Jarlath Hayes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJarlath Hayes
Biografía
Nacemento11 de setembro de 1924 Editar o valor em Wikidata
Dublín, Irlanda Editar o valor em Wikidata
Morte17 de maio de 2001 Editar o valor em Wikidata (76 anos)
Irlanda Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeIrlanda Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióntipógrafo Editar o valor em Wikidata

Jarlath Fabian Hayes, nado en Dublín o 11 de setembro de 1924 e finado o 17 de maio de 2001, foi un tipógrafo e deseñador gráfico irlandés, coñecido polo seu deseño das moedas do euro de Irlanda.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Jarlath Hayes foi o cuarto dos seis fillos de Lilian Delahunty e o contable Richard Hayes. Cursou o seu ensino secundario na Synge Street Christian Brothers School, de Dublín.[1]

Publicista[editar | editar a fonte]

En 1945, Hayes iniciou a súa carreira no sector publicitario, traballando na compañía O'Kennedy-Brindley & O'Keeffe's Advertising,[2] e tamén foi profesor de deseño publicitario a tempo parcial no Instituto de Tecnoloxía de Dublín (DIT).[1] En 1958 foi un dos fundadores, xunto con Talbot Kelly, do Instituto de Publicidade e Deseño Creativo, entidade que presidiu entre 1964 e 1966.[3] En 1963 fundou Group 3 Design, xunto con dous socios deseñadores.[1]

Artista gráfico e tipógrafo[editar | editar a fonte]

A partir de 1970 pasou a traballar como artista gráfico independente, e máis tarde coa súa filla Susan. Residía e traballaba en Stillorgan, no condado de Dublín, e o seu traballo centrouse na tipografía e no deseño de libros. Entre 1973 e 1986 dedicouse ao deseño de libros para varias compañías editoras irlandesas, como Dolman Press, Gill & Macmillan, Four Courts Press e The Lilliput Press.[1]

Como tipógrafo, Jarlath Hayes traballou intensamente na procura dun tipo de letra con serifas perfectas. A súa Tuam Uncial fíxose moi coñecida polos telespectadores irlandeses porque se utilizaba nos créditos da serie de televisión Glenroe, emitida pola RTÉ One durante 18 tempadas.[1] En Irlanda, este tipo de letra tamén é recorrente en publicidade exterior[4] e utilizouse nas cubertas dos discos do grupo musical irlandés Clannad. En maio de 2020 púxose a disposición unha versión dixital desta fonte deseñada por Hayes.[5]

Deseñador de selos e moedas[editar | editar a fonte]

O deseño do selo postal irlandés de 1995 conmemorativo do 50º aniversario da fundación das Nacións Unidas tamén foi obra de Hayes.[6]

No entanto, a obra que lle achegou a Hayes unha maior proxección internacional foi o anverso nacional común para toda a serie de moedas do sistema do euro cuñadas por Irlanda a partir de 2002, desde o céntimo ata os dous euros, baseado na representación dunha Arpa celta, símbolo do país.[1][7][8] Hayes foi tamén o autor dunha moeda de prata con valor de 10 euros emitida por Irlanda en conmemoración dos Xogos Olímpicos Especiais celebrados en Dublín en 2003.[9]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Jarlath Hayes estivo casado con Oonagh Hayes, con quen tivo un fillo e catro fillas.[1]

Finou o 17 de maio de 2001 aos 76 anos.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "Master typographer and designer". En Irish Times. 16 de xuño de 2001.
  2. Bolger, M. A. (2020). "Genius loci: 64-66 Lower Gardiner Street". ICAD.ie
  3. "ICAD Presidents": Icad.ie. 2020.
  4. Oram, H. (2017). The Little Book of Stillorgan. The History Press, Dublín. ISBN 978-0-7509-8353-2
  5. Neylon, L. (2020). "After Almost 50 Years, a Renowned Irish Font Is Brought Into the Digital Age". En Dublin Inquirer. 24 de xuño.
  6. Stanley Gibbon Stamp Catalogue: Ireland. Stanley Gibbons, Londres. 2004. Páxina 20. ISBN 0-85259-583-2
  7. "National sides of euro coins Ireland". European Comission.
  8. Moedas deseñadas por Jarlath Hayes. Numista.com
  9. "10 Euro Special Olympics". Numista.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]