Fran Pérez Narf

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Narf")
Fran Pérez
Nome completo Francisco Xavier Pérez Vázquez
Alias Narf
Naceu 1968
Orixe Silleda, Galiza Galicia
Ocupación (s) compositor, cantor
Instrumento(s) guitarra
Relacionado con Aló irmao!

Francisco Xavier Pérez Vázquez, coñecido como Narf, nado en Silleda en 1968, é un compositor e cantante galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Trasladouse aos poucos anos a Santiago de Compostela. Presentou a súa música en festivais internacionais como o Mercado Cultural de Salvador de Bahía, Câmbio Sonoro (Recife), Antídoto (São Paulo), varias edicións do Festival d'Agosto (Maputo), Festival de Mindelo, ou Cantos na maré (Pontevedra). Tamén noutros ámbitos como Bafim (Bos Aires), London City Festival (Londres) ou Liet Lavlut (Östersund), onde acadou o segundo posto no concurso da canción en linguas minorizadas europeas. Levou tamén a súa música a palcos de Porto Alegre, Niterói, Río de Xaneiro, Guinea-Bisau, Varsovia, Nova Deli, Katmandu, Brighton, Barcelona, Sevilla, Cracovia ou Newcastle.

Foi membro de grupos como Psicofónica de Conxo, Os Quinindiolas ou Nicho Varullo.

Compuxo máis dunha trintena de bandas sonoras para producións teatrais de diferentes compañías en Galicia e Portugal, como Salomé ou A boa persoa de Sezuán, co Centro Dramático Galego.

No mundo do audiovisual, destaca a súa participación como compositor no filme de animación para nenos O labirinto dos soños, con texto e dirección de Pepe Sendón, ademais de diversos traballos no ámbito dos documentais, como Galicia Une.

Foi un dos catro fundadores da Sala Nasa en 1992, compoñendo, entre outros labores, cancións para a Banda da Nasa até 1998, ano en que abandona o proxecto. Alén disto, ten participado como actor nalgunhas montaxes teatrais, orixinalmente como membro da compañía Chévere (Máquina total, Annus Horribilis e outros).

Traballos publicados[editar | editar a fonte]

Todos eles baixo a produción de Antonio Vázquez.

Traballos como Narf[editar | editar a fonte]

  • Narf. Directo en Compostela, 2003.
  • Tótem, 2007.
  • Nas tardes escuras, ((2013)).

Traballos con Manecas Costa[editar | editar a fonte]

  • Aló irmao!, 2010.

Outros proxectos compartidos[editar | editar a fonte]

  • NICHO VARULLO (L.P. 1991)
  • OS QUININDIOLA (DEMO 1992)
  • PSICOFÓNICA DE CONXO (C.D. PSICÓPOLIS 2000) (C.D. EXTRAMUNDI 2003)
  • LABIRINTO DOS SOÑOS (C.D + C.D ROM 2002)
  • Xira musical con JAVIER MUGURUZA e MIQUEL GIL no espectáculo conxunto MUNDO CAFÉ.
  • Proxecto musical BUMBA, no 2005, xunto a catro artistas mozambicanos pertencentes ao grupo TIMBILA MUZIMBA, presentado en Galiza e Maputo.

Premios[editar | editar a fonte]

Como compositor para teatro ou espectáculos[editar | editar a fonte]

  • Premio da Crítica ao mellor musical do 1995, en Barcelona, pola ópera cómica Annus horribilis, con libreto de Pepe Sendón.
  • Premio María Casares á mellor música orixinal no 1997, por Finis Mundi Circus (Mofa e Befa). Con Piti Sanz.
  • Premio María Casares á mellor música orixinal no 1998, por Órbita mutante (Chévere). Coa Banda da Sala Nasa.
  • Premio María Casares á mellor música orixinal no 2003, por Río Bravo'02 (Chévere).
  • Premio María Casares á mellor música orixinal no 2004, por Sidecar (Belmondo).
  • Premio Mestre Mateo á mellor curta de animación, por un dos capítulos da obra musical O labirinto dos soños (texto e dirección de Pepe Sendón).
  • Premio María Casares á mellor música orixinal no 2010, por O segredo dos Hoffmann (Lagarta Lagarta).

Como músico[editar | editar a fonte]

  • Segundo posto no concurso de canción en linguas minorizadas europeas, Festival Liet Lavlut de Suecia, co tema Santiago, publicada dentro do seu disco Tótem.
  • Número 1 no Top ten da RTP-África durante tres semanas de agosto de 2010 co disco Aló irmao!.
  • Premio galego da musica na categoría de rock (2013) (Asociación de musicos ao vivo)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]