Cisne bravo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cisne bravo


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Anserinae
Tribo: Cygnini
Xénero: Cygnus
Especie: C. cygnus
Nome binomial
'Cygnus cygnus'
(Linnaeus, 1758)
     Verán      Residente      Inverno

     Verán      Residente      Inverno


     Verán      Residente      Inverno

O cisne bravo (Cygnus cygnus) e un cisne que cría nas zonas subárticas de Eurasia.

Descrición[editar | editar a fonte]

O seu aspecto externo é semellante ó do cisne pequeno (Cygnus columbianus), do que se diferenza polo tamaño meirande: miden entre 145 e 150 cm de lonxitude, cun peso de entre 7 e 12 kg e unha envergadura de ás de entre 205 e 235 cm. Cada ala mide entre 59 e 61 cm. As femias son máis pequenas e lixeiras cós machos. A plumaxe e de cor branca pura. Teñen o bico, que mide de 9 a 12 cm, negro, coa base e a cera amarelas. Os ollos son pequenos e atópanse moi preto da parte superior da base do bico. O pescozo non forma un "S" coma o do cisne mudo (Cygnus olor). Malia o seu tamaño son voadores poderosos que poden percorrer distancias moi longas durante os voos de migración. O seu reclamo típico é unha chamada profunda e atrompetada.

Distribución[editar | editar a fonte]

Crían en boa parte da Eurasia subártica, dende Islandia ata Sakhalín e Chukotia. Polo sur atópanse ata o lago Ladoga, Mongolia e o norte do Xapón As zonas de invernada comprenden a cunca norte do mar Mediterráneo, o mar Caspio e a Asia central, do sur e do leste. As aves que crían en Islandia pasan o inverno en Inglaterra e Irlanda. Algunhas poboacións son sedentarias. Os voos de emigración comezan a partir de outubro, cando se espallan ó longo de costas e grandes lagos de Eurasia.

O seu hábitat de cría natural é a tundra poboada con vexetación baixa. Viven preto de lagos ou ríos de curso lento rodeados de vexetación mesta. Atópanse tanto en augas doces como salgadas ou salobres. En calquera caso precisan para vivir áreas acuáticas amplas, xa que pasan moito tempo nadando, buscando alimento na superficie ou comendo as plantas que nacen no fondo.

Costumes[editar | editar a fonte]

Son aves diúrnas que, de acordo coa época do ano, poden seguir activas pola noite. Fóra da época de cría son moi sociais. Aliméntanse principalmente de plantas acuáticas e pequenos animais. Na terra desenvólvense sorprendentemente ben, o que aproveitan para comer herbas e raíces.

Exemplares novos de cisne bravo

Reprodución[editar | editar a fonte]

Maduran sexualmente ós catro anos de idade. Forman parellas que duran toda a vida. A estación de cría do cisne bravo comeza en xeral en abril ou maio. Nesta época son moi territoriais e defenden con agresividade o seu territorio perante intrusos da mesma especie ou doutras. As femias constrúen o niño entre a vexetación mesta das ribeiras con material achegado polos machos. A parte interior do niño cóbrena con penuxa. Poden ser construcións de ata 1 metro de diámetro e 500 a 800 cm de altura, cun diámetro da cunca interior de 40 ou 50 cm.

Poñen de catro a seis ovos de cor que varía entre o branco amarelado e o branco azulado. Os ovos miden uns 113x74 mm e son chocados uns 32 días pola femia mentres que o macho vixía. Como é común nas anseriformes os polos deixan o niño a pouco de naceren. Están cubertos dunha plumaxe castaña agrisada, ás veces con brillos azulados, e teñen o bico de cor carne, coa punta negra. Son alimentados polos dous proxenitores e están en condicións de comezaren a voar cando teñen entre 60 e 70 días, pero adoitan pasa-lo primeiro inverno dentro do grupo familiar, ó que poden incorporarse as crías de anos anteriores. Poden acadar os oito anos de vida, duración que aumenta considerablemente entre os exemplares en catividade.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]