Cadeira (moble)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadeira "Red and Blue" de Rietveld, característica do movemento De Stjil.

Unha cadeira é un moble con respaldo e a súa finalidade é servir de asento a unha soa persoa. Normalmente ten catro patas pero pode ter unha, dúas, tres ou máis. Algunhas contan con repousabrazos. Poden estar fabricadas en diferentes materiais: madeira, ferro, forxa, plástico ou unha combinación de varios. Segundo o seu deseño poden ser clásicas, rústicas, modernas, de oficina, etc.

Historia[editar | editar a fonte]

As cadeiras de Grecia e España recoñécense polos relevos e as pinturas que as representan con pés encorvados; normais ou con garras de león e co respaldo curvo e oblicuo. As cadeiras romanas imitaban as gregas e cando tiñan respaldo chamábanse cátedras. Das cadeiras de honor sen respaldo e con asento brando, coñécense dúas clases:

  • biselium: tratábase dunha cadeira moi alta, recta e con capacidade para dúas persoas.
  • silla curulis (Cadeira curul), tiñan os pés encorvados e era plegable ou de tesoira. Era utlizada polos cónsules e edís.

Dende principios do século XVI aparecen a cadeira e o sillón clásicos españois sobrios, rectangulares, levando teas bordadas, veludos ou guadameciles suxeitos con puntas de adorno no asento e respaldo e que tan estendidas se encontran en España nos séculos seguintes. No XVIII coa dinastía borbónica vaise impondo o gusto francés das butacas e demais cadeiras ou sillons con acolchados.

As cadeiras de palla ou anea no asento úsanse dende o século XVI e as de reixa dende o XVII. Neste século e o seguinte estivo moi de moda para reis e nobres a cadeira portátil ou de mans, a modo de coche.

Tipos de cadeiras[editar | editar a fonte]

A continuación, enuméranse algúns tipos de cadeiras:

  • Cadeira de neno. Asento con rodas que, empuxado por unha persoa, se utiliza para transportar nenos pequenos. Normalmente son individuais, aínda que existen modelos para dous e tres nenos (xeralmente, xemelgos e trillizos). Algunhas das súas características son o respaldo regulable, que conta cunha bandexa inferior para levar diferentes obxectos (chupete, biberón, roupa de neno, etc.), adoita ser facilmente pregable para gardala ou transportala, poden ter freo de pé para inmobilizala, poden ter capota regulable para protexer o neno do sol, da chuvia, o vento ou o frío, poden levar unha funda acolchada na que o neno introduce os pés, e poden incluír un impermeable axustable para protexer o neno da chuvia.
  • Cadeira de coche. Cadeira para transportar nenos dentro dos coches. Teñen que estar normalizadas segundo a lexislación de cada país. Fíxanse por medio do cinto de seguridade e poden dispoñerse de fronte ou viradas respecto ao condutor, segundo o modelo e a idade do bebé.
  • Cadeira da raíña. Asento que se forma entrelazando os brazos de dúas persoas e que se utiliza en determinados xogos infantís.
  • Cadeira plegable. Cadeira xeralmente de madeira que se prega ocupando moi pouco espazo. Utilízase para ocasións especiais como celebracións, feiras, eventos deportivos, desfiles, etc.
  • Cadeira de tesoira. Cadeira plegable con asento e respaldo de tea e patas en aspa.
  • Cadeira de oficina. Cadeira que se utiliza nas oficinas. Ten asento regulable en altura e respaldo reclinable para a adaptar ás características de cada persoa.
  • Trona. Cadeira con repisa frontal que utilizan os nenos para comer.
  • Cadeira de brazos. Cadeira tipicamente de madeira, cun borde semicircular na parte inferior que permite que se mova adiante e atrás. É moi común nas illas caribeñas e o seu uso común, ademais de para persoas maiores de idade, é para arrolar os bebés.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cadeiras