Alfredo Vicenti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alfredo Vicenti Rey, nado en Santiago de Compostela o 20 de novembro de 1850 e finado en Madrid en 1916, foi un xornalista, médico e poeta galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Medicina e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, carreiras nas que nunca exerceu, pois dedicouse pronto ao xornalismo e á política.

En 1875 comezou a redactar en Santiago o texto de A orillas del Ulla, que publicou no xornal ourensán El Heraldo Gallego dirixido polo seu amigo Valentín Lamas Carvajal. Xa era redactor xefe de El Diario de Santiago cando se produciu o levantamento cantonal de Ferrol en 1872. En 1878 é xa director deste diario, cuxa cabeceira foi substituída logo pola de Gaceta de Galicia.

O cardeal Payá y Rico excomulgouno ese mesmo ano e en 1880 marchou a Madrid. Alí substituíu a Manuel Murguía na dirección de La Ilustración Gallega y Asturiana de Alejandro Chao (1880-1882); tamén foi unha peza importante na progresión de O Globo, o gran diario de Emilio Castelar (1880-1895).

Aínda o dirixía, cando logrou convocar representantes de máis de vinte xornais e seis axencias de distintas tendencias políticas para crear a Asociación de la Prensa de Madrid (15 de febreiro de 1895). Cedeu a Miguel Moya a presidencia e, descontento coa deríva política de Castelar, abandonou El Globo e grazas a Moya introduciuse como redactor xefe de El Liberal (1896-1916).

En 1910 participou en mitins agrarios en Galiza e chegou a ser candidato republicano-agrario a Cortes por Becerreá (Lugo). Desde 1907 dirixía El Liberal ata que morreu en 1916.

O seu ideario era o do partido demócrata e sostivo unha ideoloxía republicana e federal, partidaria da autonomía galega, iberoamericanista, anglófila e lusitanista. Anticlerical, defendeu con todo a liberdade de cultos. Foi amigo de Galdós, de Ramón María del Valle-Inclán, a quen descubriu, e de Castelao.

Casado con Emília Díez de Tejada e Hurtado de Mendoza, pai de Eulalia Vicenti, xornalista e figura importante na loita feminista española, é o tataravó do barítono internacional Jorge Chaminé, Medalla de Dereitos Humanos da Unesco e Músico para a Paz, recén nomeado en novembro de 2011.

Obra[editar | editar a fonte]

Pertenceu á chamada xeración do 68 ou xeración de Fonseca xunto cos irmáns Muruais e Rafael Villar (avogado do cura Galeote).

Foi famoso polas súas descricións e perfís biográficos, os seus artigos de fondo e os seus editoriais. Pero foi tamén un extraordinario reporteiro, que cubriu a grave enfermidade de Afonso XII, a cuestión das Illas Carolinas, a presenza do protestantismo, a prerrevolución rusa de 1905 ou o asasinato do bispo de Madrid. Deu conferencias no Ateneo. En Madrid defendeu e divulgou as ideas do movemento agrario Acción Gallega.

Escribiu un volume titulado Recuerdos, (1868-1875): colección de poesías (Ourense: Estab. Tipográfico da Propaganda Galega, 1876), que tivo segunda edición en 1878 e está prologado por Manuel Murguía. Tamén publicou Dioses menores: A orillas del Ulla (Perfiles gallegos) (1875-1881). Imprimiuse o seu Discurso pronunciado por Alfredo Vicenti no Congreso dos Deputados o día 2 de xuño con motivo da discusión dos orzamentos, (Madrid, 1887).

A Asociación de la Prensa de Madrid, o Consello da Cultura Galega e a Deputación Provincial de Pontevedra recuperaron a través do historiador José Antonio Durán a figura de Vicenti e moitos dos seus escritos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]