Alberto Puente García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAlberto Puente García
Biografía
Nacemento8 de marzo de 1918 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte3 de maio de 2004 Editar o valor em Wikidata (86 anos)
Caracas, Venezuela Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Alberto Puente García, nado na Coruña o 8 de marzo de 1918 e finado en Caracas o 3 de maio de 2004, foi un dirixente comunista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Durante a Segunda República viviu en Madrid, onde se graduou como perito mercantil. Ao estalar o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 encontrábase na capital e incorporouse como voluntario ás milicias do Quinto Regimiento na fronte de Somosierra. En novembro de 1936 foi seleccionado xunto a un grupo de combatentes para organizar en Levante a 22ª Brigada Mixta do Exército Popular baixo o mando de Francisco Galán. Alberto Puente pertenceu ao seu Estado Maior. En decembro, a 22ª Brigada foi formada en Gandía.

Recibiu o bautismo de fogo na ofensiva do sector de Valdecebro, nos arredores da cidade de Teruel. De Valdecebro trasladáronse a Alfambra. En maio de 1937 constituíse a 39ª División, co gallo das operacións de Celadas. Como consecuencia o Estado Maior desprazouse a Cedrillas onde estivo até outubro de 1937, cando de novo se trasladaron a Alfambra. Coa 39ª División participou na batalla de Teruel. Despois instalouse en Manzanera, onde recibiu a visita de Juan Negrín, presidente do Goberno da República.

Coa caída da República Alberto foi seleccionado, xunto a un grupo de oficiais e comisarios políticos da 22ª Brigada para saír exiliados a través do porto de Alacant. Alí foi feito prisioneiro. Internado no campo de Bétera, pasou despois á prisión de Gandía. Saíu en liberdade provisional, pois a súa causa como combatente na guerra civil foi sobresida.

Volveu á Coruña. Viaxou a Madrid en 1941, onde mantivo unha entrevista co secretario xeral do PCE, Heriberto Quiñones para reconstruír a organización interior do partido. Alberto encabezou o Comité Rexional de Galicia. Na Coruña a policía tentou detelo pero escapou correndo a través dunha xanela. Perseguido e ferido de bala, foi detido en plena rúa en xaneiro de 1942.[1] Ingresou na prisión da Coruña, foi trasladado a Madrid onde o torturaron. Trasladado á prisión da rúa Porlier, pasou despois a Carabanchel onde participou na súa construción. Foi xulgado na prisión de Alcalá e condenado a morte, pero a sentenza foi conmutada pola de 30 anos que cumpriría no cárcere de Burgos.

Saíu en liberdade condicional en decembro de 1961, despois de vinte anos de cadea. Entrou en contacto con Julián Grimau, que pouco tempo despois foi detido e executado. Organizou a folga dos traballadores da construción en Madrid, en apoio á folga dos mineiros asturianos. Cando estaba organizándoa cesou a de Asturias. Debeu agocharse. A policía estaba tras a súa pista para que cumprira os seis anos que aínda lle restaban da condena. Desde o Comité Central decidiuse a súa marcha a París.

Visitou a Unión Soviética, Inglaterra e Iugoslavia. Asistiu con Enrique Líster en 1966 á cerimonia de condecoración do Estado da República Democrática Alemá aos defensores da liberdade. Encargouse da conformación de grupos organizados entre os traballadores emigrantes españois en Europa. Foi detido na estación de tren de Bonn-Bad Godesberg. Foi nomeado encargado de finanzas do Comité Central do Partido Comunista de España en París.

Marchou a Venezuela en 1968 coma apátrida, casado coa psicóloga venezolana Ilena Recagno.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, 15-1-1942, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fernández Rodríguez, Carlos (2020). Los otros camaradas: El PCE en los orígenes del franquismo (1939-1945) (en castelán). Zaragoza: Prensas Universitarias de Zaragoza. pp. 378–390. ISBN 9788417873707. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]