John Trulock

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJohn Trulock

John Trulock co seu neto Camilo José Cela no regazo en 1916 Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento31 de decembro de 1856 Editar o valor em Wikidata
Bow Editar o valor em Wikidata
Morte8 de xuño de 1919 Editar o valor em Wikidata (62 anos)
Iria Flavia, España Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Adina Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxerente de The West Galicia Railway Co. Ltd.
Familia
CónxuxeJosefina Catalina Aida Bertorini Jones
Fillos


John Trulock, nado en Bow (Londres) o 31 de decembro de 1856 e finado en Iria Flavia (Padrón) o 8 de xuño de 1919,[1] foi o xerente en Galicia da compañía inglesa The West Galicia Railway Co. Ltd., propietaria da primeira liña de ferrocarril entre Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.[2][3][a]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de John Trulock (1814-1869), un comerciante de millo natural de Bow, e de Henrietta Glascott (1833-?), natural de Whitechapel, que casaron o 31 de xullo de 1855.[b] John Trulock foi o irmán máis vello doutros cinco fillos do matrimonio; Alfred, Arthur, Henry, Kate e mais Ellen.

John naceu en Bow[c] e residiu con seus pais e os seus cinco irmáns en varios lugares do leste de Londres ó longo da súa infancia.[1][d] Tivo unha existencia cómoda ata os trece anos, cando seu pai finou o día 24 de agosto de 1869 á idade de 55 anos. Trala morte de seu pai tódalas pertenzas da familia foron vendidas nunha poxa pouco tempo despois.[1]

A familia foi separada; no censo de 1871 consta que seus irmáns foran acollidos en diferentes asilos para orfos da cidade de Londres,[e] non obstante, John con 14 anos vivía de forma independente e figura no censo como traballador dun almacén para unha fábrica de paraugas en Holborn.[1]

Cando contaba 18 anos de idade Trulock foi nomeado en Galicia voceiro da compañía Sociedad del Ferro-Carril Compostelano de la Infanta Doña Isabel na xunta xeral de accionistas de 1875. En 1876 figuraba como membro do consello do Ferro-Carril Compostelano, representando o financeiro británico da compañía Credit Foncier[6] e en 1883 exercía como xerente,[7] cargo que ocupou ata a súa morte en Iria Flavia no ano 1919.[3] En 1886 adquiriu para a compañía ferroviaria a locomotora Sar.[8]

Casou o 31 de maio de 1889 no Consulado británico da Coruña con Josefina Bertorini, filla do seu socio comercial Camilo Bertorini e mais da súa esposa María Margarita Jones, tamén coñecida como María Bertorini, a quen Rosalía de Castro dedicou o poema "Na tomba do Xeneral Sir John Moore", do libro Follas novas (1880). O matrimonio tivo sete fillos, incluídos John, que foi piloto da RAF, María, que casou con Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, e mais Camila, a nai de Camilo José Cela Trulock.[9]

En 1902 foi fundador e primeiro presidente do Real Club de Regatas de Galicia.[10]

John Trulock faleceu o 8 de xuño de 1919[11][12] ós 62 anos de idade e foi soterrado no cemiterio de Adina, en Iria Flavia.

Sepulcro de John Trulock e a súa familia.

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Trala inauguración da Fundación Camilo José Cela no ano 1991, creouse o 25 de maio de 1999 o Museo do Ferrocarril,[13] integrado dentro da casa Museo Camilo José Cela, en homenaxe a John Trulock.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O primeiro camiño de ferro de Galicia foi inaugurado o 15 de setembro de 1873 e unía a estación de Cornes, no concello de Conxo, preto de Santiago de Compostela, coa estación do Carril, no concello do Carril, preto de Vilagarcía de Arousa.[4]
  2. John Trulock (pai) e Henrietta Glascott casaron o 31 de xullo de 1855 na Holy Trinity Church (en galego igrexa da Santísima Trindade), en Mile End, Londres.[1]
  3. John Trulock naceu nunha casa de Tredegar Square en Bow, no leste de Londres, o 31 de decembro de 1856.[1]
  4. Residiu en diferentes lugares do leste de Londres durante a súa infancia, incluíndo Bow (1855—1859), Bromley (1860—1863), Woodford Green (1865—1867) e Hackney (1969).[5]
  5. No censo de 1871, Arthur atopábase no British Orphan Asylum (Asilo para Orfos Británicos) en Berkshire; Alfred e Henry encontrábanse no City of London Orphan School (Escola para Orfos da Cidade de Londres), en Lambeth; Kate e mais Ellen estaban no Infant Orphan Asylum (Asilo para Nenos Orfos) de Wanstead. Descoñécese o paradoiro de súa nai.[1]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Hooper, Kirsty (08-05-2014). "From Mile End to Iria Flavia: John Trulock (1856-1919), a British Railwayman in Galicia". Hispanic Britain (en inglés). Consultado o 05-04-2020. 
  2. "Historia do ferrocarril en Carril e Vilagarcía de Arousa". patrimoniovilagarcia.com. Arquivado dende o orixinal o 13-10-2018. Consultado o 08-07-2020. 
  3. 3,0 3,1 Peris Torner, Juan (06-03-2012). "Santiago a Carril y Pontevedra, (The West Galicia Railway Company Limited)". spanishrailway.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 25-04-2020. Consultado o 08-07-2020. 
  4. "...Cuando 'El Compostelano' enlazaba Santiago con Carril desde la estación de tren de Cornes". El Correo Gallego (en castelán). 02-02-2018. Arquivado dende o orixinal o 08-10-2018. Consultado o 08-07-2020. 
  5. Hooper, Kirsty. "John Trulock en Londres". Arquivado dende o orixinal o 10-07-2020. Consultado o 08-07-2020. 
  6. "Ferro-carril Compostelano". El Diario de Santiago (en castelán). 21-08-1876. p. 1. Consultado o 06-04-2020. —Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia. 
  7. "Ferro-Carril Compostelano". Gaceta de los Caminos de Hierro (en castelán). 25-03-1883. pp. 9–10. Consultado o 06-04-2020. —Hemeroteca Digital de la Biblioteca Nacional de España 
  8. Manteiga Outeiro, Marcos (16-09-2023). "Restauran la mítica locomotora ‘Sarita’ del abuelo de Cela". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 01-11-2023. 
  9. "John Trulock Family Tree". geneanet.org. Consultado o 06-04-2020. 
  10. Luaña, Susana (9-06-2013). "«O segredo da sociedade é que segue igual que fai cen anos»". La Voz de Galicia. Consultado o 10-11-2021. 
  11. "Necrolóxica". Galicia Nueva (en castelán). 10-07-1919. p. 4. Consultado o 10-11-2021. —Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia. 
  12. Garrido Castromán, Daniel. "El primer ferrocarril de Galicia y la Estación de Carril". El primer ferrocarril de Galicia: Cornes-Carril (en castelán). p. 10. Consultado o 10-11-2021. 
  13. "Cronología de Camilo José Cela". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Consultado o 08-07-2020. 
  14. "Museo do Ferrocarril da Fundación Camilo José Cela". fundacioncela.gal. Consultado o 08-07-2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]