural Leonesa se fixe nel, fichando polo equipo leonés no ano 2000.

Esa tempada o equipo leonés quedou subcampión da categoría, porén Luis lesionouse de gravidade. A causa dun mal xesto nun adestramento rompeu o menisco, afectando tamén a cartilaxe. Operouse varias veces pero non puido volver a xogar profesionalmente ao fútbol. A causa desta lesión obtivo a incapacidade para desenvolver a súa profesión e concedéuselle unha indemnización de 40.000 euros e unha pensión de 1.500 euros ao mes sufragada pola Cultural Leonesa,[1] xa que no momento da lesión non tiña dado de alta ao xogador na Seguridade Social.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pedro J. Barreiros (5 de febreiro de 2005). "Un club pagará 1.500 euros al mes a un jugador inválido". La Voz de Galicia.