Carol I de Romanía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carol I de Romanía.

Carol I de Romanía, nado o 20 de abril de 1839 e finado en 1914, foi un príncipe alemán, elixido Domnitor ou príncipe de Romanía en abril de 1866 tralo derrocamento de Alexandru Ioan Cuza (Alexandre Xoan Cuza), e rei o 26 de marzo de 1881. Foi o primeiro rei da dinastía Hohenzollern-Sigmaringen, que gobernaría o país até a proclamación da república en 1947.

Durante o seu reinado dirixiu persoalmente as tropas romanesas na Guerra Ruso-Turca, tomando o mando das trupas ruso-romanesas no sitio de Pleven. Grazas a esta guerra Romanía logrou plena autonomía do Imperio otomán (Tratado de Berlín 1878). Entón Romanía viuse obrigada a renunciar a favor do Imperio ruso aos tres distritos do sur de Besarabia, mais recibiu en troques o norte de Dobruia. Ampliou o seu territorio ao adquirir o sur de Dobruia de Bulgaria en 1913. A vida política interna, aínda dominada polas grandes familias de terratenentes, organizados nos partidos rivais Liberal e Conservador, foi marcada por dous levantamentos campesiños: un no sur de Valaquia, en abril de 1888, e outro no norte de Moldavia, en marzo de 1907.

Enterro do rei.

Casou con Isabel de Wied en 1869, da que tivo unha filla, María, morta con apenas tres anos.

A falta de descendencia directa de Carlos deixaba ao seu irmán Leopoldo sucesor ao trono. En outubro de 1880 Leopoldo rexeitou o seu dereito a favor do seu fillo Guillerme, quen á súa vez rexeitou oito anos despois a favor do seu irmán menor, o futuro rei Fernando.