Forzas Armadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Forzas Armadas dun país son o conxunto de institucións oficiais e permanentes encargadas de aplicar as políticas de defensa nacional, así como a política exterior pola vía militar. Adoitan estar divididas nunha serie de ramas que agrupan os recursos militares do Estado en terra (Exército), mar (Armada) e aire (Forzas Aéreas).

Polo xeral, as Forzas Armadas son exclusivamente militares, aínda que en certos países considérase como parte delas a un corpo de xendarmería. Algúns países posúen forzas armadas irregulares, coñecidos como grupos paramilitares.

O estudio do emprego das forzas armadas coñécese como ciencia militar. En termos xerais, implica a consideración de ataque e defensa en tres niveis: estratexia, arte operativo e táctica. Cada un destes niveis estuda o uso da forza para alcanzar uns determinados obxectivos.

Organización[editar | editar a fonte]

As forzas armadas dun país divídense en ramas. Na maioría dos casos existen tres ramas dentro das forzas armadas: un exército de terra, unha mariña de guerra e unha forza aérea. En países pequenos ou con forzas armadas de escasa entidade esta división das forzas armadas non existe, estando a totalidade dos recursos militares agrupados nunha única institución. Noutros casos existe algunha rama adicional a estas tres, ben pola importancia da súa función o por tradición histórica. É o caso, por exemplo, da Infantería de Mariña dos Estados Unidos ou as Tropas de Mísiles Estratéxicos de Rusia. Ademais, poden existir outras ramas das forzas armadas que non sexan estritamente militares, como o caso dos corpos policiais militarizados, por exemplo a Garda Civil española, a Xendarmería francesa ou os Carabinieri italianos.

En cada rama das forzas armadas existen corpos que dividen aos seus membros segundo a súa especialización. Así, atopamos corpos de infantaría, cabalaría, artillaría, enxeñaría militar, sanidade, loxística, intendencia ou música.

Cada rama divídese, ademais, en unidades organizativas menores. Por exemplo, o exército de terra dvide aos seus efectivos en divisións, brigadas, rexementos, etc. Estas unidades poden incluír persoal dunha única especialidade ou ben ser unidades conxuntas, agupando ás diversas especialidades que precisa para levar a cabo a súa misión.

Clasificación e tipos[editar | editar a fonte]

Segundo o grao de profesionalización dos membros que compoñen as forzas armadas, estas pódense dividir en tres tipos:

  • Exército irregular: tamén chamado milicia. Trátase de cidadáns que habitualmente desempeñan outros oficios e que reciben instrución militar de forma ocasional. En caso de conflito bélico son mobilizados e levados ao combate. Este tipo de tropa, se ben era o habitual na antigüidade, actualmente emprégase como complemento a forzas máis preparadas.
  • Exército profesional: o persoal das forzas armadas ten como profesión o servizo militar e, polo tanto, están en constante preparación para o combate. É o modelo máis habitual na actualidade.
  • Exército de leva: é un caso intermedio entre os dous anteriores. Nesta ocasión, existe un corpo de oficiais e suboficiais profesionais e unha tropa formada por recrutas, que cumpren un período de servizo militar, e reservistas, que xa cumpriron dito servizo. Polo tanto, a maior parte do persoal é temporal e ten outro oficio. Para o goberno, é unha opción económica de manter unhas forzas armadas de gran tamaño.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]