Directorio Antiforista de Teis
O Directorio Antiforista de Teis constituído en febreiro de 1908, foi un comité organizador da propaganda antiforal en Galicia.
Índice |
Historia [editar]
O 11 de decembro de 1907 a Sociedad de agricultores de Teis dirixiu unha circular ás restantes do partido xudicial de Vigo na que lles propoñía realizar unha campaña a favor da redención forzosa dos foros. O 26 de xaneiro de 1908 a sociedade de Teis organizou un gran mitin en Vigo ao que se adheriron 41 sociedades agrarias e obreiras da provincia.
O 11 de febreiro de 1908 despois dun mitin que tivo lugar en Pontevedra constituíuse oficialmente o Directorio Antiforista de Teis. Foi elixido presidente Manuel Lago Martínez (o presidente da Sociedad de agricultores de Teis), como vicepresidente Ángel Lago Manzanares e secretario Jacinto Crespo (Chinto Crespo). É a primeira organización que agrupa varias sociedades nun movemento antiforista. O proxecto do Directorio consistía en comprometer a sorte dos deputados nos seus distritos segundo a actitude que mostraran ante o problema dos foros. As campañas do Directorio tiveron como consecuencia a consolidación das sociedades agrarias e o seu aumento en número. A postura do Directorio é a de optar por unha redención forzosa dos foros, pero pagándolles aos propietarios o seu dereito. Esta postura choca coa representada por Ramón Billeira que era partidario da redención sen indemnización ningunha.
O Partido Liberal, preocupado polos avances do agrarismo na provincia de Pontevedra monta unha estratexia para fomentar e controlar o movemento iniciado pola Sociedad de agricultores de Teis en favor da redención forzosa dos foros. Prudencio Landín presenta ao Partido Liberal como o único lexitimado, dado que tanto Montero Ríos (1886) como Eduardo Vincenti (1892, 1905) presentaron no Congreso proxectos para a redención de foros.
Logo da I Asemblea de Monforte, o Directorio pasou por unha fase de inactividade da que saíu grazas a un pacto de alta política: Segismundo Moret, que unira no Bloque de Alianza Liberal á maioría das faccións do seu partido con grupos republicanos moderados, mostrábase partidario da redención dos foros e o Directorio viu a ocasión de reactivar a campaña antiforal. O 17 de outubro de 1908 dirixiu unha circular ás sociedades agrarias na que recordaba a necesidade de facer cumprir as conclusións da Asemblea de Monforte.
A campaña contra os foros revitalizouse coa fundación do Comité Antiforista de Becerreá liderado por Alfredo Vicenti. O Directorio continuou atento á evolución parlamentaria do proxecto de Vincenti e optou por participar nas eleccións municipais de maio de 1909, cun éxito moi limitado. Posteriormente impulsou unha campaña de mitins rurais, co proxecto de crear un partido especificamente galego e agrario
O 29 de outubro de 1909, logo de caer o goberno Maura, Moret converteuse en presidente do Gobierno. O sectores máis radicais do agrarismo formaron entón en Madrid Acción Gallega, en xaneiro de 1910. Nas eleccións de 1910 foi derrotado en Redondela o candidato do Directorio de Teis, o xeneral Rubín.
Posteriormente produciuse un achegamento entre Acción Gallega e o Directorio de Teis. O 15 de xuño de 1910 celebrouse unha reunión no Centro Galego de Madrid con presencia de Portela Valladares, Eduardo Vincenti e os dous principais inspiradores do Directorio: Prudencio Landín e Emilio Rodal. Alfredo Vicenti suxeriu a idea de unir o Directorio de Teis e Acción Gallega nun gran partido que podería chamarse Partido Redencionista Agrario Gallego. A proposta concretouse na formación da Liga Agrario-Redencionista, con Vicenti, Vincenti e Portela como directores e Álvarez como secretario. A Liga Agrario-Redencionista, con apoio do Directorio de Teis dirixiu unha intensa campaña de axitación en 1910 con mitins por Pontevedra e Lugo, na que leva o peso Portela Valladares.
O recurso a medidas de forza como negarse a pagar as rendas aos propietarios do directo que se resistían á redención, abriron novos procesos de persecución aos que os antiforistas do Directorio, que carecían dunha cobertura xurídica e económica, non puideron resistir. Os seus tres dirixentes, Chinto Crespo, Manuel Lago e Arturo Prieto, os chamados "tres mártires" ou "Os tres apóstolos", foron condenados ao desterro. O movemento dos de Teis foi esmorecendo e en agosto de 1911, cando se celebrou a III Asemblea de Monforte, era xa historia.
Contou como órgano de expresión co periódico Redención Gallega.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Cabo Villaverde, Miguel (1998). O agrarismo. ISBN 84-89976-28-7.
- Román Lago, Isidro [et al.] (2000). O sindicato de agricultores de Teis. ISBN.