Anton Makarenko

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anton Makarenko.

Anton Semionovich Makarenko (en ruso Антон Семёнович Макаренко), nado en Bilopole (Oblast de Sumy, Ucraína) o 13 de marzo de 1888, e finado en Moscova o 1 de abril de 1939, foi un pedagogo ucraíno. Tralo triunfo da revolución rusa fundou as casas cooperativas para orfos da guerra civil, destacando a Colonia Maxim Gorki; máis tarde fundou, baixo os auspicios de Stalin, o municipio de Dzerjinski.

Makarenko escribiu numerosas obras, das que destaca O Poema pedagóxico (Педагогическая поэма), unha historia da colonia Gorki. Foi un libro moi popular na URSS.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai, Semión Grigorievich, era un obreiro pintor. Antes de mudarse a Bilopole traballou en Kriukov, onde casou con Tatiana Mijailovna Dergachova, filla dun soldado que servira 25 anos no exército tsarista.

A diferencia do seu esposo, un tanto reservado e pouco comunicativo, a súa nai era unha muller optimista e alegre. Magnífica narradora, cun gran sentido do humor, mantiña na familia a atmosfera de optimismo vital, que Makarenko defende fortemente nos seus libros.

Era o segundo fillo na familia, un neno moi débil e enfermizo, aínda que creceu normalmente. Con cinco anos xa sabía ler, e comezou a ler moito e con avidez, porque xa naqueles anos se manifestaron nel un carácter observador pouco común, cun desexo de aprender ata as causas orixinarias de cada fenómeno.

En 1895, con sete anos, ingresa na escola. Como consello, o seu pai dille: "As escolas urbanas non as fixeron para nós, así que demóstralles o que vales".

En 1900 abríronse en Kriukov uns grandes talleres ferroviarios, ós que foi trasladado o seu pai, onde o fixeron oficial pintor e, ó pouco tempo, contramestre do taller de pintura. Kriukov, cunha poboación de 10.000 habitantes, era un suburbio da importante cidade industrial de Kremenchug, situada ás beiras do río Dniéper.

O seu fillo ingresou na escola urbana de Kremenchug, onde se estudaba seis anos. O programa docente da escola era moi completo, pero os alumnos non podían matricularse nos graos superiores do instituto.

Makarenko seguiu estudando con brillantez. A súa erudición e coñecementos dos clásicos rusos e estranxeiros eran asombrosos para un mozo da súa idade. Coñecía con profundidade filosofía, astronomía e as ciencias naturais.

En 1904, con dezaseis anos, terminou o instituto con sobresaliente en tódalas materias, ingresando despois nuns cursos pedagóxicos dun ano que preparaban mestres para as clases de párvulos.

Na primavera de 1905 Makarenko terminou o cursiño dun ano, e no outono empezou a traballar como mestre na escola ferroviaria primaria, enclavada no recinto dos talleres ferroviarios onde traballaba o seu pai.

Era un extraordinario profesor. Non só tiña moitos coñecementos, senón que tamén sabía transmitilos con mestría. Ensinaba a pensar e a razoar.

Porén, non se fixo un bo educador rapidamente. Custoulle grandes preocupacións un erro cometido no seu terceiro curso como profesor. Facendo o balance dun dos trimestres, decidiu facer un experimento. Calculou a cada discípulo a puntuación media e, en correspondencia coa escala obtida, distribuíu os postos do primeiro ó último. A folla de notas co último posto recibiuna un neno que, como se soubo despois, non ía atrasado por preguiceiro, senón porque estaba moi enfermo de tuberculose. A amargura do pequeno foi tan grande que mesmo se agravou a súa doenza.

Este caso conmocionou a Makarenko. O mozo pedagogo descubriu con evidencia implacable que para educar non só facía falta ensinar, senón tamén comprender a peculiaridade de cada discípulo, ter en conta as súas particularidades individuais. A metodoloxía do traballo educativo non pode reducirse á metodoloxía do ensino: a primeira é unha rama especial da ciencia pedagóxica que ten o seu obxecto e as súas leis.

Na formación espiritual do novel pedagogo influíron moito os axitados acontecementos políticos daqueles anos. A revolución de 1905 retumbou como un eco temible en tódolos rincóns de Rusia, excitando as mentes, espertando a conciencia e chamando á loita contra a autocracia zarista.

En Kriukov Makarenko e os seus amigos da escola estaban subscritos ó periódico legal bolxevique Novaia Zin (Nova Vida). Paulatinamente foise formándose un círculo de representantes da intelectualidade local que polas tardes se reunía no domicilio dun deles, onde discutían sobre temas diversos, incluídos os políticos, e cantaban himnos revolucionarios.

En 1911 Makarenko foi destinado a un novo centro de traballo como inspector da escola ferroviaria da estación de Dolinskaia. No léxico pedagóxico de entón inspeccionar significaba tanto como dirixir, e Makarenko deu ás súas novas responsabilidades un carácter creador. Nas súas clases sabía combinar o cognoscitivo co emocional. Sabia ocupar o tempo libre dos seus educandos con pequenas distraccións: facía funcións teatrais, organizaba veladas de máscaras e xogos diversos. As medidas educadoras de Makarenko asombraban xa entón polas súas innovacións. Por exemplo, para as conmemoracións do centenario de expulsión do exército napoleónico da terra rusa, preparou un espectáculo teatral, que non só extasiou á rapazada do poboado, senón tamén ós adultos. Toda a noite arderon na estepa as lapas dos barriles de alcatrán, ata o amencer tronou o canoneo e se oíron os gritos de vitoria.

De estatura un pouco maior que mediana, delgado e esvelto; cunha cabeza desproporcionadamente grande, co pelo rapado; rostro con trazos acusados, no que sobresaía un prominente nariz; sempre con binoculares, tralos que, cautivando pola súa intelixencia, brillaban uns ollos grises semientornados. Así é como fan os seus contemporáneos o retrato do mozo Makarenko. A este retrato engaden detalles como unha cultura exhaustiva, saber gastar e apreciar unha broma, unha fidelidade a toda proba e gran capacidade de comunicación.

En Dolinskaia, como antes en Kriukov, Makarenko encabezou un círculo revolucionario e educativo. Ademais dos intelectuais, pertencían tamén ó círculo uns cantos obreiros ferroviarios, que se reunían os domingos nunha fraga próxima á estación. Falando nestas reunións, Makarenko criticaba apaixonadamente a autocracia, falaba da necesidade de realizar transformacións revolucionarias, da liberdade e da democracia.

En 1914 abriuse en Poltava o Instituto Pedagóxico, que preparaba mestres para as escolas de segundo grao. Makarenko, que nunca abandonara a paixón polo estudio, enviou inmediatamente a Poltava a súa solicitude e, aprobando brillantemente os exames de ingreso, matriculouse como estudante.

Ingresou no instituto sendo xa un home maduro, con 26 anos, e empezou no acto a estudar profunda e sistematicamente a pedagoxía e a literatura histórica e filosófica. En 1917 Makarenko terminou o primeiro curso con medalla de ouro, e puido ocupar cargos de dirección nas escolas de segundo grao.

Unha nova etapa na vida de Makarenko, como na de millóns de persoas, comezou coa Revolución de Outubro. Ante os ollos da humanidade estupefacta realizouse o que moitos intelectuais rusos soñaran durante moitos anos. Coa sociedade, as persoas comezaron a transformar tamén a súa propia psicoloxía, limpando a súa conciencia da servil fe na omnipotencia da riqueza persoal, desembarazándose do medo polo mañá, converténdose a confianza e a axuda recíprocas en garantía dos futuros logros comúns.

A comezos de 1918 Makarenko regresou á mesma escola na que trece anos antes empezara a súa labor pedagóxica. A escola ferroviaria de Kriukov fora transformada en escola de segundo grao, sendo nomeado director Makarenko. Pero os imperialistas desataran a guerra civil contra os soviets, e no lugar onde traballaba estaban presentes as bandas contrarrevolucionarias e os ocupantes alemáns. Só nas postrimerías de 1919 o Exército Vermello liberou definitivamente Kremenchug e Kriukov, e a comezos de 1920 o poder soviético puido establecerse en toda Ucraína.

En agosto de 1919 Makarenko trasladouse a Poltava, onde se fixo cargo da dirección da escola primaria. Ó ano seguinte, a causa da falta de locais, na escola que dirixía Makarenko aloxouse a sección provincial de economía nacional. A primeira metade do día traballaban na escola os funcionarios deste departamento e, na segunda metade, acudían os nenos. Estudar, e moito menos facer experimentos creadores naquelas condicións, era moi difícil.

Unha colonia para delincuentes xuvenís[editar | editar a fonte]

En setembro de 1920 propuxeron a Makarenko dirixir unha colonia para delincuentes xuvenís acabada de formar, ó que accedeu no acto.

O comezo da súa labor na colonia foi incriblemente difícil. Cinco edificios cadrados de ladrillo recibírono cun baleiro total. Nas habitacións non había absolutamente nada: nin fiestras, portas ou estufas, todo o arrancaran, ata a última árbore. Ó cabo de dous meses, cando un dos edificios se rehabilitara como boamente se puido, chegaron á colonia os primeiros seis educandos, rapaces de 16 e 17 anos, delincuentes sociais que, aínda que non ofendían ós pedagogos, simplemente non reparaban sequera na súa presencia. Un destes primeiros educandos non tardou en realizar un atraco con asasinato e foi detido na propia colonia.

Sen saber que facer nin como abordar ós educandos, Makarenko e os seus poucos auxiliares recurriron ós libros de pedagoxía, pero a teoría pedagóxica respondía ás preguntas apremiantes da vida práctica cun silencio de ultratumba. Viu entón claro que non necesitaba fórmulas librescas que, de todos xeitos, non podería adaptar a aquela situación, senón unha análise propia e concreta.

O educando Zadorov deu o motivo para que Makarenko emprendera a súa última tentativa desesperada de facerse coa situación. En resposta á invitación do director de que fose a cortar leña, o mozo contestou con despreocupación:

-¡Vai cortala ti mesmo: sodes moitos aquí!

"Era a primeira vez que me atuban", di Makarenko en Poema pedagóxico. Colérico e ofendido, levado á desesperación e ó frenesí por tódolos meses precedentes, lanzouse sobre Zadorov. Abofeteouno con tanta forza, que vacilou e foi caer contra a estufa. Golpeouno por segunda vez e, agarrándoo polo pescozo e erguéndoo, pegoulle unha vez máis.

Esta foi, naturalmente, unha saída violenta ás emocións. Desde o punto de vista de moitos teóricos, un absurdo pedagóxico. Pero o caso foi que o influxo emocional, precisamente, venceu a indiferenza e o descaro do quinteto de colonos. Comprenderon que para devolverlles unha fisionomía humana, o educador xogárase a unha carta o último, a propia vida, que era o único que lle quedaba por xogarse.

Collidos de improviso por esta explosión, os colonos reaccionaron tal e como se podía esperar de xentes saídas do mundo da delincuencia: cederon á forza sen experimentar humillación. Esta foi unha especie de vitoria xeral, do educador e dos educandos, pero unha vitoria que aínda necesitaba afianzarse, esixíndose para eles medidas doutra natureza.

O gravísimo caso ocorrido con Zadorov persuadiu definitivamente a Makarenko de que con procedementos semellantes, así como polo método de influencia sucesiva, sobre un ou sobre outro colono, non conseguiría nada. Pero se este método non valía e non había outro, que facer entón? A resposta impúñase por si mesma: el mesmo debía crear novos métodos de educación, crealos alí, na colonia, con aquel grupo de delincuentes xuvenís.

Os contornos da nova metodoloxía de educación xa se adiviñaban na experiencia do propio Makarenko e na dos pedagogos doutros establecementos. Para educar a todos á vez, e non a cada un por separado, hai que ter a perspectiva necesaria, igualmente comprensible para todos. Así podería ser levantada a economía da colonia e satisfacer plenamente as demandas máis apremiantes materiais e culturais dos colonos. Debería organizarse a vida de tal xeito que os propios colonos fosen os que respondesen por todo: polos edificios, polo plan de produción, pola distribución dos ingresos, pola disciplina... Eles mesmos deberían educarse uns a outros, esixir, subordinarse, respectarse, merecer a estima, preocuparse e axudarse mutuamente.

A colonia non é unha suma mecánica de individuos, senón que é un complexo social único, da pertenza ó cal se enorgullecen en igual medida tanto os educandos como os educadores: é o que se chama unha colectividade.

As primeiras solucións teóricas foron apoiadas polos feitos. En primeiro lugar, emprendeuse a ofensiva contra a necesidade. En marzo de 1921 había na colonia 30 mozos, a maioría vagabundos mal vestidos, famentos e sarnosos. Makarenko sabía que, esporeados pola fame, os seus pupilos, baixo diversos pretextos, ían regularmente á cidade, facendo das súas. Pero comprendendo que nos primeiros momentos sería imposible prohibir este procedemento de encher o estómago, non preguntaba ós colonos sobre a verdadeira procedencia dos saqueos. Para terminar dunha vez co roubo esixíase unha determinada situación pedagóxica, e Makarenko agardaba o momento propicio.

Entre tanto, comezaron tamén os roubos na colonia. Desapareceu do caixón da mesa de Makarenko os cartos que constituían o soldo de seis meses de tódolos educadores. Na reunión xeral, rogou devolver os cartos porque podía ser acusado de malversación. Despois da reunión, dous educandos comunicáronlle en secreto que eles sabían quen collera os cartos, pero que non o denunciarían, que probarían a convencelo polas boas. Pola mañá, o botín apareceu tirado na cuadra.

Dous días despois, alguén descerraxou a porta da despensa e levou tódalas reservas de comestibles gardadas para a festa e unhas cantas latas de lubricante para os rodamentos. Os colonos non comprendían que lles roubaran a eles. Con moitas dificultades a causa do racionamento, os educandos lograron subministracións de touciño e mesmo doces, e os gardaron na despensa da colonia. Pero aquela mesma noite todo desapareceu de novo.

Makarenko case se alegrou deste novo furto, supoñendo que agora os colonos se lanzarían contra os ladróns. Pero outra vez se equivocou: se ben era verdade que os mozos se apenaron, non se sumaron á indignación dos pedagogos.

Xa se roubaba a diario. Makarenko probou a facer gardas polas noites, pero non aguantou máis de tres noites. Observando a loita do director e compadecéndose del a escondidas, os colonos empezaron a dicir que estaban dispostos a contratar gardas. Makarenko retrucou tranquilo: Ós gardas hai que pagalos, e nós xa somos bastante pobres, pero o principal é que vós debedes ser aquí os amos.

Por fin atoparon ó ladrón. Era Burun, un dos primeiros seis colonos. Quedaba claro que tódolos esforzos anteriores para orientar a conciencia dos educandos cara os intereses comúns non foran baldíos. Cando Burun dixo ós seus compañeiros colonos que non eran quen para xulgalo, a opinión social apareceu por fin:

-Como, mozos?!, e Kostya Vetkovski saltou do seu asento. Temos que ver con iso nós ou non?!

-Temos que ver!, apoiou a Kostya toda a colonia.

Chegara por fin o momento favorable. Obtida a primeira vitoria, Makarenko seguiu levando adiante novas reservas da súa innovadora pedagoxía. A súa idea principal era lograr unha viraxe decisiva na batalla, conseguir que a noción noso se fixase definitivamente na conciencia dos colonos e se convertese no punto de partida de todo o traballo educativo posterior.

Baixo a influencia dos razoamentos persuasivos de Makarenko, os educandos chegaron a interesarse pola economía da colonia, emprendendo o traballo nos seus campos, hortas e no xardín frutal. Ampliando a conciencia que tiñan de noso, os colonos puxeron baixo a súa protección a fraga estatal máis alá das súas posesións, colocando gardas no camiño, onde cada noite se cometían roubos e asasinatos, e lanzándose a unha ofensiva contra os kulaks locais e os augardenteiros furtivos.

O traballo instrutivo, especialmente a lectura, desempeñou un enorme papel na transformación da conciencia dos colonos. Líase moito á luz dos quinqués e organizábanse lecturas colectivas nos dormitorios, en particular de Gorki. Ós mozos asombrábanlles máis que nada as súas novelas autobiográficas:

-Entón, resulta que Gorki é coma nós? Iso si que é formidable!

A vida de Máximo Gorki -escribe Makarenko en Poema pedagóxico- pasou a formar parte da nosa vida. Algúns dos seus episodios chegaron a ser entre nós elementos de comparación, fundamentos para os alcumes, pancartas para as disputas, escalas para a medición dos valores humanos.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Марш 30 года (Marcha do ano 1930, 1932).
  • Педагогическая поэма (Poema pedagóxico, 1925-1935).
  • Флаги на башнях (Bandeiras nas torres, 1938); Edición en castelán "Banderas en las torres", Ed. Planeta. Barcelona, 1970.
  • A educación infantil (1937); Edición en castelán "La educación infantil", Ed. Nuestra Cultura. Madrid, 1978.
  • Colectividade e educación; Edición en castelán "Colectividad y educación", Ed. Nuestra Cultura.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]