Bandeira Vermella do Traballo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Orde da Bandeira Vermella do Traballo

Insignia
The Order of the Red Banner of Labour ribbon.
Galón

A Orde da Bandeira Vermella do Traballo (ruso: Орден Трудового Красного Знамени; transcrito: Orden Trudovogo Krasnogo Znameni) era unha orde da Unión Soviética outorgada a persoas destacadas no seu servizo civil e laboral.

Foi instaurada por Stalin o 7 de setembro de 1928, como unha división civil da Orde da Bandeira Vermella.

Podíana recibir os cidadáns soviéticos; as empresas, asociacións, organizacións e as divisións administrativas do Estado, así como tamén os cidadáns e organizacións estranxeiras.

Púñase á esquerda do peito e sitúase despois da Orde da Bandeira Vermella.

Foi outorgada a máis de 1.224.590 persoas e organizacións.

Concesión[editar | editar a fonte]

Outorgábase:

  • Polos grandes fitos no fomento da industria, a agricultura, o transporte, a construción e outras pólas da economía nacional; no aumento da eficiencia da produción pública, polo aumento dos índices de rendemento no traballo, pola mellora da calidade da produción, a elaboración e a introdución na produción de mellores procesos tecnolóxicos
  • Polos altos resultados conseguidos de xeito estable na execución das tarefas planificadas e as obrigacións socialistas
  • Polos grandes éxitos no aumento da fertilidade na agricultura e a gandaría
  • Polos grandes méritos no desenvolvemento da ciencia e a técnica, a introdución de novos fitos na economía nacional, polas invencións e propostas de racionalización tecnolóxica
  • Polos grandes méritos no reforzamento da capacitade defensiva do país
  • Pola actividade especialmente frutífera na cultura, a literatura e a arte soviéticas
  • Polos grandes méritos no ensino e a educación comunista da infancia, a preparación dos cadros de alta cualificación no eido da sanidade pública, o desenvolvemento do comercio, a alimentación pública, o hábitat, polos fitos especiais nol desenvolvemento da cultura física e o deporte
  • Polos méritos importantes no eido da actividade pública estatal, do reforzamento da ordenación legal e xurídica socialista
  • Polos grandes méritos no desenvolvemento económico, científico, técnico e pola colaboración cultural entre a Unión Soviética e outros estados.

Historia[editar | editar a fonte]

Instituíuse o 7 de setembro de 1928, confirmándose o 15 de decembro. O 7 de maio de 1936 aprobáronse modificacións nos estatutos, que se volveron modificar o 19 de xuño de 1943, o 16 de decembro de 1947 e, finalmente, o 28 de marzo de 1980.

Foi a segunda orde soviética que se estableceu (despois da Orde da Bandeira Vermella). O modelo de 1928 foi obra do pintor V.K. Kuprijanov, e o de 1935 foi obra do cuñador de moeda V.V. Golenetskij.

O 28 de decembro de 1920 foi instituída como a "Bandeira Laboral Vermella RSFSR" no VIII Congreso dos Soviets Rusos, e posteriormente tamén se instituíu no resto das repúblicas, ata o seu establecemento xeneralizado e a consecuente derrogación das condecoracións locais. Entre as primeiras concesións figura a fábrica de armamento Tula o 25 de abril de 1921, pola execución do programa de produción de fusís e munición durante a ameaza de conquista do Exército Branco. O primeiro particular que recibiu a Bandeira Laboral Vermella RSFSR foi o labrego Bihovskogo, da provincia de Menchukov, o 28 de xullo de 1921, pola defensa abnegada do movemento dos xeos.

A primeira concesión da Orde da Bandeira Vermella Laboral da URSS foi á fábrica Kirov de Leningrado. Os primeiros individuos en recibila foron uns mecánicos pola súa participación na expedición de salvamento do dirixible "Italia", que tivo unha avaría no Polo Norte. Os máximos receptores da orde foron a bailarina Tamara Hanum, o historiador L.F. Ilichev e o físico M.A. Leontocich (5 cada un). Con 4 condecoracións atopamos a bailarina Galina Ulanova, a actriz Natalia Uzhvy ou o compositor Meliton Balanchivadze.

O 9 de febreiro de 1945 outorgouse ao 2º Secretario da Embaixada de Gran Bretaña na URSS Sir Arthur Gerbert polo seu extraordinario traballo entre as delegacións británica e soviética na Conferencia de Teherán.

Entre as empresas que a recibiron aparecen o Instituto de Minas de Moscova (1969), o Teatro da Opereta de Moscova (1977), o Instituto de Estradas de Moscova (1980), o Teatro Svetlana de Leningrado (1942 e 1966), o Instituto de Medicina de Kiev (1944), o Instituto de Enxeñeiros de Aviación Civil de Kiev (1966), os xornais "Noticia" (1949), o "Traballo" (1951), "Pravda" (1968), "O Deporte Soviético" (1974), "A verdade de Ucraína" (1975), "A Cultura Soviética" (1979), as revistas " Traballadores" (1933), "Unha Xove Garda" (1969), "Os Sindicatos Soviéticos" (1977), "Un Xove Comunista" (1977), "Ao volante" (1978), etcétera. Os derradeiros deportistas en recibila foron os alpinistas Gennady Vasilevich Kopejka e Aleksandr Vasilevich Shevchenko.

Deseño[editar | editar a fonte]

A medalla consiste nunha roda dentada de prata cun esmalte branco entre os radios da roda. Na volta da roda hai a inscrición "ПРОЕТАРИИ ВСЕХ СТАН, СОЕДИНЯЍТЕСБ!" (Proletarios de todos os Países, Unídevos!). No centro da roda hai un medallón cun anel de follas de carballo coa imaxe dun encoro e un río en esmalte. Sobre está a fouce e o martelo. O medallón está coroado por unha bandeira vermella de esmalte coas letras douradas "C.C.C.P." Debaixo hai unhas espigas de trigo coa estrela vermella en esmalte.

A primeira versión, vixente ata 1936 era de deseño moi basto. O medallón era sen esmalte, e aparecía unha estrada diante dunha cidade sobre unha montaña. Na derradeira hai un triángulo de esmalte vermello que apunta abaixo, e na punta aparece unha roda dentada.

Desde 1943, a medalla pendúrase sobre un galón pentagonal azul ceo cunha barra azul escuro de 3 mm nas puntas.