Ben Johnson (atleta)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadro de medallas
Atletismo
Xogos Olímpicos
Bronce Os Ánxeles 1984 100 m
Bronce Os Ánxeles 1984 4x100 m
Descualificado Seúl 1988 100 m

Benjamin Sinclair "Ben" Johnson, nado en Falmouth (Xamaica) o 30 de decembro de 1961, foi un atleta canadense, coñecido pola súa descualificación por dopaxe logo de gañar a final Olímpica dos 100 metros nos Xogos Olímpicos de 1988.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Johnson emigrou a Canadá en 1976. Debutou nos Campionatos do Mundo de Atletismo de 1983 quedando derrotado nas semifinais. Ao ano seguinte, Johnson chegou á final dos 100 metros nos Xogos Olímpicos de 1984 celebrados nos Ánxeles, acabando terceiro detrás de Carl Lewis. Co equipo canadense de 4 x 100 metros conseguiu a medalla de bronce.

No Campionato do mundo de 1987 celebrado en Roma, Johnson fíxose famoso ao derrotar a Lewis batendo ademais a marca do mundo cun rexistro estratosférico, 9,83 segundos. Un ano máis tarde, Johnson e Lewis volverían enfrontarse nunha gran final, os Xogos de 1988. De novo, Johnson gañou a Lewis, e fíxoo rebaixando aínda máis a marca mundial deixándoo en 9,79 segundos. O mundo quedou marabillado, unha fazaña da grandeza de Bob Beamon, unha plusmarca que perduraría, un atleta que sería recordado, Johnson era un heroe. Pero poucos días despois unha análise de ouriños demostrou que Johnson consumira esteroides o que lle valeu a descualificación por dopaxe. O escándalo foi tan grande ou máis có foi a súa vitoria. A proba raíña da velocidade quedou en dúbida e moitos atletas quedaron ensombrecidos pola caída de Johnson.

Máis tarde recoñecería consumir esteroides cando conseguiu o Récord do Mundo de 1987, o que provocou que o rexistro quedase tamén anulado. A súa descualificación outorgou a medalla de ouro a Carl Lewis, a prata a Linford Christie e o bronce a Dennis Mitchell. Aínda que Johnson foi o único atleta que deu positivo no exame, non é o único que consumiu determinadas sustancias prohibidas pola federación de atletismo. Anos máis tarde, descubriuse que Christie tamén consumía esteroides. Segundo uns documentos feitos públicos en 2003 por un oficial anti-dopaxe norteamericana, Lewis consumiu a mesma sustancia durante as probas de selección para as Olimpíadas de 1988

En 1991 Johnson intentou regresar ás pistas sen demasiado éxito, facendo unha mellor marca de 10,31. En 1993 Johnson parecía achegarse á súa mellor forma, pero un novo control de dopaxe con resultado positivo, truncou definitivamente a súa carreira ao ser suspendido para sempre.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

En 1999, Johnson foi contratado como adestrador persoal do fillo do presidente de Libia Muammar al-Gadafi.