Desolation Center

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Desolation Center
Ficha técnica
DirectorStuart Swezey
ProdutorStuart Swezey, Mariska Leyssius
GuiónStuart Swezey, Tyler Hubby
IntérpretesPerry Farrell, Thurston Moore, Mike Watt, Blixa Bargeld, Lee Ranaldo, Mark Pauline, Steven McDonald, Jeff McDonald, Curt Kirkwood, Cris Kirkwood
FotografíaJeremy Royce, Sandra Valde-Hansen
Estrea13 de setembro de 2019
Duración94 minutos
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos
Xénerodocumental

Desolation Center é un documental dirixido por Stuart Swezey e estreado en cines o 13 de setembro de 2019, que trata sobre unha serie de concertos organizados nos anos 80 no deserto do Mojave. Entre as bandas participantes atópanse Sonic Youth, Minutemen, Meat Puppets, Swans e Einstürzende Neubauten.[1]

Os concertos[editar | editar a fonte]

O propio Swezey foi o organizador deses eventos, tres no deserto e un nun barco, celebrados entre 1983 e 1985. Swezey era compañeiro de habitación de Perry Farrell, futuro líder da banda Jane's Addiction e fundador do festival Lollapalooza, quen asistíu a estes eventos, que recibiron o nome de Desolation Center. Entre os asistentes tamén se atoparon Gary Tovar, fundador da promotora que creou o festival de Coachella, e John Law, fundador do Burning Man, polo que estes concertos no deserto foron unha fonte de inspiración para a creación destes tres grandes festivais.[2]

Un dos motivos de Swezey para organizar estes eventos foi o intento de esquivar á policía dos Ánxeles, que tiña unha guerra particular contra os concertos de punk rock na cidade.[1] Swezey, que tiña 22 anos nese momento, tivera moitas dificultades para organizar actuacións no centro dos Ánxeles por mor das accións da policía.[3]

O primeiro dos concertos celebrouse o 24 de abril de 1983 e recibiu o nome de "Mojave Exodus". Nel acuaron as bandas anxelinas Minutemen e Savage Republic e os organizadores alugaron vellos autobuses escolares para transportar aos asistentes.[3]

O segundo, "Mojave Auszug", foi o 4 de marzo de 1984. Neste participou Survival Research Laboratories, un grupo de performance coñecido por construír grandes máquinas e facer que se destrúan entre elas, a banda alemá Einstürzende Neubauten, e o músico experimental Boyd Rice.[3]

O terceiro concerto cambiou de localización e realizouse nun barco en San Pedro, California. "Joy at Sea" celebrouse en xuño de 1984 coa actuación de Minutemen e Meat Puppets.[3]

"Gila Monster Jamboree" foi o derradeiro dos concertos organizados para o Desolation Center. Nel os neoiorquinos Sonic Youth realizaron o seu primeiro concerto en California, e estiveron acompañados no escenario por Redd Kross, Meat Puppets e Psi Com.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Pelly, Jenn (2019-01-24). "Hundreds of Punks Hit the Desert. The Modern Music Festival Was Born.". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2020-06-24. 
  2. Walsh, Katie (2019-09-12). "Review: Would Coachella, Lollapalooza or Burning Man exist without ‘Desolation Center’?". Los Angeles Times (en inglés). Consultado o 2020-06-24. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Pearis, Bill. "Review: 'Desolation Center' documentary is a punk rock desert trip worth taking". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2020-06-25. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]