Arroz moreno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arroz moreno.

O arroz moreno[1], chamado tamén arroz integral, é arroz debrullado, ao que só se lle tirou a casca exterior ou gluma, non comestíbel. Conserva o xerme íntegro coa tona de farelo que o envolve, o que lle dá unha cor morena clara.

Características[editar | editar a fonte]

Ten máis valor nutritivo ca o arroz branco por mor de que o farelo contén moitos elementos como fibra, vitaminas B1 (tiamina), vitaminas B2(riboflavina), B3 (niacinamida), vitamina D, ferro, magnesio, calcio e potasio que se perden coa moedura á que é sometido o arroz branco. O arroz moreno tamén conserva o xerme que aporta proteínas e ácidos graxos, así como a súa camada de aleuronas que contén elementos que eliminan a anxiotensina que inflúe no deselvolvemento da arteriosclerose e maila hipertensión.[2]

Nos Estados Unidos, a lexislación federal garante que os niveis de vitaminas B1, B2, B3 e D, e os niveis de ácido fólico, calcio e ferro contidos no arroz non estean por baixo de certo umbral; en caso contrario o arroz ten de ser enriquecido.[3]

O arroz integral cómpre máis tempo de cocedura, é máis duro ca o arroz branco ao mastigar, e vólvese axiña rancio. En condicións normais o arroz moreno consérvase meses, mais para alongar o seu tempo de vida e evitar a proliferación da traza da fariña (Plodia interpunctella), recoméndanse períodos de conxelación ou envasalo ao baleiro.

En Asia, foi considerado tradicionalmente coma un alimento para pobres e tempos de penurias e guerras. Nos países occidentais, desde a segunda metade do século XX asóciaselle a miúdo coa alimentación saudábel. Maiormente é utilizado na preparación de pratos vexetarianos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC
  2. Brown Rice and Cardiovascular Protection, ScienceDaily, 27 de abril de 2010, consultado o 23/02/2011 (en inglés)
  3. Enriched rice, Food and Drug Administration, Code of Federal Regulations, Tomo 2, Título 21, capítulo I, parte 137, sección 137.350, páxs. 384-386, consultado o 23/02/2011 (en inglés)