Imperio Medio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serie de artigos sobre a
Historia de Exipto
Egypte louvre 284.jpg
Historia do Exipto Antigo
O Exipto greco-romano
O Exipto árabe
O Exipto otomán
Muhammad Alí e os seus sucesores
Historia do Exipto contemporáneo

O Imperio Medio de Exipto (2040-1640) viu o afianzamento do poder dos faraóns.

O Imperio Medio comeza para algúns coa XI dinastía, co poderoso caudillo tebano Mentuhotep II e para outros coa XII dinastía, iniciada por Amenemhat I, cando se consolidou a reunificación de Exipto, logrouse centralizar o poder e se emprendeu a expansión das fronteiras, freando as incursións estranxeiras. A XII dinastía trasladou a capital a Menfis e aumentou a burocracia. Sesostris I (1970-1936) iniciou a irrigación do lago Moeris (al-Fayum) e ampliou as fronteiras na Asia e na Nubia. Sesostris III (1887-1850) suprimiu o cargo de nomarca, ou gobernador dun nomo, e dividiu o país en tres sectores, Baixo, Alto e Medio Exipto. Invadiu o Sinaí, Palestina e Siria e conquistou boa parte da Nubia. Nunca antes Exipto atinxira tanta prosperidade. Quen o seguiu, Amenemhat III, é visto como o maior monarca do Imperio Medio.

Moitas das maiores accións dos reis da XII dinastía tiveron lugar fóra do val do Nilo. Tal como antes, houbo moitas expedicións á Nubia, Siria e ao Deserto do Oriente, en busca de valores a minar e de madeira para transportar para o Exipto. Para alén diso, estableceuse comercio coa Creta minoica.

Durante o Imperio Medio, a fase seguinte en deseño funerario foron as tumbas escavadas na rocha. Os mellores exemplos destas tumbas poden verse no Val dos Reis. Tamén se construían grandes templos en áreas máis visíbeis. O proxecto arquitectónico máis destacado foi o impoñente mausoleo de Mentuhotep en Deir al Bahri, que serviría de prototipo para o templo de Hatshepsut cinco séculos máis tarde. É o período clásico da arte e a literatura exipcias.

O faraón perdeu o carácter divino dos séculos precedentes, pero a autoridade real ficou firmemente establecida. Unha táctica moi utilizada para manter o control era substituír os gobernadores provinciais por funcionarios adeptos, moitos eles inmigrantes da veciña Palestina. Tebas converteuse nunha grande metrópole; os faraóns trasladáronse á antiga capital, Menfis, que estaba máis próxima do centro do país. Sesostris III e Amenemhet II construíron grandes pirámides en Saqqara, Dahshur, Illahun e Hawara.

A XIII dinastía é incluída frecuentemente no Reino Medio, se ben que o período parece ter sido un tempo de confusión e de príncipes estranxeiros provenientes da Asia, coñecidos por hicsos, que se aproveitaron da inestabilidade política no Delta do Nilo para obter o control da área e máis tarde estender o seu poder cara o sur. Os hicsos, que eran eses colonizadores que tanto lles serviran aos faraóns, trouxeron consigo a carruaxe de guerra poxada por cabalos. Os exipcios non botaron moito tempo ata recoñecer o poder desta carruaxe e a comezar, eles mesmos, a usala.

Sexa como for, esta quebra no control central marca o comezo do Segundo Período Intermedio.