Jacinto Crespo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jacinto Crespo Figueras, coñecido como Chinto Crespo, nado en Lugo en 1849 e finado en Vigo o 17 de xaneiro de 1931, foi un político agrarista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa actividade comezou a documentarse cando xa roldaba os cincuenta anos, coa participación activa na loita dos neoagraristas de Teis. No ano 1907 dirixiu a asemblea agrarista desta localidade e dende o ano seguinte actuou como secretario do Directorio de Teis, ademais de ser membro integrante da Sociedade de Agricultores de Teis. Chinto foi un salientable orador dos mitins antiforais de Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña e Lugo. Formou parte do Comité Provincial da Federación Agraria de Pontevedra e da embaixada societaria que trataba de integrar o agrarismo asturiano na loita iniciada en Galicia. Presidiu a mesa constitutiva da I Asemblea Agraria de Monforte.

Dende 1909 Crespo diversificou as súas actividades, exercendo en Teis de mestre, de porteiro da Sociedade de Agricultores e participando nos mitins aldeáns do antiforismo militante por diversas zonas galegas (Tomiño, Redondela, Oia, A Fonsagrada), levando a estas concentracións agrarias unha importante iniciativa da súa marca: o uso popular da lingua galega. En 1909 presentouse como candidato a concelleiro de Lavadores e asinou, xunto con outros compañeiros do Directorio, artigos e follas de propaganda dirixidas contra os máis famosos caciques urzaístas. Como consecuencia desta campaña foi condenado a desterro e multa. Viviu o exilio nos concellos de Lalín e A Estrada, onde conseguiu reorganizar o agrarismo estradense, dándolle un combativo carácter anticaciquil, abríndolle as portas do movemento a Basilio Álvarez e demais oradores de Acción Gallega.

En 1913, novamente reintegrado na loita agraria, chegou a Ponteareas e arremeteu contra os caciques bugallalistas, polo que foi procesado e encarcerado de novo. Permaneceu en terras do Umia e do Tea ata rematar o cumprimento da condena e posteriormente volveu ao distrito de Lavadores. Presentouse en 1917 como unha figura simbólica da nacente conxunción agrario-republicano-socialista. Despois, no IV Congreso Agrario Provincial, decidiuse crear un posto para el no concello de Lavadores, momento a partir do cal se empezou a distanciar da escena agraria.

Perdéronse os seus discursos en galego e quedaron só as súas prosas periodísticas, nesta lingua e en castelán. Tanto aqueles coma estas, xiran ao redor de diferentes cuestións agrarias como a necesidade de que os campesiños se organicen en sociedades de oficio, que disputen o dominio local aos caciques e que deixen de pagar os foros.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Román Lago, Isidro [et al.] (2000). O sindicato de agricultores de Teis. ISBN.
  • Gran Enciclopedia Gallega (Santiago, Xixón; 1974)