Castelo de Ucero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Ucero
ben de interese cultural e elemento da Lista Vermella do Patrimonio
ConcelloUcero
ProvinciaSoria
Comunidade
autónoma
Castela e León
Coordenadas41°43′09″N 3°02′44″O / 41.719232, -3.045661Coordenadas: 41°43′09″N 3°02′44″O / 41.719232, -3.045661
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalrománico (séculos XIII-XVII)
Estilo actualRuínas en restauración
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Ucero é unha construción defensiva medieval situada na vila de Ucero na provincia de Soria pertencente á Comunidade Autónoma de Castela e León en España.

Áchase baixo a protección da Declaración xenérica do Decreto de 22 de abril de 1949, e a Lei 16/1985 sobre o Patrimonio Histórico Español. Foi propiedade da Igrexa Católica ata o ano 1966, no que un tivo lugar un acordo entre o Estado e a Igrexa, que facilitou a incorporación do castelo a Patrimonio Nacional .[1]

As obras de restauración comezaron en 2014 e o seu financiamento está a cargo do Ministerio de educación, cultura e deporte.[2] Ademais os visitantes poden visitar o castelo para coñecer o desenvolvemento das obras de restauración.[3]

A situación[editar | editar a fonte]

Situado sobre un promontorio rochoso na beira do río Ucero, preto do seu nacemento, domina o amplo espazo dos vales dos ríos Lobos e Rapaz e álzase sobre a vila que lle dá nome. Preto áchase o canón do río Lobos cuxa parte final é totalmente visible dende a fortaleza.

O acceso é tan impresionante como o propio castelo, que aínda na actualidade, no empobrecido estado de ruínas en que se acha, chama a atención pola súa inmensidade e sorprende en canto se fai visible ao baixar a costa da Galiana. Unha particularidade interesante do castelo é a similitude que garda co castelo de «Villa Rey» de Miranda del Castañar, debido á construción dos dous castelos no século XII.

Dende o núcleo urbano de Ucero, chégase ao castelo despois de cruzar o río por un camiño que se vai afundindo entre paredes rochosas sobre as que, a man esquerda segundo se sobe, álzase a construción da fortaleza e da ermida asociada a esta.

Historia[editar | editar a fonte]

Vista xeral do castelo

A zona dominada polo castelo foi habitada dende a prehistoria. Os restos rupestres achados en diferentes puntos da zona do canón de río Lobos, preto da Ermida de San Bartolomé e os depósitos de El Banconcillo, tamén ao lado desta, testemuñan presenza humana polo menos dende a idade de bronce. O propio castelo aséntase sobre os restos dun castro celtibero. A necrópole visigótica de San Martín, e as construcións romanas van deixando ver a continuidade do asentamento nestas terras.

O lugar aparece nomeado por primeira vez en 1157 cando o rei Afonso VII sitúa a vila de Sotos de Suso entre Osma e Ucero, e ademais hai datos que indican que o castelo xa existía no século XIII. O vencello dos templarios coa zona é moi forte. Estímase que o importante convento de San Juan de Otero, xa extinguido, estaba situado preto da Ermida de San Bartolomé, a cal tamén é templaria. Hai constancia que en 1170 xa estaba asentada a Orde do Temple neste lugar, pois está documentado un litixio entre os templarios e a Orde de Calatrava ,onde se cita o convento de San Juan de Otero.

Alejandro Aylagas sinala a Juan González de Ucero como primeiro señor do castelo en 1212 e asegura que era un asentamento templario dende Afonso I de Aragón. Juan González de Ucero participou na batalla das Navas de Tolosa a carón do seu rei, Afonso VIII, e foi proclamado señor da vila por aquela acción. A vila e o castelo de Ucero pertenceu posteriormente a Juan García de Ucero, esposo de María de Meneses, e á morte daquel, a súa esposa herdouno e entregoullo á filla ilexítima que tivo co rei Sancho IV de Castela, Violante Sánchez de Castela.

Acceso ao Castelo

Nun documento emitido o 13 de novembro de 1325 en Aviñón, o papa Xoán XXII encomendou ao arcebispo de Toledo, Juan de Aragón, que seguise o preito que mantiñan Violante Sánchez e o bispo de Osma, Juan Pérez de Ascarón, pola posesión do señorío de Ucero, que, segundo ela, lle pertencía legalmente pola herdanza da súa nai e fora ocupado e retido ilegalmente polo bispo de Osma dende que, segundo el, o mercou o 23 de maio de 1302 por 300.000 marabedís, xunto con outras propiedades, aos testamenteiros de Juan García de Villamayor, segundo a escritura de venda publicada no tomo II das Memorias de Fernando IV de Castela. Malia iso, Violante continuou considerándose propietaria do señorío e en 1327 doouno, xunto co resto das súas posesións, á Orde de Santiago, obviando que o señorío de Ucero pertencía dende 1302 aos bispos de Osma.

No século XVI o castelo é reconstruído por orde do bispo Pedro de Montoya. Honorato Juan coloca o seu escudo de armas sobre a entrada principal no século XVII. A utilización do castelo polo bispado de Osma foi moi dispar, dende mansión palaciana para os bispos (os cales acudían a esparexerse coa pesca da troita no couto do río Ucero) ata cárcere para clérigos.

Descrición[editar | editar a fonte]

A construción consta dun triplo recinto amurallado protexido por un foso. O acceso realizábase por unha serie de ramplas e unha ponte levadiza. A defensa complétase polo lado sur cun muro. A este mesmo lado, construíuse unha ermida separada da construción defensiva pero relacionada con esta. O castelo dispoñía dunha porta de acceso que queda en fronte da ermida. Esta ermida podería ser a da Nosa Señora de Villavieja.

Torre da homenaxe

Posuía un alxibe, do que quedan restos, e unha zona de estanzas onde hoxe en día se observan os encaixes das vigas nos muros.

A torre da homenaxe mantense ergueita e en relativo bo estado. Ten perpiaños en forma de cabalo e está rematada por unhas fileiras de mísulas que soportan o ameado. Hai unha xanela oxival con moldura decorada con dous gárgolas asimétricas. No exterior, hai varias gárgolas; unha delas ten tres figuras e outra ten unha figura que está a suxeitar algo mentres que sobre ela se pode ver unha aguia agarrando unha serpe. O teito da torre é unha bóveda oxival que ten restos de pinturas e está apoiada en mísulas decoradas con cabezas e personaxes. Na clave desta bóveda hai un agnus dei, é dicir unha figura dun cordeiro que algúns estudosos encadran dentro da simboloxía templaria.

Detalle do escudo da entrada

Hai unha pasaxe subterránea que baixa dende o castelo ao río Ucero percorrendo en zigzag a aba do outeiro. A finalidade deste era ter acceso á auga en caso de asedio. A pasaxe está parcialmente derrubada, pero hai algunhas seccións practicables. Está construído escavando o oco no chan e cubríndoo con laxas de cachotaría. Ten unha largura de 1,16m e unha altura que varía entre os 2,13 m e os 1,5 m.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ayuntamiento de Ucero. Historia". web.archive.org (en castelán). 2016-03-04. Archived from the original on 04 de marzo de 2016. Consultado o 2019-02-28. 
  2. "Los andamios cubren la torre del castillo de Ucero por primera vez en siglos". sorianoticias.com (en castelán). 2014-06-27. Consultado o 2019-02-28. 
  3. "Cultura incorpora al Castillo de Ucero en el 'Programa Nacional de Visitas Guiadas para conocer obras de Restauración'". El Norte de Castilla (en castelán). 2014-07-17. Consultado o 2019-02-28. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Antonio Benavides Fernández de Navarrete, Memorias de Don Fernando IV de Castilla, Tomo II, Imprenta de Don José Rodríguez
  • María Echániz Sans, El monasterio femenino de Sancti Spíritus de Salamanca: colección diplomática (1268-1400), ediciones de la Universidad de Salamanca, 1993.
  • Miguel Ángel García Guinea, José María Pérez González, José Manuel Rodríguez Montañés, Enciclopedia del románico , editado pola Fundación Santa María la Real, Centro de Estudios del Románico en Castilla y León 2002.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]