A Matraca Perversa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Matraca Perversa
OrixeA Estrada - Compostela, Galiza
Período2004 - ?
Selo(s) discográfico(s)autoedición

A Matraca Perversa é un grupo musical galego, formado entre Compostela e A Estrada contra o ano 2002.[1] A maior parte dos seus membros viñan doutras formacións, algunhas tan relevantes como Xenreira ou Nen@s da Revolta. O estilo da banda estivo dende o principio aberto á experimentación, pero cunha base máis próxima ao ská e aos ritmos latinos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa primeira formación estábel estaba formada por Marcos Payno (saxo alto e voz), Sevi (saxo tenor e coros), Iago (percusións), Mariano (baixo), Pablito (batería), Manu Payno (trompeta e coros), Jasper (guitarra e voz) e Alex Salgueiro (teclado).

A idea orixinal do grupo era a de facer música de festa e ao mesmo tempo servir como ferramenta de intervención social, cun compromiso político moi marcado. A aparición da banda e a súa primeira popularidade está moi vencellado ao momento social que estaba a vivir a Galiza, tras a catástrofe do Prestige. Nese tempo, A Matraca Perversa, colabora con distintos colectivos como Nunca Máis ou Burla Negra, denunciado a manipulación dos medios da catástrofe. Nesa liña de denuncia está o seu primeiro traballo Mass Circus Media, gravado no 2003 con poucos medios técnicos e distribuído gratuitamente a través da páxina web do grupo.

A principios do ano 2005 sacarán á luz o seu segundo traballo Evolucionários, autoproducido pero cunha perspectiva moito máis ambiciosa e colaboracións como as de Ugia Pedreira ou Xurxo Souto. A xira de presentación do disco lévaos por toda a Galiza e tamén a Euskadi.

Entre o ano 2005 e comezos do 2006 o grupo sofre diversos cambios na súa formación, sendo se cadra o máis destacábel a marcha de Marcos Payno. O grupo continúa a súa traxectoria, dando os seus primeiros concertos na outra beira do Atlántico e anunciando un novo disco para o 2007. Porén diversos factores levan a que a banda cese as súas actividades por un longo tempo, non volvendo a aparecer até mediados do 2007, cunha participación no concurso A polo ghit co tema "Mala herba",[2] e unha colaboración na homenaxe 120 capadores a Os Diplomáticos de Monte-Alto.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Mass Circus Media (autoeditado, 2003).
  • Evolucionários (autoeditado, 2005).

Discos colectivos e recompilatorios[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A Matraca Perversa" (PDF). Troula na Banda. Consultado o 3 de novembro de 2023. 
  2. "Xa hai 18 candidatas a seren canción do verán". Vieiros. Consultado o 3 de novembro de 2023.