A galega da moeda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A galega da moeda
ArtistaBartolomé Esteban Murillo ou un seguidor seu.
DataCa. 1645-1659
TécnicaÓleo sobre lenzo
MovementoBarroco
Dimensións63 cm × 43 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

A galega da moeda é unha pintura barroca de Bartolomé Esteban Murillo ou, máis probablemente, de autoría anónima atribuíble a un seguidor seu. O cadro consérvase no Museo do Prado de Madrid.

Descrición[editar | editar a fonte]

Trátase dun óleo sobre lenzo pintado cara a mediados do século XVII, presumiblemente entre 1645 e 1659, cunhas medidas de 63 x 43 cm.[1]

A pintura presenta a figura dunha rapaza de medio corpo e inclinada, coa cabeza cuberta por un pano branco, que olla cara ao espectador cun sorriso, como ofrecéndolle unha moeda que leva na súa man dereita. A imaxe está iluminada intensamente por unha luz proveniente do lateral esquerdo.[1]

A técnica é suave e delicada, cunha grande atención ao detalle tanto na roupa como na expresión facial da rapaza. O artista utilizou unha paleta de cores suaves e cálidas, que acentúan a beleza natural da modelo.[2]

Algúns autores, como Jonathan Brown, atribúenlle a esta obra e a outras pinturas costumistas de Murillo un certo contido erótico,[3] e mesmo se chegou a identificar o tema d'A galega da moeda co d'A cortesá, de Jacob Adriaensz (1608-1651),[4] no que se amosa unha rapaza cos peitos descubertos amosando unha moeda, como indicativo do prezo dos seus servizos. Con todo, o estudoso da obra de Murillo e a súa época Enrique Valdivieso nega tal interprteación.[5][6]

O cadro pertence aos fondos do Museo do Prado, de Madrid, aínda que non se amosa na súa exposición permanente.[1] O mesmo museo alberga tamén unha copia litográfica d'A galega da moeda creada por Enrique Blanco entre 1826 e 1837, coa intención de ilustrar o terceiro volume da Colección litográfica de cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, aínda que finalmente non formou parte dela.[5][7]

Autoría[editar | editar a fonte]

Anteriormente este cadro foi adquirido como obra de Bartolomé Esteban Murillo por Isabel de Farnesio,[6] e nos inventarios posteriores a súa atribución alternou entre Murillo e un autor anónimo.[8]

Algúns autores sosteñen que foi pintado polo propio Murillo na década de 1670, durante a súa estadía en Madrid.[2] Angulo Íñiguez suxire, pola contra, unha probable autoría francesa ou italiana.[9] Pola súa banda, Valdivieso, no seu estudo sobre os discípulos e os seguidores de Murillo, adscribe a autoría da obra a este grupo de pintores,[10] que cultivaron unha pintura de xénero.[1][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "La gallega de la moneda". Museo del Prado (Museodelprado.es).
  2. 2,0 2,1 "La Chica con una Moneda (Niña de Galicia)". Kuadros.com
  3. Brown, J. (1982). "Murillo, pintor de temas eróticos. Una faceta inadvertida de su obra". En Goya. Revista de Arte. Nº 169-171. Páxinas 35-43
  4. "Cortesã. Museu Nacional de Arte Antiga". Matriznet.dgpc.pt
  5. 5,0 5,1 Valdivieso, E. (2002).
  6. 6,0 6,1 Pastoriza, F. R. (2017).
  7. "La gallega de la moneda. 1826-1837. Aguatinta litográfica". Museo del Prado (Museodelprado.es).
  8. 8,0 8,1 Orihuela, M. (1996). Páxina 100.
  9. Angulo Íñiguez, D. (1981). Vol. II. Páxina 557.
  10. Valdivieso, E. (2018). Páxinas 386-387.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]