Gramón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gramón
Staugustinegrass.JPG
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.): Monocots
(sen clasif.): Commelínidas
Orde: Poales
Familia: Poaceae (alt. Gramineae)
Subfamilia: Panicoideae
Xénero: 'Stenotaphrum'
Especie: ''S. secundatum''
Nome binomial
''Stenotaphrum secundatum''
(Walt.) Kuntze

O gramón[1] (Stenotaphrum secundatum) é un céspede popular en xardíns de rexións tropicais, subtropicais e zonas con seca estival, como o sur de Galiza. Con el obtense unha superficie realmente ornamental, coma unha alfombra grosa, cando se logra manter unha boa cobertura. Densidade media, textura grosa, cor verde media, apto para localizacións de media sombra. É máis xoto ca o céspede tradicional inglés, máis fino. O único inconveniente é que pode verse moi afectado polas xeadas, aínda que ás veces regroma.

Actualmente atópase moi espallado polo mundo, levado polo home, xa que, ademais das súas características de aparencia e a súa tolerancia á seca, tamén é tolerante ao esmagado. Pódese plantar de esgallo, despois el vaise espallando grazas aos estolóns.

Coñécese tamén co nome de grama de santo Agostiño.

Características[editar | editar a fonte]

É unha planta perenne estolonífera con talos procumbentes de 5 - 30 cm. Ten follas lisas, sen pelos e angostas, de coloración verde escura. É rizomatosa, é dicir, o talo fica baixo o chan e bota follas cara arriba (aínda que coas seguintes camadas os talos poden irse superpoñendo). Dá unha espiga de 4 a 15 cm de lonxitude.

Atura pleno sol ou media sombra e considérase unha das especies máis tolerantes á sombra. Atópase na natureza en solos calcarios ou silicosos preto da costa; cultivada dáse ben nunha gran variedade de solos, desde arxilosos até lixeiramente areentos. Medra ben en solos de pouco a moi fértiles, con pH de 5 a 8,5 e tamén en solos con salinidade de até 15 dS/cm. Tamén tolera salinidade traída pola airexa do mar.

En canto á temperatura, non tolera as xeadas nin o frío. Por baixo dos 10 °C deixa de medrar e vira nunha cor marrón. Dáse mellor ente os 20 e 30 °C. Con todo pode volver a agromar na primavera.

Aínda que é tolerante a seca moderada, prefire os lugares húmidos, e o seu hábitat natural está en rexións húmidas tropicais.

Distribución[editar | editar a fonte]

Stenotaphrum secundatum é nativo en varios países da costa atlántica,[2] parte central e costa leste de África, algúns estados do sueste de México,[2] algunhas partes dos Estados Unidos,[3][4] América Central e América do Sur.[2]países do sueste asiático, illas do Pacífico e Australia. Nas zonas onde é nativo adoita atoparse na beiramar ou preto de regos, lagoas e lagos.

Usos[editar | editar a fonte]

Amplamente usado coma céspede, tamén se utiliza para pastoreo e para preservar o chan arredor das árbores. Por mor á súa resistencia á salinidade úsase tamén en sitios onde outros pastos non medrarían: preto das praias, beiramar en xeral.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego en Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2000.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Stenotaphrum secundatum (Walter) Kuntze, Poaceae". Pacific Island Ecosystems at Risk (PIER). http://www.hear.org/pier/species/stenotaphrum_secundatum.htm. 
  3. "St. Augustine grass". http://aquat1.ifas.ufl.edu/node/439. 
  4. "Stenotaphrum secundatum (Walter) Kuntze". USDA PLANTS. http://plants.usda.gov/java/profile?symbol=STSE. 

Vëxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gramón
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Gramón