A ópera dos tres reás
A ópera dos tres reás (en alemán Die Dreigroschenoper) é unha peza de teatro de Bertolt Brecht con música de Kurt Weill. É unha versión actualizada dunha ópera inglesa do século XVIII, The Beggar's Opera. Contén unha feroz crítica social, expresada por medio dunha música composta para unha orquestina de cabaré e cantada por actores que non son cantantes profesionais.
A "peza con música nun prólogo e oito imaxes" foi estreada no Theater am Schiffbauerdamm de Berlín o 31 de agosto de 1928, e foi a obra de máis sona en Alemaña até a toma de poder do partido nazi o 30 de xaneiro de 1933. Algunhas das súas cancións acadaron grande éxito, como a "Moritat" de Mackie Messer.
A palabra alemá "Groschen" do título describe unha variedade de moedas de pouco valor, polo que o termo foi traducido ás diversas linguas segundo o ámbito cultural como penique, centavo, cuarto, peseta, vintém ou perra gorda, amais de real na adaptación galega.
Índice |
[editar] Trama
A obra está ambientada no Londres de mediados do século XIX, durante a coroación da raíña Vitoria. A acción dura 45 horas, a maior parte de noite, e desenvólvese en espazos interiores agás o prólogo e a escena final.
O prólogo transcorre no mercado do Soho. Unha canción loa as actividades delitivas do canalla Mackie Messer (Mackie da Faca), o capitán dos bandidos.
No acto I aparece Jonathan Jeremías Peachum, o amo dunha empresa que dá licencias aos mendigos para pediren esmola a cambio dunha parte dos beneficios. A empresa funciona como unha mafia, pois ofrece protección, pero castiga aos que traballan pola súa conta. Peachum está inquedo porque é tarde e a súa filla Polly aínda non chegou a casa. Esa noite, Polly está a casar con Mackie nun cortello, que a súa corte de bandidos decorou para a ocasión con mercadoría roubada. Un dos invitados á voda é o capitán da policía Brown, vello amigo e camarada de Mackie na guerra. Polly explica aos seus pais que casou con Mackie, pero o pai procura o modo de levar ao xenro á cadea.
No acto II Peachum presiona a Brown para que arreste a Mackie. Avisado por Polly, Mackie decide marchar da cidade, confiando á súa muller a dirección da cuadrilla de maleantes. Porén, antes de marchar vai a un bordel do Soho rexentado pola súa amiga Jenny. A nai de Polly suborna a Jenny, que delata a Mackie á policía, e o capitán Brown vese obrigado a arrestar ao seu amigo. Lucy, a filla de Brown, vai á prisión e dille a Mackie que lle prometera casaren, e ao pouco chega Polly, comezando a discutir e pelexar as dúas rapazas. Lucy axuda a Mackie a escapar.
No acto III prepáranse as festas da coroación. Peachum advirte a Brown de que os mendigos farán unha gran revolta se Mackie non volve a cadea. Traizoado de novo por Jenny, Mackie acaba condenado á morte na forca. A xente vai en masa a presenciar a coroación, agás os bandidos da cuadrilla de Mackie e a súa esposa Polly. No último momento, cando xa ten a soga no pescozo, chega un mensaxeiro do rei que lle anuncia o indulto, amais dun título nobiliario e unha pensión vitalicia.
[editar] Personaxes
- Macheath (Mackie da Faca)
- Jonathan Jeremiah Peachum (propietario da empresa "Bettlers Freund")
- Celia Peachum, a súa muller
- Polly Peachum, a súa filla
- "Tiger" Brown, xefe da policía
- Lucy Brown, a súa filla
- Jenny
- Filch (uno de los mendigos de Peachums)
- Maleantes: Serrucho, Walter Funeral, Dedotorto, Patacón
- Policías: Smith
- Putas: Betty, Dolly, Molly, A Vella
- Mendigo condecorado, alegre tolleito, toliña das bolsas, trobeiro cego
[editar] Estilo
Bertolt Brecht denunciou o carácter imperativo das obras de teatro románticas, baseadas no principio de que o público se debe identificar co heroe tráxico e na catarse acepta o destino. Pero para o marxismo, o destino non existe, a sociedade está suxeita a unhas condicións económicas que poden e deben cambiarse. No novo teatro, o público debe distanciarse da acción e pensar por si mesmo, gañando conciencia de clase.
N' a ópera dos tres reás acádase este distanciamento ao adoptaren os personaxes marxinais, de forma irónica e por beneficio propio, certas convencións sociais, subliñadas por medio de convencións musicais: Mackie celebra unha voda suntuosa nun cortello, e despois canta un dueto de amor. Weill crea un estilo musical sumamente vulgar, con influencias do jazz e un dominio da melodía monótona e dos ritmos intensos.
[editar] Adaptacións
A obra foi traducida a 18 linguas, e adaptada ao cinema por Georg Wilhelm Pabst en 1931.
En 2011 foi levada aos escenarios polo Centro Dramático Galego, adaptada por Pepe Sendón, con dirección escénica de Quico Cadaval e dirección musical de Diego García Rodríguez. O elenco estaba formado por César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf", Muriel Sánchez, Begoña Santalices, Luís Tosar e Sergio Zearreta. Na orquestra estaban Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez Rial, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich. Esta versión modificaba a ambientación. En vez de Londres na coroación da raíña, era unha cidade imaxinaria que recibía a visita do Papa da igrexa católica.