Amada García
Este artigo ou apartado contén afirmacións non neutrais e/ou texto que promociona o tema tratado de forma subxectiva sen achegar información neutral e verificable. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Amada García Rodríguez 7 de outubro de 1911 Mugardos, España |
Morte | 27 de xaneiro de 1938 (26 anos) castelo de San Filipe, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | política |
Amada García Rodríguez, nada en Mugardos o 7 de outubro de 1909 e finada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, foi unha militante mugardesa do Partido Comunista durante a Segunda República Española, fusilada por militares franquistas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Amada García era unha moza militante do Partido Comunista en Mugardos, preto de Ferrol. Activa na súa militancia, protagonizou accións raramente asumidas por mulleres, o que provocaba escándalo nos sectores máis reaccionarios da sociedade.[1]
Golpe de Estado e represión
[editar | editar a fonte]O acceso violento ao poder dos falanxistas e de militares fascistas protagonistas do golpe de Estado liderado polo xeral Franco, no 1936, provocou unha fortísima represión en Galicia, de xeito moi duro e intenso na comarca de Ferrol, e, especialmente, en Mugardos. Centos de persoas morreron despois de xuízos militares e aínda máis foron asasinadas sen xuízo nin ningún procedemento legal, só por razóns políticas.[2]
Detención e fusilamento de Amada García
[editar | editar a fonte]Amada, sometida a traballos forzados e arresto domiciliar no verán de 1936, foi detida en abril do 1937 estando embarazada, nacendo no Hospital de Caridade de Ferrol o seu fillo Gabriel o 30 de outubro do 1937, dous meses antes do Consello de Guerra que a condenou a morte. O 26 de xaneiro de 1938, foi conducida do cárcere de mulleres de Ferrol ao Castelo de San Filipe, prisión militar na marxe dereita da ría de Ferrol. Alí foi executada o día 27 xunto con outras sete persoas da mesma comarca: Juan José Teijeiro Leira, José María Montero Martínez, Ángel Roldos Gelpi e Antonio Eytor Canizo de Mugardos, Ramón Rodríguez López e Jaime González Pérez de Ares e Germán López García de Cabanas.[3]
Tanto a instrución previa como o Consello de Guerra estiveron inzados de irregularidades: declaracións falsas asinadas por testemuñas analfabetas, multas ás testemuñas da defensa, ordes de silencio aos defensores. A transmisión oral de tan triste historia levou á creación dun mito, mesturando realidade con paixón e conmiseración.
O seu fillo, Gabriel Toimil García, foi entregado ao seus avós maternos e finou no 2014. A súa filla Amada, moi afectada polo sucedido, optou por entrar como monxa de clausura nas Carmelitas Descalzas.
Amada García na memoria histórica de Galicia
[editar | editar a fonte]O fillo de Amada, Gabriel, visitaba todos os 27 de xaneiro o muro no castelo onde fusilaron a súa nai, e tales visitas continuaron despois da súa morte. No ano 2016 o concello de Ferrol institucioanalizou o 27 de xaneiro como data de Memoria, continuando dese xeito a denuncia e difusión da represión franquista.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Montserrat Villarino Pérez, Ofelia Rey Castelao, Rocío Sánchez Ameijeiras (ds.) 2008. En femenino, voces, miradas, territorios. Ed. Universidade de Santiago de Compostela, 459 pp. en liña
- ↑ Carlos Fernández. 1983. El alzamiento de 1936 en Galicia: datos para una historia de la Guerra Civil. Volume 3 de Documentos para a historia contemporánea de Galicia. 3ª ed. Castro, 588 pp. ISBN 84-7492-129-5
- ↑ "El bebé republicano". El País. 12 de xullo de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Suárez Martínez, X. M.: Guerra Civil e represión en Ferrol e ComarcaArquivado 30 de marzo de 2007 en Wayback Machine.. Concello de Ferrol-Ed. Galaxia, 2002.
- Barreta Beitia, E. : De la república a la postguerra. Fuco Buxán, Ferrol, 2005
- Velasco Souto, C.: Represión e alzamento militar en Galiza. A Nosa Terra, Vigo, 2006
- Máiz Vázquez, B.: Amada García e os seus arredores. Edicións Embora, Ferrol, 2017