Fúrcula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esqueleto de ave coa fúrcula salientada en vermello

A fúrcula (en latín 'pequena forcada')[1] é un óso bifurcado presente no esqueleto das aves e dalgúns dinosauros, formada pola fusión das dúas clavículas.[2] Nas aves a súa función principal é reforzar o esqueleto torácico para soportar os rigores do voo.

En aves[editar | editar a fonte]

A fúrcula funciona como un puntal entre os ombreiros das aves e articúlase con cada unha das escápulas das aves. Xunto co óso coracoide e a escápula, forma unha estrutura única chamada canle triósea, que alberga un forte tendón que conecta os músculos supracoracoides co úmero. Este sistema é o responsable de elevar as ás durante a batida de recuperación.[2]

Fúrcula de polo

Como o tórax é comprimido polos músculos de voo durante a batida das ás cara a abaixo, as partes superiores da fúrcula sepáranse, alargándose ata un 50% da súa largura en repouso, e despois contráense.[2] Películas de raios X feitas a estorniños en voo demostraron que, ademais de reforzar o tórax, a fúrcula actúa como un resorte na cintura pectoral durante o voo. Expándese cando as ás se empuxan cara a atrás e péchase cando as ás se elevan. Ao actuar como un resorte, a fúrcula pode almacenar algo da enerxía xerada pola contracción nos músculos do peito, expandindo os ombreiros lateralmente e despois liberando a enerxía durante a batida de elevación das ás a medida que a fúrcula volve elasticamente á súa posición normal. Isto, á súa vez, impulsa os ombreiros cara a liña media do corpo.[3] Aínda que o estorniño ten unha fúrcula forte e moderadamente grande para un paxaro do seu tamaño, hai moitas especies nas que a fúrcula está completamente ausente, por exemplo os atricornítidos, algúns tucanos e os capitónidos, algúns bufos, algúns papagaios, turacos e mesitornítidos. Estas aves poden perfectamente voar malia non teren fúrcula. Estas aves teñen tamén especies estreitamente emparentadas nas que a fúrcula é vestixial, reducida a unha delgada banda de ligamento osificado, aparentemente sen unha función definida. Noutras especies evolucionou a fúrcula na dirección oposta, xa que incrementou o seu tamaño e fíxose demasiado ríxida ou masiva como para poder actuar como resorte. En aves voadoras potentes como as grúas e falcóns, os brazos da fúrcula son grandes, ocos e bastante ríxidos.[4]

Nas aves, a fúrcula pode tamén axudar á respiración ao contribuír a bombear aire a través dos sacos aéreos.[2]

En réptiles[editar | editar a fonte]

Modelo proposto para a evolución da fúrcula.

Varios grupos de dinosauros terópodos presentan tamén fúrcula, entre eles os dromaeosáuridos, ovirraptóridos,[5] tiranosáuridos,[6] troodóntidos, celofísidos[7] e alosauroides.[5] A presenza de fúrcula é importante no estudo da orixe das aves.

Dada a presenza en dinosauros diplodócidos de interclavículas, Tschopp e Mateus (2013) [8] propuxeron que a fúrcula é unha interclavícula transformada e dividida, en troques dunhas cavículas fusionadas.

No folclore[editar | editar a fonte]

Tarxeta de felicitación de Nadal de arredor de 1909 na que se representa unha fúrcula como símbolo de boa sorte

As supersticións sobre a adiviñación por medio de fúrculas de ganso remóntanse polo menos ao período baixo-medieval. Johannes Hartlieb en 1455 rexistrou a adiviñación por medio de fúrculas de ganso: "Cando se come un ganso na noite ou día de San Martiño, os máis vellos e máis listos gardan o óso do peito e déixano secar ata que pola mañá o examinan arredor, pola fronte, por detrás e no medio. De aí adiviñan se o inverno será duro ou suave, seco ou húmido, e teñen tanta confianza na súa predición que apostarán os seus bens e cousas sobre a súa exactitude.", e dun oficial militar: "Este home valente, este capitán Christian sacou de baixo a súa camisa ese obxecto herético de superstición, o óso de ganso, e mostroume que despois da Candeloria debería haber unha xeada extremadamente forte, e que iso non podía fallar." O capitán tamén dixo, "Os cabaleiros teutónicos en Prusia organizaban todas as súas guerras polo óso de ganso; e tal como predixese o óso de ganso así ordenaban as súas dúas campañas, unha no verán e outra no inverno."[9]

O costume que hai nalgúns países de tirar dúas persoas por cada un dos cabos do óso para que rompa e ver quen queda co cacho máis grande, porque a ese se lle cumprirá un desexo, desenvolveuse ao longo de inicios do século XVII.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición de fúrcula no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Gill, Frank B. (2007). Ornithology. New York: W. H. Freeman and Company. pp. 134–136. ISBN 0-7167-4983-1. 
  3. Proctor, Noble S.; Lynch, Patrick J. (outubro de 1998). Manual of Ornithology: Avian Structure and Function. Yale University Press. p. 214. ISBN 0-300-07619-3. 
  4. The Inner Bird: Anatomy and Evolution, by Gary W. Kaiser
  5. 5,0 5,1 Currie, Philip J.; Padian, Kevin (October 1997). Encyclopedia of Dinosaurs. Academic Press. pp. 530–535. ISBN 0-12-226810-5. 
  6. Carpenter, Kenneth (July 2005). The Carnivorous Dinosaurs. Indiana University Press. pp. 247–255. ISBN 0-253-34539-1. 
  7. Tykoski, Ronald S.; et al. (setembro de 2002). "A Furcula in the Coelophysid Theropod Syntarsis". Journal of Vertebrate Paleontology 22 (3): 728–733. doi:10.1671/0272-4634(2002)022[0728:afitct]2.0.co;2. 
  8. Tschopp, E., & Mateus O. (2013). "Clavicles, interclavicles, gastralia, and sternal ribs in sauropod dinosaurs: new reports from Diplodocidae and their morphological, functional and evolutionary implications". Journal of Anatomy 222: 321–340. PMC 3582252. PMID 23190365. doi:10.1111/joa.12012. 
  9. Edward A. Armstrong, The Folklore of Birds (1970), citado por Davis, Marcia. "Wishbone myth has long history". Knoxville News Sentinel. Consultado o 27 de setembro de 2012. 
  10. Online Etymology Dictionary

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]