Estadio Ramón Sánchez Pizjuán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ramón Sánchez Pizjuán
EstadioRamonSanchezPizjuan-SevillaFC.JPG
Vista interior
Datos
Localización Sevilla, España Flag of Spain.svg
Construción
Inauguración 7 de setembro de 1958
Arquitecto Manuel Muñoz Monasterio
Estadio
Superficie Céspede
Dimensións 105 x 68 m
Capacidade 44.500 espectadores
Propietario Sevilla FC
Localía Sevilla FC
Eventos

O Estadio Ramón Sánchez Pizjuán é o estadio do Sevilla Fútbol Club, situado no barrio de Nervión da cidade de Sevilla, en Andalucía.

Debe o seu nome ao que fora presidente do club durante 17 anos e iniciou os procesos da súa construción en 1938. A inauguración oficial produciuse o 7 de setembro de 1958 cun partido amigable entre o Sevilla FC e o Real Jaén. Tivo as súas maiores remodelacións en 1982 e nos anos noventa.

Historia[editar | editar a fonte]

O entón presidente do Sevilla FC, Ramón Sánchez Pizjuán, comprou en 1937 os terreos sobre os que se edificaría o novo estadio, aínda que habería que esperar ata 1954 para que se empezasen a dar os primeiros pasos. Realizouse un concurso de deseños, o cal foi gañado por Manuel Muñoz Mosteiro, o mesmo arquitecto que pouco antes colaborara con Luís Alemany Soler no deseño do Estadio Santiago Bernabéu.

Tras a morte de Ramón Sánchez Pizjuán, foi o seu sucesor, Ramón de Carranza, quen se ocupou do equipo e do estadio, pondo a primeira pedra do mesmo o 2 de decembro de 1956.

Foi inaugurado o 7 de setembro de 1958 cun partido amigable entre o Sevilla FC e o Real Jaén, que acabou con empate a 3 goles. No entanto o estadio aínda se atopaba inacabado. Houbo que esperar ata 1974, sendo presidente Eugenio Montes Cabeza, para o fin das obras, alcanzando naquela época a súa máxima capacidade con máis de 77.000 espectadores.

Eventos importantes[editar | editar a fonte]

En 1982 foi sede da Copa Mundial de Fútbol de 1982, acollendo o partido de primeira rolda que enfrontou ás seleccións de Brasil e a URSS, e tamén o partido de semifinais que enfrontou á República Federal de Alemaña e a Francia.

Tamén se disputou unha final de Copa de Europa en 1986, gañada polo Steaua de Bucarest ao FC Barcelona na quenda de penaltis.

Mosaico comemorativo do Mundial de Fútbol de 1982 situado na fachada principal do Estadio Ramón Sánchez Pizjuán

A selección de fútbol de España fixo do Sánchez Pizjuán unha das súas habituais sedes, non coñecendo a derrota nos 22 partidos disputados, cun saldo de 19 vitorias e 3 empates.

Un feito luctuoso sucedido no estadio foi o ataque repentino e mortal que sufriu o futbolista do club Antonio Puerta nun partido oficial que se celebraba o día 25 de agosto de 2007 entre o Sevilla FC e o Getafe CF.

As conmemoracións máis significativas que se realizaron no estadio foron con motivo da consecución de dúas Copas da UEFA consecutivas por parte do club nas tempadas 2005-06 e 2006-07 e os actos de celebración do centenario do club realizados durante a tempada 2005-06.

Reformas[editar | editar a fonte]

  • 1982: Con motivo do Mundial de España construiuse a visera e o mosaico de preferencia. Ademais de reducirse a capacidade do estadio, quedando esta ao redor dos 70.500 espectadores. Unha nova reforma posterior deixaríao en 66.000.
  • Finais da década de 1990: cando cumprindo a nova normativa FIFA houbo que eliminar todas as zonas do estadio onde se podía ver o fútbol de pé, reducindo o seu aforamento ás 45.500 localidades actuais e pasando a ser o oitavo estadio de España en canto a capacidade.
  • Proximamente tense programada unha total remodelación do coliseo nervionense. Ampliaráselle considerablemente o aforamento ata un máximo de 70.000 espectadores e cambiará o aspecto, modernizando todas as súas estruturas e incorporando catro torres de acceso nas esquinas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]