Mesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mesa típica de madeira
Mesa

Unha mesa é un moble con un número variable de patas e un taboleiro plano que se utiliza para pousar os obxectos. Xeralmente ten catro patas pero pode ter tamén tres ou incluso un só pe cunha base ancha. O taboleiro determina a súa forma e dimensións, podendo ser cadrada, rectangular, ovalada, triangular, etc. Por extensión, tamén se coñece como "mesa" a unha tertulia ou debate desenvido ao redor de dito moble.

Materiais[editar | editar a fonte]

A mesa pode estar fabricada con diferentes materiais: madeira, ferro, plástico ou unha combinación deles. Por exemplo, as patas poden ser de metal e a superficie de madeira ou mesmo cristal. Segundo o seu destino, fabrícase nun ou noutro material, pero tendo en conta certos criterios básicos. Velaquí uns exemplos:

  • Unha mesa de cociña debe ser lavable, polo que o taboleiro é xeralmente de granito, melamina ou madeira con acabado plástico.
  • Unha mesa de xardín, ao deixarse á intemperie, fabrícase ben en ferro cun tratamento antihumidade ou ben en plástico.
  • Unha mesa de comedor é xeralmente de madeira de maior calidade: cerdeira, castiñeiro, faia, palisandro, etc.

Historia[editar | editar a fonte]

A mesa típica e primitiva atópase por primeira vez na época das antigas dinastías de Exipto, ao menos dende a dinastía XVIII, uns quince séculos antes de Cristo. Teñen forma rectangular, con patas verticais nos seus catro ángulos.

As mesas "de tesoira" con pés cruzados e articulados estivo así mesmo en uso entre os exipcios e pobos antigos, sendo moi frecuente nunhas e outras o remate dos pés na súa parte inferior a maneira de "garra de tigre" ou "pezuño de ruminante".

A mesa de tres pés e a redonda dun só pé foron coñecidas polos exipcios e outros pobos orientais. Non obstante, foron os gregos e romanos os que as utilizaron en maior medida.

Os trípodes ou "mesas délficas" empregábanse principalmente para realizar os augurios e sacrificios pagáns.

Unha mesa de estilo Imperio.

Nas mesas dun só pé, este representa ás veces a figura dun escravo e noutras remata en tres pequenos pés pola súa parte inferior. Estas mesas servían principalmente nos triclinios ou comedores. Entre os gregos e romanos tamén foron utilizadas as de dous pés, constituídas por un taboleiro rematado nos extremos en dúas figuras de animais. Os exipcios, e máis aínda os gregos, fabricaban as mesas con pés encorvados, uso que moitos séculos máis tarde seguiu o estilo barroco e, sobre todo, o rococó de Luis XV.

Nas antigas civilizacións non se destinaba a mesa a escritorio, pois os escribas exercían o seu oficio no chan, sobre os seus xeonllos. Pero dende os primeiros séculos da Idade Media, úsanse mesas tamén para este fin aínda que sempre revisten formas moi sinxelas.

No Renacemento preséntanse mesas luxosas, decoradas con incrustacións e cos pés torneados ou esculpidos. A mediados do século XVII aparece na Corte de Francia un luxoso bufete (o "bureau") ou mesa de escritorio con cuberta ás veces cilíndrica e outras parecidas ás dun piano que se abre facilmente. A finales do século XIX comézase a utilizar a mesa ministro, que en lugar de pés ten filas de caixóns a un e outro lado.

Tipos de mesas[editar | editar a fonte]

  • Mesa de braseiro: mesa redonda con estrado para colocar o braseiro no centro. Acostúmase colocar no centro do salón e cóbrese con faldas.
  • Mesa pregable: mesa que ten un taboleiro que se prega pola metade e se xira para ocupar a metade do espazo.
  • Mesa extensible: mesa cun taboleiro partido pola metade que se asenta sobre guías. O taboleiro sepárase si é necesario e inxértase no centro un suplemento de madeira. Trátase dunha mesa polivalente que se pode ampliar en situacións excepcionais, por exemplo, se se reciben visitas. O engadido disimúlase ao colocar encima o mantel.
  • Mesa auxiliar: mesa de pequenas dimensións que se utiliza para pousar obxectos de forma temporal ou en caso de necesidade. Sirve de apoio ás mesas principais. Sitúase nos corredores, esquinas ou xunto ás cadeiras de brazos.