Acrocorinto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Murallas de Acrocorinto, desde o oeste, tal e como foron reconstruídas polos venecianos.
Mapa das ruínas de Acrocorinto.

O Acrocorinto (Ακροκόρινθος en grego) é a fortaleza situada na acrópole de Corinto (a 575 m. de altitude), co que é a de maior tamaño do Peloponeso. Foi utilizada durante a Antigüidade e a Idade Media.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi famosa na antigüidade polas súas defensas e polo templo dedicado a Afrodita, no que servían numerosas hieródulas. A acrópole de Corinto xa constituía unha posición ben defendíbel por causa da súa forma, mais foi fortificada polos cipsélidas desde o século VII a.C. e renovada por Xustiniano como sé dos estrategos do tema de Hellas. Os francos utilizáronna durante a Cuarta Cruzada, e posteriormente os venecianos e os turcos. Grazas a que dispuña de acceso a fontes de auga, a fortaleza de Acrocorinto utilizouse como derradeira liña de defensa no sul de Grecia para evitar que as forzas inimigas entrasen na península do Peloponeso. As defensas consistían en tres murallas. O templo de Afrodita foi cristianizado e posteriormente convertido en mezquita. A Escola Americana realizou excavacións en Acrocorinto en 1929 e na actualidade visítase como un dos castelos medievais máis importantes de Grecia.

Pausanias, o xeógrafo do século II, narra na súa Descrición de Grecia un mito corinto: Briareo, un dos hecatónquiros, facía de xuiz nunha disputa entre Poseidón e Helios acerca do mar e o sol e decidiu que o Istmo de Corinto fose para Poseidón e a acrópole de Corinto para Helios.

A fonte Peirene está situada no interior das murallas. Pausanias di que está situada detrás do templo e que foi un presente de Asopo a Sísifo a cambio da información de que forz Zeus quen violara á filla de Asopo, Exina.