Boa arco da vella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Boa arco da vella

Epicrates cenchria
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Squamata
Suborde: Serpentes
Familia: Boidae
Subfamilia: Boinae
Xénero: Epicrates
Especie: E. cenchria
Nome binomial
'Epicrates cenchria'
Linnaeus, 1758
Sinonimia
  • Epicrates gaigei
  • Epicrates cenchria gaigei
  • Epicrates hygrophilus
  • Epicrates cenchria hygrophilus

A boa arco da vella[1] (Epicrates cenchria) é unha especie de boa terrestre distribuída por América Central e América do Sur. É chamada así polo resplandor iridescente do seu corpo cando está exposto á luz do sol.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ten o dorso pardo-avermellado con manchas negras e o ventre amarelado. A súa dentición é áglifa e por tanto non é pezoñenta. Pode chegar a medir máis de 2 m de longo e vivir máis de 25 anos. É tímida e nocturna e vive en ríos, regatos, lagos e pantanos onde se alimenta de pequenos roedores, lagartos e aves. É unha especie vivípara.

A pesar de requirir unhas condicións de humidade e calor moi específicas, esta especie é bastante común, debido á súa beleza, no mercado dos animais de compaña. Durante os anos 80 e o comezo dos 90, eran exportadas en número considerable desde Suriname. Hoxe, polo contrario, poucas das que se ofrecen á venda proceden da exportación, e a maioría foron criadas en catividade.[2]

Boa arco da vella mostrando o seu colorido.

Distribución[editar | editar a fonte]

Esta especie encóntrase no Panamá, en Colombia, en Venezuela, en Trinidad e Tobago, Güiana, no Brasil, no Perú, en Bolivia, no Paraguai e na Arxentina[3].

Taxonomía[editar | editar a fonte]

As subespecies distínguense entre si polas pintas na pel e pola rexión de orixe. É raro encontrar dúas especies no mesmo hábitat. Passos & Fernandes (2008) sostiveron que algunhas destas subespecies eran sinónimos e elevaron outras ao rango de especies.[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Luís Daviña Facal (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 1. A-B. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 629. ISBN 84-95335-45-X
  2. Brazilian Rainbow Boa en Smithsonian National Zoological Park. Consultado o 12 de novembro de 2008.
  3. ReptileDB especie|Epicrates|cenchria|(Linnaeus, 1758)|Consultado o 2 de maio de 2014
  4. Passos & Fernandes (2008):Revision of the Epicrates cenchria Complex (Serpentes: Boidae). Herpetological Monographs, vol. 22, n°1, p. 1-30 (texto íntegro Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine.).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]