Torreya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Torreya, as torreias, é un xénero de coníferas que comporta entre cinco ou seis especies, tratadas ben coma Cephalotaxaceae, ou coma Taxaceae cando esa familia é considerada nun sentido amplo. Catro son orixinarias do leste de Asia, as outras dúas orixinarias de América do Norte.

Descrición[editar | editar a fonte]

Son árbores de pequeno a mediano tamaño que alcanza 5–20 m, raramente 25 m, de alto.[2]

As follas están dispostas en espiral nos gomos, mais tortas na base para ficaren en dúas ringleiras planas; son lineais, 2–8 cm de longo e 3–4 mm de largo, de textura dura, cunha aguda punta espiñenta.

Torreya pode ser monoica ou dioica; cando monoicas, os estróbilos masculino e feminino están a miúdo en pólas diferentes. Os conos de pole masculinos teñen 5–8 mm de longo, agrupados en liñas ao longo das partes inferiores do rebento. Os conos femininos (de sementes) son únicos ou en grupos de 2-8 xuntos nun pedúnculo curto; miúdos ao principio, madurecen ao redor de 18 meses nunha estrutura semellante ás drupas coa semente parecida a unha noz de 2–4 cm de longo arrodeados por unha cuberta carnosa, verde a púrpura até a plena madureza. Nalgunhas especies, en particular a xaponesa Torreya nucifera (Kaya), a semente é comestíbel. A dispersión natural crese que é axudada polos esquíos que soterran as sementes como alimento de inverno; as sementes que fiquen sen comer, despois serán quen de xermolaren.

Torreya californica (a torreia de California) é endémica de California. É a especie máis grande, que acada os 25 m de alto.

Torreya taxifolia ten un hábitat restrinxido dentro do Parque estatal de Torreya, ao longo da beira oriental do río Apalachicola na Florida Panhandle e inmediatamente adxacente ao extremo sur do estado de Xeorxia. Elvy E. Callaway dicía que fora a madeira usada na construción da Arca de Noé. É unha especie en perigo, que sufriu un gran declive en número por mor dunha doenza fúnxica (posibelmente Phytophthora), e mais o quecemento global posglacial; con todo, os exemplares cultivados medran moi ben e rexenéranse naturalmente en climas máis frescos do norte de Xeorxia e oeste de Carolina do Norte. A chamada "migración asistida", o movemento intencional dunha planta fóra da súa área de distribución histórica (aínda que quizais consistente coa súa área de distribución hai moito tempo) converteuse nun tema importante na comunidade conservacionista nos anos 2007 e 2008, con T. taxifolia como a planta presentada.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito por George Arnott Walker Arnott e publicado en Annals of Natural History 1: 130–132. 1838.[3] A especie tipo é: Torreya taxifolia

Etimoloxía

Torreya: nome xenérico que recibe o seu nome dun botanista estadounidense, John Torrey.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. W. H. Camp, H. W. Rickett and C. A. Weatherby 1947. International rules of botanical nomenclature, Appendix III: Nomina Generica Conservanda. Brittonia, 6(1):1–120 (Sección 10, páxina 47) [1]
  2. Eckenwalder, J.E. 2009.
  3. "Torreya". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 21 de agosto de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]