Acción Católica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Acción Católica é unha forma de apostolado na que os laicos se asocian para o anuncio do Evanxeo a todos os homes e ambientes, de acordo coas necesidades da Igrexa Católica. Foi fundada de acordo coas directrices do papa Pío XI e do Concilio Vaticano II, e organízase na forma xurídica de asociación pública de fieis.

Historia[editar | editar a fonte]

Por influxo do Congreso de Malinas creouse en Italia en 1865 a primeira asociación católica de ámbito «nacional» (aínda sen ter completado a unificación), denominada Asociación Católica para a Liberdade da Igrexa. En 1867 fundouse a Sociedade da Xuventude Católica, e inspirade nela xorde a partir de 1874 a Obra dos Congresos. O enfrontamento da Igrexa católica co Estado italiano liberal pola cuestión romana e a política anticlerical e a prohibición papal de que os católicos participaran nas eleccións como electores ou candidatos limitaron a participación dos católicos ao ámbito asociativo.

Consolidación e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

En 1891 produciuse un cambio fundamental no catolicismo europeo coa publicación da encíclica Rerum Novarum, na que León XIII estableceu as bases para unha maior penetración social das agrupacións de carácter confesional, diante da preocupación vaticana pola inexistencia dun partido católico que defendera os seus intereses alí onde a nova organización do estado liberal reducía a tradicional influencia da Igrexa.

Pío XI dispuxo unha reorganización do movemento católico italiano na súa encíclica Il firmo proposito (11 de xuño de 1905), na que se establecían as bases da constitución da Acción Católica como actividade organizada dos laicos católicos en orde a «unificar as súas forzas para situar de novo a Xesucristo na familia, na escola e na sociedade». Na concepción de Pío X, sen embargo non existía apenas marxe para unha actividade autónoma dos laicos no campo propiamente secular, que deste xeito se convertían en meros executores baixo o control dos bispos, estreitamente sometidos pola súa parte ás directrices de Roma.

Foi o papa Pío XI quen deu forma definitiva a Acción Católica e a definiu como «participación dos laicos no apostolado xerárquico», concibíndoa como unha forza activa que agrupara aos fieis baixo a autoridade episcopal para lograr unha recristianización dos costumes e da vida pública. Acción Católica aparecía así como una ferramenta fundamental na tarefa de instaurar o reino de Cristo na sociedade e de combater a influencia do laicismo. Ao identificar Acción Católica coa xerarquía non se buscaba unicamente o control da iniciativa dos laicos, senón tamén protexer esta actividade apostólica dos ataques dos réximes totalitarios que trataban de impedir calquera movemento xuvenil distinto dos encadrados nos partidos únicos; de aí o empeño de Pío XI de incluír garantías para o funcionamento de Acción Católica nos concordatos subscritos baixo o seu pontificado.

Un dos campos nos que Acción Católica se moveu con maior intensidade e interese foi o educativo-escolar, coa intención de abrir novos vieiros de intervención do movemento católico dentro do estado, creando coa súa decidida intervención no ámbito educativo un estado de opinión católico favorable, cando menos entre as clases máis podentes, que eran as que lles inscribían maioritariamente aos seus fillos nos colexios relixiosos. Tamén elaborou unha continua campaña en contra da secularización do estado e consecuente perda dos privilexios da Igrexa.

A importancia de Acción Católica está en que foi o primeiro intento firme de organizar unha asociación católica e política, produto da nova orientación corporativa que tomou o Movemento Católico, creando a base para o posterior desenvolvemento do catolicismo socio-político.

En España[editar | editar a fonte]

Acción Católica foi fundada en Madrid en xuño de 1900. Nos seus primeiros tempos estruturouse en catro divisións (homes, mulleres, rapaces e rapazas), aínda que decontado foron admitidas organizacións especializadas no seo dalgunhas delas. Josef Cardijn fundou en 1912 a Xuventude Obreira Cristiá (XOC), coa que nace a especialización de Acción Católica, que se estruturou por movementos: Xuventude Agrícola Católica (XAC), Xuventude Estudante Católica (XEC), Xuventude Independente Católica (XIC), Xuventude Obreira Católica (XOC) e Xuventude Universitaria Católica (XUC). Dirixidas a adultos, a Acción Católica Obreira (ACO), a Acción Católica Independente (ACI) e o Movemento Familiar Rural (MFR). En 1946 fundáronse as Irmandades Obreiras de Acción Católica (IOAC). Comezando por Catalunya, iniciouse, partindo da XOC, o proceso que ía levar á constitución de toda a serie de movementos especializados, ata que estes, que xa existían de feito, quedaron integrados na xuventude masculina (Juventud de Acción Católica Española). A partir do Concilio Vaticano II (1962-1965), os movementos especializados entraron nunha profunda crise. Dende a década de 1970, houbo unha nova recuperación destes movementos, malia que non chegaron a converterse no que foran durante decenios anteriores. En 1993 a Conferencia Episcopal Española aprobou uns novos estatutos para a Acción Católica que lle conceden unha ampla autonomía.

En Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia Acción Católica apareceu en 1926 na diocese de Ourense e logo espallouse polas demais dioceses galegas. Proliferaron as seccións de Acción Católica nas cidades e vilas máis importantes, coordinadas pola Junta Central de Madrid. Durante unha primeira etapa que vai ata 1968 constituíronse as catro pólas de cada diocese (homes, mulleres, xuventude masculina e feminina), creáronse os Cursillos de Cristiandad, naceron movementos especializados como XOC, IOAC, XEC, APU, XARC ou XIC, editouse a revista Ultreya, establecéronse os servizos bibliográficos e creouse unha biblioteca popular. En 1968, malia promulgarse uns novos estatutos, iniciouse un período de crise que levaría á case total desaparición dos movementos especializados nas dioceses galegas. En 1972 comezou unha nova etapa de relanzamento promovida polo Episcopado Español nas dioceses de Ourense, Lugo e Tui-Vigo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Acción Católica