Alice Liddell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAlice Liddell

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(en) Alice Pleasance Liddell Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento4 de maio de 1852 Editar o valor em Wikidata
Westminster, Reino Unido Editar o valor em Wikidata
Morte16 de novembro de 1934 Editar o valor em Wikidata (82 anos)
Westerham, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaChurch of St Michael and All Angels, Lyndhurst (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
ResidenciaCuffnells (en) Traducir (1880–) Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeReino Unido Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoArte Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónmodelo artístico , modelo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
ParellaReginald Hargreaves (1880–1926) Editar o valor em Wikidata
FillosCaryl Liddell Hargreaves (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaisHenry Liddell (en) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Lorina Reeve (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsFrederick Francis Liddell (en) Traducir, Rhoda Caroline Anne Liddell (en) Traducir, Edith Mary Liddell (en) Traducir e Lorina Charlotte Liddell (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Liddell-388 Find a Grave: 8716 Editar o valor em Wikidata


Alice Pleasance Liddell Hargreaves Taylor, nada en Westminster o 4 de maio de 1852 e finada en Kent o15 de novembro de 1934, foi durante a súa infancia amiga de Lewis Carroll, e a súa inspiración para o personaxe protagonista dos libros Alicia no país das marabillas e Alicia do outro lado do espello.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Alice Liddell foi a cuarta filla do matrimonio formado por Henry Liddell, que foi durante 36 anos decano do college Christ Church de Oxford, e a súa esposa, cuxo nome de solteira era Lorina Hannah, filla máis nova duns terratenentes da pequena nobreza. O matrimonio tivo varios fillos: maiores que Alice, Harry (nado en 1847) e Arthur (1850-1853), e unha irmá máis vella, Lorina, coñecida como "Ina" (nada en 1849); despois dela naceron outras seis nenas, cunha das cales, Edith (nada en 1854) tivo Alice unha relación bastante íntima.

Cando naceu Alice, o seu pai era o decano de Westminster School, pero pouco despois foi designado para o decanato de Christ Church de Oxford. A familia Liddell mudouse a esta cidade en 1856. Pouco despois do traslado, os Liddell trabaron amizade con Charles Lutwidge Dodgson, máis coñecido polo seu pseudónimo literario de Lewis Carroll, profesor en Christ Church. Dodgson e Alice Liddell coñecéronse o 25 de abril de 1856, cando a nena non cumprira aínda os catro anos.[1]

A relación de amizade de Charles Dodgson coa familia Liddell, e especialmente con Alice e as súas irmás Lorina e Edith, prolongouse durante varios anos. As tres pousaron en numerosas ocasións para ser fotografadas por Dodgson, gran afeccionado á fotografía, e adoitaban ir con el de excursión polos arredores de Oxford. A verdadeira Alicia deixou testemuño destes longos paseos:

«Moitos dos contos do Sr. Dodgson fóronnos contados nas nosas excursións polo río, preto de Oxford. Paréceme que o principio de Alicia foinos relatado nunha tarde de verán na que o sol era tan ardente, que desembarcaramos nunhas pradarías situadas corrente abaixo do río e abandonaramos o bote para refuxiarnos á sombra dun palleiro recentemente formado. Alí, as tres repetimos a nosa vella frase: cóntenos unha historia, e así comezou o seu relato, sempre delicioso. Algunhas veces para mortificarnos ou porque realmente estaba canso, o Sr. Dodgson detíñase repentinamente dicíndonos: isto é todo, até a próxima vez: ah, pero esta é a próxima vez!, exclamabamos as tres ao mesmo tempo, e despois de varias tentativas para persuadilo, a narración renovábase novamente».

Durante unha destas excursións, Dodgson, a petición de Alice, inventou unha primeira versión do que logo se convertería no soado libro As aventuras de Alicia no país das marabillas, e posteriormente escribiu o conto para regalarllo a Alice no Nadal de 1863. Pouco antes (no verán dese mesmo ano), con todo, un misterioso episodio provocara o arrefriado das relacións entre Dodgson e os Liddell. A partir de entón, Alice e Dodgson só mantiveron algúns encontros esporádicos. Hai constancia de correspondencia entre ambos polo menos até 1892.[2]

Durante a infancia de Alice, ela e a súa familia adoitaban pasar as vacacións nunha casa de campo chamada "Penmorfa" (posteriormente convertida no Gogarth Abbey Hotel e finalmente demolida en 2008), na costa occidental de Llandudno, no norte de Gales.[3]

Alice Liddell en 1872, fotografada por Julia Margaret Cameron.

Lorina ("Ina") Liddell contraeu matrimonio en febreiro de 1874. Dous anos despois, o 30 de xuño de 1876, morreu Edith, a menor das irmás, de peritonite como secuela do xarampón.

Segundo refire Morton N. Cohen na súa biografía de Lewis Carroll, Alice foi obxecto da atención romántica do príncipe Leopoldo, duque de Albany, fillo máis novo da raíña Vitoria, durante o tempo en que este foi estudante en Christ Church.[4][5] Este romance, se chegou a existir, non prosperou, xa que o príncipe terminaría por casar cunha princesa alemá. No entanto, Leopoldo daría á súa filla primoxénita o nome de Alice, e sería máis tarde o padriño do fillo de Alice Liddell, Leopold Reginald Hargreaves. Existiu, en calquera caso, unha relación de amizade entre Alice Liddell e o seu esposo e os duques de Albany.

Outro estudante do Christ Church, Reginald Gervis Hargreaves, fillo dun próspero empresario, namorouse de Alice e propúxolle matrimonio. Ambos casaron o 15 de setembro de 1880 na Abadía de Westminster. Alice converteuse nunha dama da alta sociedade, dando a miúdo recepcións na súa mansión de Cuffnells, Hampshire. O matrimonio tivo tres fillos: Alan Knyveton Hargreaves, Leopold Reginald "Rex" Hargreaves e Caryl Liddell Hargreaves (Alice negou sempre que o nome do seu terceiro fillo tivese relación co sobrenome de Dodgson, Lewis Carroll). Os dous maiores faleceron en combate durante a Primeira guerra mundial.

O tren de vida que levaba o fillo máis novo, Caryl, e os elevados custos de mantemento da propiedade familiar de Cuffnells, levaron a Alice a tomar a decisión de vender o manuscrito autógrafo que lle regalou Lewis Carroll en 1863. Dado que o nome de Lewis Carroll era entón mundialmente coñecido, obtivo por el unha suma moi elevada (15.400 libras esterlinas) na casa de poxas Sotheby's. O manuscrito foi adquirido polo doutor A.S.W. Roschenbach, quen o vendeu logo a Eldridge R. Johnson. Johnson expuxo o manuscrito ao público na Universidade de Columbia con motivo da conmemoración do centenario do nacemento de Lewis Carroll, en 1932.

A Universidade de Columbia convidou a Alice Liddell a esta conmemoración. Alice, que tiña xa oitenta anos, viaxou aos Estados Unidos en compañía da súa irmá Rhoda e do seu fillo Caryl, e participou nos actos conmemorativos, que incluíron un doutoramento honoris causa para ela outorgado pola Universidade de Columbia. É probable que durante esa visita aos Estados Unidos coñecese a Peter Llewelyn-Davies, un dos irmáns que inspiraron o personaxe Peter Pan a J. M. Barrie, aínda que con seguridade este encontro sucedeu en Londres, na libraría Bumpus Store.[6] Faleceu dous anos despois, o 16 de novembro de 1934, nunha casa que alugara en Westerham, próxima á da súa irmá Rhoda. Nunha ocasión confesoulle que estaba "cansa de ser Alicia no País das Marabillas".[7] A súa residencia familiar, Cuffnells, convertida en hotel trala súa morte, foi demolida despois da Segunda guerra mundial.

O manuscrito orixinal de Carroll foi adquirido, á morte do seu propietario, Eldridge R. Johnson, por un consorcio de bibliófilos estadounidenses e regalado ao pobo británico "en sinal de agradecemento a un pobo nobre que mantivo baixo control a Hitler sen axuda durante un longo período".[8] Actualmente consérvase na Biblioteca do Museo Británico.

Relación con Lewis Carroll[editar | editar a fonte]

Alice, disfrazada de esmoleira. Fotografía de Charles Dodgson, nome real de Lewis Carroll (1858).

A relación entre Alice Liddell e Charles Dodgson foi fonte de controversia.[9] Moitos biógrafos pensaron que Dodgson sentía por ela unha atracción de índole romántica ou sexual pero non hai probas de que sexa así.[10]

Dodgson coñeceu á familia Liddell en 1856. Segundo as anotacións dos seus diarios, coñeceu primeiro á señora Liddell e aos seus fillos Harry e Lorina o 25 de febreiro dese ano. Máis tarde fixo amizade co pequeno Harry Liddell. O seu primeiro encontro con Alice tivo lugar o 6 de marzo, cando acudiu á casa do decano para fotografar a catedral. Segundo el mesmo indica no seu diario, sinalou ese día cunha pedra branca.[11]

Primeiro fixo amizade con Harry, o irmán máis vello, ao que levou coa súa irmá Lorina ("Ina") a varias excursións en barca e merendas campestres nos arredores de Oxford. Máis adiante, cando Harry comezou a ir á escola, Alice e a súa irmá Edith empezaron a acudir a esas excursións. Dodgson adoitaba entreter ás nenas narrándolles contos fantásticos, e elas pousaron a miúdo para el como modelos de fotografía, a gran afección de Dodgson. Afirmouse que Alice foi a modelo favorita de Dodgson, pero non hai ningunha evidencia de que sexa así. Os diarios de Dodgson entre o 18 de abril de 1858 e o 8 de maio de 1862, que poderían achegar luz sobre a súa relación coas irmás Liddell, perdéronse, probablemente destruídos polos herdeiros do autor.

A relación entre Dodgson e a familia Liddell terminou bruscamente en xuño de 1863. Até hai pouco non había información algunha sobre o que motivou esta ruptura, xa que os Liddell nunca falaron abertamente diso, e a páxina dos diarios do autor correspondente aos días 27, 28 e 29 de xuño de 1863, datas nas que supostamente ocorreu a ruptura, perdeuse (foi arrincada por unha sobriña do autor, Menella Dodgson, segundo recoñeceu varios anos despois).[12]

Especulouse coa idea de que a nai de Alice, a señora Liddell, desaprobara a relación da súa filla, que xa tiña once anos, con Dodgson. Morton N. Cohen suxire a idea de que Dodgson puido pedir a man de Alice, ou polo menos facer algún tipo de insinuación nese sentido.[13] Até hai pouco, a única fonte para coñecer o que puido ocorrer nesas datas eran as especulacións, todas elas centradas na idea de que a ruptura tivo algún tipo de relación con Alice Liddell.

En 1996, Karoline Leach atopou o que desde entón se coñece como o documento "Cut Pages in Diary" ("Páxinas cortadas no diario") — unha nota supostamente escrita pola sobriña de Charles Dodgson, Violet Dodgson, que resume a páxina perdida dos diarios correspondente aos días 27, 28 e 29 de xuño de 1863, escrita aparentemente antes de que ela (ou a súa irmá Menella) arrincasen a páxina.[14] A nota di así:  

L.C. sabe grazas a Mrs Liddell que dise que está utilizando ós nenos como unha excusa para facer a corte á institutriz - dise tamén que [ilexible] está facendo a corte a Ina.[15]

Non está claro quen foi o autor desta nota. Para Leach, a escritura pode ser a dunha das dúas sobriñas de Carroll, Menella ou Violet Dodgson. No entanto, Morton N. Cohen afirma, nun artigo publicado no Times Literary Supplement[16] que, durante os anos sesenta, Philip Dodgson Jacques reveloulle que el mesmo era o autor da nota, para a que se baseou en conversacións escoitadas ás súas tías. Actualmente non existen probas que permitan decantarse por ningunha das dúas posibilidades.

O sentido exacto desta nota tampouco foi determinado. Con todo, parece implicar que a ruptura entre Dodgson e a familia Liddell produciuse por mor dun suposto rumor que relacionaba a Dodgson coa institutriz das nenas e con "Ina", a irmá máis vella de Alice. A natureza destes rumores, e se tiñan ou non fundamento, son asuntos que non puideron ser aclarados até o momento.

En calquera caso, as relacións arrefriáronse. Dodgson evitou a casa dos Liddell durante uns seis meses, pero finalmente regresou para visitar a familia en decembro de 1863, ocasión na que regalou a Alice o manuscrito de As aventuras de Alicia baixo terra. Pero a antiga cordialidade parece desaparecer, e a amizade terminaría por desvanecerse por completo, talvez porque Dogson mantiña discrepancias co pai de Alice, o decano Liddell, en canto á política do college. Déronse outras explicacións, que fan referencia en xeral a enredos amorosos e corazóns rotos, pero non hai probas que permitan confirmalas.

Dodgson, con todo, viu aínda a Alice nalgunhas ocasións. En 1870, por exemplo, a señora Liddell levou ás súas fillas Lorina e Alice ao estudo do escritor para facerlles senllos retratos fotográficos (as últimas fotografías que Dodgson fixo das irmás).[17] O autor escribiu aínda a Alice en varias ocasións, nunha delas para pedirlle prestado o manuscrito que lle regalara anos atrás para publicar unha edición facsímile, que apareceu en 1886.[18] A última carta coñecida de Dodgson a Alice data de 1892. A partir desa data, que se saiba, non mantiveron ningún contacto máis. Dodgson faleceu en 1898.

Orixe de Alicia no país das marabillas[editar | editar a fonte]

Ilustración de John Tenniel para a primeira edición de Alicia no país das marabillas.

O 4 de xullo de 1862, nunha viaxe en bote polo Támese, de Oxford a Godstow, para unha festa campestre, Alice, que contaba dez anos, pediu a Charles Dodgson que lles contase unha historia a ela e ás súas irmás (Edith, de oito anos, e Lorina, de 13). Mentres o reverendo Robinson Duckworth remaba, Dodgson narrou ás nenas as fantásticas aventuras dunha nena chamada Alice (Alicia), que caía no tobo dun coello. Fascinada pola historia, que lle pareceu mellor que de costume, Alice pediu a Dodgson que lla escribise.

Dodgson tardou aproximadamente uns dous anos e medio en completar o manuscrito, que ilustrou con debuxos da súa propia man, e regaloullo a Alice no Nadal de 1864.[19] Xa antes disto, o autor mostrara o conto ao tamén escritor George MacDonald, quen o animou a publicalo, segundo anotou Dodgson no seu diario o 9 de maio de 1863.[20] Aos fillos de McDonald gustoulles moito a historia, e isto levou probablemente a Dodgson a crer que podería ter éxito. En outubro de 1863, Dodgson mostrou o manuscrito, titulado As aventuras de Alicia baixo terra (Alice's Adventures Under Ground) ao editor londiniense Alexander Macmillan, que aceptou publicalo, e suxeriu a colaboración de John Tenniel nas ilustracións. O libro, ilustrado por Tenniel, apareceu finalmente en 1865, co título cambiado: Dodgson preferiu titulalo As aventuras de Alicia no país das marabillas (Alice's Adventures in Wonderland), e asinouno co pseudónimo de Lewis Carroll, co que se faría famoso na historia da literatura. Máis adiante, grazas ao éxito da obra, Carroll publicou unha segunda parte, A través do espello e o que Alicia atopou alí (Through the Looking-Glass and What Alice Found There, 1871). En 1886 apareceu unha edición facsímile do manuscrito que o autor regalara a Alice, co seu título orixinal das aventuras de Alicia baixo terra (Alice's Adventures Under Ground)

Alice Liddell e o personaxe de Alicia[editar | editar a fonte]

Existe controversia acerca de até que punto é posible identificar a Alicia do libro de Carroll con Alice Liddell. Está claro que as dúas Alicias non son absolutamente idénticas, e, aínda que a opinión tradicional é que a Alicia de ficción estaba inspirada de forma próxima na Alice real, as investigacións recentes contradin esta suposición. O propio Dodgson explicou en anos posteriores que o seu personaxe era enteiramente imaxinario e que non estaba en absoluto baseado en neno algún; e é evidente que a imaxe de Alicia, tal e como aparece nas ilustracións de Tenniel, non ten parecido físico con Alice Liddell.

De feito, existe o rumor de que Dodgson enviou a Tenniel unha fotografía doutra das súas amigas infantís, Mary Hilton Badcock, suxerindo que a usase como modelo, pero tampouco este rumor puido ser confirmado de forma satisfactoria.[21] En realidade, ninguén sabe cal foi a referencia de Tenniel á hora de crear a imaxe do personaxe nas ilustracións, si é que tivo algunha. Incluso os debuxos do propio Dodgson, no manuscrito orixinal, mostran un parecido máis ben escaso con Alice Liddell.

Anne Clark, biógrafa de Alice, suxeriu que o modelo para estes debuxos puido ser Edith, a irmá máis nova de Alice, pero tampouco hai forma de probar esta suposición.[22]

Sexa cal for o papel que Alice xogou como inspiradora do personaxe, o feito é que os libros están dedicados a Alice Pleasance Liddell. Ao final de A través do espello e o que Alicia atopou alí hai un poema acróstico que, tomando a primeira letra de cada verso, permite ler o nome completo da nena. Ese poema non ten título en Alicia a través do espello, pero adoita tomarse como título o primeiro verso, "A Boat Beneath a Sunny Sky" ("Baixo un solleiro ceo, unha barca"):

A boat beneath a sunny sky,

Lingering onward dreamily
In an evening of July--

Children three that nestle near,
Eager eye and willing ear,
Pleased a simple tale to hear--

Long has paled that sunny sky:
Echoes fade and memories die.
Autumn frosts have slain July.

Still she haunts me, phantomwise,
Alice moving under skies
Never seen by waking eyes.

Children yet, the tale to hear,
Eager eye and willing ear,
Lovingly shall nestle near.

In a Wonderland they lie,
Dreaming as the days go by,
Dreaming as the summers die:

Ever drifting down the stream--
Lingering in the golden gleam--

Life, what is it but a dream?

Alice Liddell na ficción contemporánea[editar | editar a fonte]

Varios escritores contemporáneos escribiron relatos de ficción acerca da vida de Alice Liddell. É un dos principais personaxes de das series Riverworld de Philip José Farmer, onde a fai namorada do famoso explorador inglés Richard Burton, amiga de Mark Twain e inimiga de Hermann Göring.

A poetisa canadense Stephanie Bolster compuxo tamén unha colección de poemas, White Stone, inspirada en Alice.

O libro Splintered (en galego, Susurros) da autora americana A. G. Howard conta a historia de Alyssa, inspirada na historia de Alicia Liddell, en que a protagonista viaxa ao País das Marabillas para arranxar os erros que a súa antepasada (Alicia Liddell) provocou cando descendeu polo tobo do coello.

Katie Roiphe é a autora dun relato de ficción, supostamente baseado en feitos reais, acerca da relación entre Alice e Carroll, titulado Still She Haunts Me.

A película de 1985 Dreamchild relata a viaxe a América para a conmemoración na Universidade de Columbia antes mencionada: a través dunha serie de flashbacks, promove a estendida idea de que Dodgson sentiuse románticamente atraído pola nena.

No episodio 9 da serie Warehouse 13 explícase a suposta orixe dos escritos de Lewis Carroll.

Nos videoxogos American McGee's Alice e Alice: Madness Returns, Alice é a protagonista dunha historia que relata os sucesos ocorridos despois dos libros Alicia no País das marabillas e Alicia do outro lado do espello.

O encontro entre Alice Liddell e Peter Llewelyn-Davies foi recreado, de moi diferente forma, na novela infantil Prohibido leer a Lewis Carroll de Diego Arboleda e na obra de teatro Peter and Alice de John Logan.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, p. 91.
  2. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, p. 608.
  3. http://news.bbc.co.uk/1/hi/wales/north_west/7754396.stm
  4. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, pp. 613-615.
  5. Algúns biógrafos de Lewis suxeriron que o verdadeiro obxecto de atención amorosa de Lewis non foi Alice, senón a súa irmá Edith. Citado en Karoline Leach, In the Shadow of the Dreamchild, p.201.
  6. "Los caminos de Wonderland". Babar, revista de literatura infantil y juvenil (en castelán). 10 de novembro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2018. Consultado o 13 de xuño de 2018. 
  7. Nunha carta conservada na biblioteca do Christ Church, citada por Morton N. Cohen, Lewis Carroll, p. 622.
  8. Citado en Morton N. Cohen, Lewis Carroll, p. 620.
  9. Douglas-Fairhurst, Robert (2015). The Story of Alice: Lewis Carroll and the Secret History of Wonderland. Harvill Secker. ISBN 1846558611. 
  10. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, pp. 100–104.
  11. Dos diarios de Carroll, citado por Morton N. Cohen, Lewis Carroll, p. 92. Esta expresión é seguramente unha broma erudita, en referencia a un verso do autor latino Catulo (Catulo 68, 148 Arquivado 08 de setembro de 2019 en Wayback Machine.), "quem lapide illa dies candidiore notat" ("o día que ela marca cunha pedra máis branca"): Carroll destaca así que o día revisteu para el unha especial importancia.
  12. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, p. 136.
  13. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, pp. 136-141.
  14. "Cut pages in diary". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2006. Consultado o 23 de xaneiro de 2007. 
  15. Tradución de Wikipedia do seguinte texto en inglés: "L.C. learns from Mrs Liddell that he is supposed to be using the children as a means of paying court to the governess - he is also supposed [unreadable] to be courting Ina" (Leach, 1999).
  16. Morton N. Cohen, "When Love was Young", Times Literary Supplement, outubro de 2003
  17. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, p. 603.
  18. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, pp. 605-606.
  19. Morton N. Cohen, Lewis Carroll, p. 165.
  20. Dodgson's MS diaries, vol.8, p. 89, British Library.
  21. Gardner, Martin, The Annotated Alice 1970, cap. 1
  22. Anne Clark, Lewis Carroll, 1982, p. 91

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Björk, Christina e Eriksson, Inga-Karin: The Other Alice, R & S Books, 1993. ISBN 91-29-62242-5.
  • Clark, Anne: The Real Alice. Stein And Day, 1982. ISBN 0-8128-2870-4.
  • Cohen, Morton N.: Lewis Carroll. Barcelona: Anagrama, 1998 (1ª edición en inglés de 1995). ISBN 84-339-0780-8.
  • Gardner, Martin: Introdución a Alice's Adventures under Ground by Lewis Carroll. Dover Publications, 1965. ISBN 0-486-21482-6.
  • Gardner, Martin (ed.): The Annotated Alice (edición revisada). Penguin Books, 1970. ISBN 0-14-001387-3.
  • Gordon, Colin: Beyond The Looking Glass. Harcourt Brace Jovanovich Publishers, 1982. ISBN 0-15-112022-6.
  • Gray, Donald J. The Norton Critical Edition of Alice in Wonderland, edited by Donald J. Gray [1].
  • Leach, Karoline: In The Shadow Of The Dreamchild. Peter Owens,1999. ISBN 0-7206-1044-3}}
  • Prose, Francine (2006). "Alice Liddell". Vidas de las musas (1a. ed.). Planeta. ISBN 84-8453-160-0. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]