Eldridge Cleaver
Elridge Cleaver (31 de agosto de 1935 - 1 de maio de 1998). Voceiro e defensor dos Dereitos Civís, foi un dos membros máis importantes e influentes do Partido Pantera Negra, e autor dunha das obras máis importantes do movemento: Soul of Ice. Nacido en Wabbaseka, Arkansas, a súa familia trasládase primeiro a Phoenix e despois a Los Angeles. É detido por delitos menores durante a súa adolescencia e en 1957 condenado por asalto e intento de asasinato. Tamén recoñeceu moito despois as súas actividades como violador de mulleres na súa mocidade, feitos que tentou desvincular do seu pensamento político. En 1966 sae da prisión e ese mesmo ano ingresa na sección de Oakland dos Panteras Negras.
En 1968 preséntase como candidato á Presidencia polo Partido Paz e Liberdade. Ese mesmo ano é ferido durante un enfrontamento dos Panteras Negras coa policía no que morre o militante Bobby Hutton. Acusado de intento de asasinato abandona o país e refuxiase en Alxeria, onde segundo as súas memorias, recibiría cartos da República de Vietnam do Norte, en guerra cos Estados Unidos. No país africano terá problemas coas autoridades que o fan temer pola súa vida, e refuxiarse brevemente no Estado francés e máis tarde en Cuba.
Elridge Cleaver volverá aos Estados Unidos en 1975 renunciando aos Panteras Negras. Nos anos 80, e a consecuencia das súas experiencias en paises socialistas, Elridge Cleaver renuncia á súa ideoloxía e se bautiza na Igrexa dos Santos dos Últimos Días. Tamén se presentará ás eleccións para o Senado polo Partido Republicano, naquela altura baixo o liderato de Ronald Reagan. Nesa época vólvese tamén adicto ao crack, droga que non poderá deixar até o ano 1994.
Morre de cancro de próstata en Pomona, Callifornia, aos 62 anos de idade. Está enterrado en Pasadena, California.