Antonio Puerta
| Información persoal | |||
|---|---|---|---|
| Nome completo | Antonio José Puerta Pérez | ||
| Nacemento | 26 de novembro de 1984 | ||
| Lugar | Sevilla, España | ||
| Falecemento | 28 de agosto de 2007 (22 anos) | ||
| Lugar | Sevilla, España | ||
| Posición | Defensa | ||
| Carreira xuvenil | |||
| AD Nervión | |||
| 1993–2002 | Sevilla | ||
| Carreira sénior | |||
| Anos | Equipos | Apps† | (Gls)† |
| 2002–2005 | Sevilla B | 40 | (4) |
| 2004–2007 | Sevilla | 55 | (5) |
| Total | 95 | (9) | |
| Selección nacional | |||
| 2004–2005 | España sub-21 | 5 | (0) |
| 2005 | España sub-23 | 5 | (2) |
| 2006 | España | 1 | (0) |
| * Partidos e goles só en liga doméstica. † Aparicións (Goles) |
|||
Antonio José Puerta Pérez, chamado Antonio Puerta, nado en Sevilla o 26 de novembro de 1984 e falecido na mesma cidade o 28 de agosto de 2007, foi un xogador de fútbol español. Xogou de defensa e o seu primeiro e único equipo foi o Sevilla FC.
Índice |
[editar] Traxectoria deportiva
Formado nas categorías inferiores do Sevilla FC, coincidiu na canteira sevilllista con futbolistas como Sergio Ramos, Jesús Navas ou Kepa Blanco. Debutou na primeira división española o 24 de marzo de 2004, nun encontro entre o Sevilla FC e o Málaga CF. Con todo, non se afianzou no primeiro equipo sevillista ata a tempada 2005/06. Ese ano converteu un gol na prórroga das semifinais da Copa da UEFA contra o Schalke 04, que meteu o seu equipo na primeira final desta competición e que acabaría gañando ao imporse ao Middlesbrough FC por 4-0. Convocado como suplente, disputou os últimos catro minutos da final.
Á seguinte tempada conquistou co Sevilla a Supercopa de Europa, a Copa do Rei e novamente a Copa da UEFA. Puerta xogou nas tres finais e, na UEFA marcou o último lanzamento da quenda de penaltis, que lle deu o título ao seu equipo. Puerta chegou a ser internacional absoluto coa selección española nunha ocasión, o 7 de outubro de 2006 nun partido contra Suecia, clasificatorio para a Eurocopa de 2008. Antes de debutar coa selección absoluta, Puerta era asiduo nas convocatorias das categorías inferiores da selección de España.
En agosto de 2007 conseguiu o seu último título co Sevilla FC, ao obter a Supercopa vencendo ao Real Madrid nun dobre partido. Só unha semana despois, o 25 de agosto de 2007, no transcurso do partido entre Sevilla e o Xetafe, na primeira xornada de liga española, Puerta sufriu un desmaio como consecuencia dunha parada cardiorrespiratoria. Aos tres días, o 28 de agosto, falecía no Hospital Virgen del Rocío de Sevilla. A súa capela ardente instalouse no estadio do clube o Sánchez Pizjuán. Con carácter póstumo o Goberno de España concedeulle a Medalla ao Mérito Deportivo.
[editar] Palmarés
[editar] Campionatos nacionais
| Título | Club | País | Ano |
|---|---|---|---|
| Copa do Rei de fútbol | Sevilla Fútbol Club | España | 2007 |
| Supercopa de España de Fútbol | Sevilla Fútbol Club | España | 2007 |
[editar] Copas internacionais
[editar] Trofeo Antonio Puerta
- Artigo principal: Trofeo Antonio Puerta.
En agosto de 2008, o Sevilla FC creou o Trofeo Antonio Puerta, obra do escultor Roberto Echevarría e o ourive Juan Borrero Campos. É unha peza no medio relevo e en prata de lei que representa o equipamento nervionense coa anatomía de Antonio Puerta e o seu dorsal ás costas. As cores utilizadas son o vermello veludo para o fondo e a prata simbolizando o branco da camiseta sevillista. Este trofeo dispútase antes do comezo da tempada, a finais de agosto, e substitúe ao tradicional partido de presentación que disputaba o Sevilla FC no seu estadio antes de comezar a tempada.
O 23 de agosto de 2008 disputouse o seu I edición no Estadio Ramón Sánchez Pizjuán, onde se enfrontaron o Sevilla FC e o Málaga CF, os equipos que disputaron o partido no que debutara Antonio Puerta en Primeira división. Antes do comezo do partido realizáronse unha serie de actos nos que se lle entregou a Aitor Puerta, fillo do xogador, o seu carné de socio e unha camiseta do Sevilla co seu nome. Tamén se proxectaron no videomarcador imaxes do xogador e xusto antes do partido gardouse un minuto de silencio.