Lábaro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O labarum
Imaxe do lábaro, coas letras gregas alfa e omega inscritas.

O lábaro é un monograma utilizado polas lexións romanas despois da vitoria de Constantino I o Grande na batalla da Ponte Milvio sobre Maxencio no ano 312.

O monograma consiste na utilización das dúas primeiras letras da palabra Cristo en grego e sobrepostas entre si. A letra X (khi) e a P (rho), como unha abreviatura de XP(IΣTOΣ), nome de Xesucristo.

Á substitución das vellas aguias imperiais nos estandartes romanos por Constantino un día antes da batalla contra as tropas de Maxencio polo lauburun déuselle unha explicación milagreira. Segundo Lactancio, que fora preceptor e titor do fillo do emperador, Crispo, e no seu libro Mortibus Persecutorum Constantino soñou o día antes da batalla con símbolo e unha voz lle dicía in hoc signo, vinces ("con estes signo vencerás"), e mandou preparar os escudos dos seus lexionarios e os seus estandartes co símbolo soñado.

Pero Eusebio de Cesarea, bispo que escribiu unha historia da Igrexa primitiva, dálle dúas explicacions.

A primeira delas é que, moito antes da batalla, o emperador tivera unha visión na Galia, camiño de Roma e as verbas que ve nesta visión, traducidas, "con isto, triunfo".

A segunda versión dos feitos dáa no seu libro A vida de Constantino, e dálle pulo á visión conxunta. O día antes da batalla, o exército encoméndase aos seus diversos deuses para lle axudaren na loita. Pero mirando o ceo, Constantino e mailo seu exército ven a visión da cruz. Esa noite Constantino tivo o soño da aparición de Cristo, no que lle encomendaba usar nos escudos dos seus soldados o símbolo soñado, dicíndolle as verbas xa coñecidas de in hoc signo, vinces. Non se sabe se foi un milagre, pero o que si parece estraño é que 40.000 homes gardasen silencio sobre este feito, ainda que Eusebio dá conta de que Constantino falaba del a quen o quería escoitar.

Tres anos despois da batalla erixiuse o Arco de Constantino en Roma, e nos gravados non aparece o lauburum, mentres que si hai alusións ao "Sol Invictus" que non é outro que Apolo, do que era seguidor, e xa aparecía nas primeiras acuñacions de moedas de Constantino. Máis tarde si que comeza a aparecer no anverso das moedas do emperador e doutros emperadores posteriores.

Outras orixes do lábaro é o seu uso polas lexións romanas estan no lábaro cántabro é lauburu vasco, ainda que non teñen fontes que as apoien.

Etimoloxía e Evolución[editar | editar a fonte]

Ainda que a súa orixe é moi discutibel, dáse por feito que a súa etimoloxia procede da verba latina laureum (loureiro), mentres que outros o ligan ao termo celta llafar (falar).

O certo é que dende aquela asociouse ao cristianismo e á súa simboloxía. Excepto para a corrente restauracionista, que afirma a súa orixe pagá, pola falta do seu uso antes do século III, onde aparece nos cadaleitos cristiáns. Pero parece ser de orixe cristiá, xa que Xuliano o Apóstata o fai desaparecer dos seus estandartes, pero é de novo restaurado polos emperadores cristiáns posteriores.

A súa evolución continúaa, e na época románica, engádeselle a cruz da chamada Gloria Eterna, onde están xunguida as letras alfa e omega. É una cruz na que as letras alfa en maiúscula e omega en minuscula, que xa aparecen na Biblia, ao final do libro do Apocalipse, 22, versículo 13, onde se di "Eu son o alfa e o omega", e coñecendo o alfabeto grego, sempre se representan as maiúsculas a carón das minusculas, e polo tanto a letra alfa e a maiúscula e a omega é a minúscula. Cristo di que el é o alfa e o omega de todas as cousas, o principio e a fin de todo, e isto pódese escribir coas letras gregas e todas as cousas están en Deus.

Na época medieval, especialmente na Alta Idade Media, ambas as cruces unifícanse e amplíanse, dando lugar ao actual crismón, onde aparece a alfa en maiúscula e a omega en minúscula. Engádeselle o S na parte baixa do brazo vertical, que representa o Espirito Santo.