Crismón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Crismón.

O crismón é a representación do lábaro, coñecido coma cruz de Constantino. É o monograma das dúas primeiras letras da verba Cristo en grego, e pendurando o alfa en maiúscula e o omega en minúscula, que representan o principio e o fin de todo. Posteriormente, á representación do monograma engadíuselle un S na época románica na metade baixa da árbore vertical, na que se quere representar o Espírito Santo, e todo iso pechado nun círculo.

Características[editar | editar a fonte]

Réplica do Crismón de Quiroga na exposición Gallaecia Petrea.

A este círculo ténselle dado moitas explicacións. Dende a súa orixe celta, e a súa rodela celta, xa que moitas ocasións a representación do crismón leva motivos florais coma facían os celtas nas súas rodelas, ata orixes pagás e cultos solares.

Pero o que o crismón representa na súa explicación máis plausible é o triunfo do cristianismo sobre o orbe, o triunfo do redentor sobre o paganismo imperante, sendo o círculo no que está inscrito o reforzo do carácter triunfal do monograma simbólico.

Estes simbolismos eran moi comúns nos primeiros intres do cristianismo, xa que só eran coñecidos por eles o que representaban, coma o Agnus Dei, o Cordeiro de Deus, así como os peixes, moitos anos antes de que a cruz fose o símbolo esencial do cristianismo. Hai que entendelo no clima de persecucións que vivían, xa que eran utilizados nos sartegos e catacumbas dos primitivos cristiáns.

A súa expansión representativa máxima acadouna no Románico, xa que está representado nos tímpanos das portadas das igrexas do Camiño de Santiago, polo que é bastante numeroso en Navarra e Aragón. No crismón da Catedral de Santiago de Compostela as letras alfa e omega están trocadas de sitio, intercambiándoo, e parece querer representar o fin da peregrinación é o principio de todo. No Códice Calixtino tamén aparece no Libro I Folio II un pequeno crismón con estas verbas quod est IHS XPS, na que IHS significa Iesus Hominun Salvator, verbas e representación que pouco a pouco ían desprazar a do crismón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]