Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes
Coordenadas: 43°02′20″N 08°01′21″W / 43.03889°N 8.0225°W
O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes é un mosteiro cisterciense situado no concello de Sobrado, na comarca da Terra de Melide.
Posibelmente fundado no ano 952 nun primeiro momento (aparece citado en documentos de finais do século X co nome de "San Salvador"), pouco se sabe sobre os primeiros cento cincuenta anos da súa historia. A principios do século XII o mosteiro está abandonado.
Foi fundado de novo no ano 1142, cando San Bernardo envía desde Claraval (Francia), de onde é abade, unha comunidade de monxes. O 14 de febreiro de 1142, comeza en Santa María de Sobrado a vida monástica cisterciense. Durante o resto do século XII e o século XIII o mosteiro desenvolve unha grande actividade espiritual e económica. Desta fábrica consérvanse a capela funeraria da Magdalena, a sala capitular e algunhas partes soltas.
Coñece despois unha etapa de decadencia que se detén no ano 1498, ao incorporarse a Congregación de Castela. O mosteiro recupera parte da súa grandeza; a maioría dos edificios que actualmente se conservan, comezan a construírse a partir desta nova época. A monumental igrexa remátase a finais do século XVII e conságrase en 1708.
Santa María de Sobrado sofre unha nova etapa de decadencia, que culmina o 21 de setembro de 1834, cando coa desamortización, o Mosteiro queda suprimido por real orde. O Mosteiro de Santa María de Sobrado, os seus edificios e posesións foron vendidos. Iníciase un deterioro progresivo dos edificios que acaban converténdose en ruínas.
No ano 1954, por encargo do cardeal Quiroga Palacios, Arcebispo de Santiago, o Mosteiro Cisterciense de Viaceli, situado en Cóbreces (Cantabria) comeza a tarefa de reconstrución de Sobrado; e no mes de xullo de 1966 envía unha comunidade de monxes. O 25 de xullo de 1966, comeza de novo a vida monástica cisterciense no Mosteiro.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes do Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes.