Farelo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Farelo de trigo.
Farelo de avea.

O farelo (do latín vulgar *farellu, derivado do latín far, farris ‘especie de trigo’)[1] é a parte envolvente dos grans de cereais que se separa da fariña despois da moenda. Tradicionalmente separábase para obter unha fariña máis branca e, consecuentemente, un pan tamén máis branco porque parecía de máis calidade. Hoxe en día, co desenvolvemento das ciencias da nutrición, recoñécese o seu valor nutritivo polo seu contido sobre todo rico en fibra. Adoita tomarse só ou mesturado con líquidos ou iogur para facilitar o tránsito intestinal.

Composición[editar | editar a fonte]

O farelo é o resultado dun proceso de peneirado da fariña despois da moenda dos grans de cereais. Está formado polo envoltorio dos grans, que conta con cinco capas que, desde fóra para dentro, son:

  1. A codia da caixa, a cutícula.
  2. A segunda, o epicarpo.
  3. A terceira, o endocarpo.
  4. A cuarta, o tegumento.
  5. A quinta e máis interna, a aleurona.

O farelo contén celulosa, polisacáridos, proteínas, graxa, minerais e auga. Supón preto do 15% en peso do cereal.

Usos[editar | editar a fonte]

Quizais o máis usado é o farelo de trigo, pero tamén se comercializan doutros cereais, como a avea, o centeo, o arroz etc.

Tradicionalmente usábase en gandaría como alimento para os animais, como sucedía con outros subprodutos da actividade agroalimentaria.

Actualmente, converteuse nun complemento nutricional común polos seus nutrientes e a fibra que contén. Recoméndase a toma especialmente para facilitar as evacuacións intestinais cando se volven duras ou insuficientes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Meixide Figueiras, Cándido (coord.) (2016). Dicionario Secundaria e Bacharelato Cumio da lingua galega. Edicións do Cumio. ISBN 978-84-8289-519-2. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]